caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Premios Xerais: a crónica
> Premios Xerais: a crónica <

Despois do xantar en Cas Yáñez quedo ás cinco e media na Praza de Galicia con Yolanda López, que me acompaña á entrega dos Premios Xerais. Iniciamos viaxe a Redondela coa Balada do louco de Os Mutantes soando ao fondo; entramos na vila co tempo xusto e o primeiro que atopamos é un louco sen balada que nos avisa de que alí non hai nin porto nin peirao. Cando por fin chegamos vemos que canda nós vén Yolanda Castaño, por certo guapa a rabiar, e dígoo eu que moi fan dela non son (da conselleira de cultura, Ánxela Bugallo, si, non llelo nego). Ao pé do barco que nos levará a San Simón está o director xeral da editorial, Manolo Bragado, que se de algo peca é de xenerosidade. Embarcamos para a Illa na compaña sempre agradábel de Ian, un home que transmite unha permanente sensación de bondade tranquila. Facemos memoria de vellas arroutadas cometidas hai só un ano e que porén xa nos parecen máis ben propias da era de Cuéntame.

Celia Torres, directora de promoción de Xerais, presenta e conduce a parte máis formal da velada, que arranca coa actuación da xente de Treixadura, os gaiteiros e o orfeón. No seu papel de mantedor literario, Manuel Rivas bota un discurso inzado dos tags habituais (a Marca do Medo, o Pobo da Noite, o almeiro, as cereixas, o pé do mariñeiro) e tamén con referencias a James Lovelock e a súa hipótese Gaia. Moi lírico, moi sentido e algo longo. E a seguir, os premios. O primeiro, o Merlín de literatura infantil, que na edición número vinte e un vai ás mans do até antonte descoñecido Agustín Agra pola obra O tesouro da lagoa de Reid 'Is, que empezou sendo un relato que o autor quería regalarlle a un sobriño polo seu aniversario. Xa case era noite cando lle fun dar os parabéns; falo un bocado con el e cóntame que ten como referentes principais a Antonio Reigosa, Xosé Miranda e An Alfaya.

O sábado entregábase tamén un novo premio, o Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil. O gañador foi Santiago Jaureguizar, que desfilou polo corredor como unha noiva. O seu libro, A Cova das Vacas Mortas, non fará que se removan de envexa na tumba os ósos de Robert Louis Stevenson, pero é unha moi digna novela para rapaces que saca partido dos mellores recursos do escritor, en especial a súa capacidade para os diálogos áxiles e naturais afastados dese colegueo comeorellas típico dos exemplos máis nefastos do xénero. Ambientada nun escenario xa presente noutra obra anterior, unha comuna hippy de Negueira de Muñiz, A Cova das Vacas Mortas introduce un elemento fílmico moi suxestivo: o avó do protagonista do relato, a quen se lle vai bastante a cabeza, di ter sido colaborador da directora Leni Riefenstahl, autora dos documentais O triunfo da vontade e Olimpíada e estreitamente vencellada ao nazismo. O texto ábrese así a reflexións algo máis fondas, en especial a necesidade dunha actitude comprometida ante certas situacións nas que non é posíbel a indiferencia, sen perder por iso un ritmo fluído e lixeiro.

Nas súas primeiras palabras como vencedor do Premio Xerais de novela con Tres segundos de memoria, Diego Ameixeiras empezou citando a Alvárez Rabo, e iso xa indica con claridade que entre esta novela e a de Teresa Moure hai algo máis que unha mudanza xeracional. Confésolles que o debut na novela de Ameixeiras, Baixo mínimos, a primeira entrega das andanzas do detective Horacio Dopico, non chegou a interesarme o suficiente e fíxome ter saudades, moitísimas, dos libros de Aníbal C. Malvar. Confésolles tamén que o meu trato con el é en tempo aproximadamente igual ao que reflicte o título da súa novela recén premiada, e ademais entre Diego e máis eu hai diferenzas practicamente irreconciliábeis. Polas noticias que teño diría que esta novela súa non é a clase de obra que me fai ir correndo ás librarías, pero teño ben claro que eu non son a medida de todas as cousas, por raro que lles pareza a todos os que me cren moi arrogante e soberbio, e teño a certeza de que para ese rexistro narrativo que Diego pode manexar cos ollos pechados existe un público, seguramente distinto do que teñen Ferrín e Cid Cabido e para o cal o sistema editorial galego no seu conxunto non acostuma a mirar demasiado. Digo isto porque xa empezo a ver por alí e por acolá comentarios algo ousados daqueles que non senten a necesidade de ler as obras para falar mal delas. A novela de Diego pode ser boa, mala ou regular, pero para decidir iso haberá que agardar a que se edite e poidamos lela se é que nos peta. Iso pasa coa de Diego, e con todas, por outra parte; tamén coa nova de Rivas, por exemplo, que xa parece que hai xente desexando que saia á luz para poñela podre antes de abrila pola primeira páxina.

O último en intervir é Manolo Bragado, que fixo unha emotiva lembranza dos desaparecidos Lázaro Enríquez e María Victoria Moreno. A iso das nove comeza a romaría, momento de confraternización gastronómica con Yáñez&Yáñez e algúns dos habitantes de la nevera amenizado pola música dos gaiteiros. Berto, que é un santo, atura sen queixarse que lle fale de Béla Tarr e de Pedro Costa, despois de descubrirmos algunhas debilidades comúns. Suso de Toro insiste en que quere abrir un blog, metade en español, metade en galego reintegrado, as súas ferramentas lingüísticas de traballo hoxe por hoxe, seica; sigo preguntándome se non querería dicir galego normativo. Di que non sabe nada e que ten que aprender, e eu suxírolle que se dea de alta en BloGaliza, que alí é todo moi sinxelo. Perdo a ocasión de saúdar de novo a Fina Casalderrey e Mariano García, pero si podo lerchear un pouco con outra parella entrañábel, Xurxo Souto e a irresistíbel Sofía de Labañou. Con Jaureguizar fago un aparte cinéfilo guiado pola admiración compartida pola señora Riefenstahl, cuxa obra está agora, por fin, editada en DVD en condicións aceptábeis. Ignacio Chao, sabio e prudente, cóntanos unha historia que ninguén crería se non fora que é real; fica pendente falarmos de música brasileira (e de John Coltrane). Nesas andabamos cando chegou o momento de volver ao continente. No barco prosegue a tertulia con Chao e Jaureguizar, e axiña súmase Bragado. Falamos de literatura, do debate eterno sobre o equilibrio entre o material narrativo e o valor da palabra. Tan lonxe da prosa que gosta de enumerar peripecias como dos xogos de linguaxe inútiles, eu cada día creo menos na importancia do qué e do cómo e paréceme máis decisivo o para qué.

Xa en terra despídome de Yolanda, que vai para Santiago, non sen facer antes intercambio de papel impreso. Teño o pracer de coñecer a Fran Alonso e sobre todo a Agustín Fernández Paz, o segundo mellor escritor de LIX do mundo coñecido (o primeiro xa saben quen é). Agustín dime que le a cotío o meu blog, conseguindo que o meu ego saia disparado até as capas máis altas da atmosfera, e avísame de que á volta do verán van facer na Coruña o encontro sobre a creación de Corredores de sombra que tivo que suspenderse hai poucas semanas e ao cal me convida expresamente. Barallan como data, disque, o mes de setembro. É un mes ben bonito, si, sobre todo a primeira metade. A segunda non o é tanto, sobre todo os días que van do 21 ao 30 de setembro nos que se celebra o Festival de Cine de Donostia. Non sei se me explico.

Pasa ben da medianoite cando volvo con Jaureguizar para Coruña. Promete falarme de Shakespeare, pero a conversa deriva cara outros autores infinitamente menos valiosos. Para tirar a soneca de riba paramos a tomar café á altura de Ordes, na área de servizo de Ameixeira, redondeando de maneira inesperada unha noite na que eu polo menos paseino de vicio. Na Coruña, cabo das dúas, agarda BossaNova cunhas amigas nunha tetería flipante próxima á praza de España. Pecho a noite cunha cervexa no Bamba, sacudindo o feliz cansazo dos días longos.

2006-06-12, 02:43 | 39 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/40758

Comentarios

1
De: Pasaba por aquí Fecha: 2006-06-12 10:44

Semella que coñece moi ben a novela de Jaureguizar. ¿Xa a leu?
Iso de ambientarse nun sitio xa xoñecido é sospeitoso de cara ó xurado...



2
De: Martin Pawley Fecha: 2006-06-12 12:15

Home, o sitio (Negueira de Muñiz) é coñecido de todos, e dificilmente poderían coñecer esa novela, Casa Skylab, os rapaces e rapazas que formaban parte do xurado do premio. Por outra parte, tampouco hai nesta Cova das Vacas Mortas rasgos diferenciais que permitisen nin tan sequera a un experto identificar quen é o seu autor.

Eu tiven ocasión de ler o texto hai uns cantos meses; desde aquela até hoxe sufriu modificacións, pero teño entendido que non mudou radicalmente.



3
De: sapoconcho Fecha: 2006-06-12 12:24

Home, o de Jaure cheira un pouquiño, eu non é por ser malo, pero tan xenio non será como para botar novelas elevadas como churros. Por outra banda, pola sinopse do seu texto, ben parece un colacao de Casa Skylab e Cabaret Voltaire, non?



4
De: Martin Pawley Fecha: 2006-06-12 12:32

Parécese a Casa Skylab en que hai unha comuna, e a Cabaret Voltaire no "elemento alemán". Pero esta é unha novela xuvenil e con protagonista adolescente.

Polo demais, non é preciso ser un xenio para escribir unha novela; hai que selo para facer novelas xeniais.



5
De: irreal intauto featuring beatriz manjón Fecha: 2006-06-12 13:06

sinceramente, martín, non liches dabondo para falar así de literatura. e nótaseche. iso das opinións contundentes está moi ben, pero hai que substancialas. A menos que teñamos que crerte por seres quen es, claro...

coñecemos a túa obra ou sempre quixeches ser el típico crítico perdonavidas?

ás veces enternécesme, macho. pro nao te enganes: a túa impostura é tan visible coma os teus wrangler.

quédache mal, vaia. nin grande nin pequena: non é críbel e faiche o cú gordo.

É moi probable que consigas vivir disto. Tamén falas de cine con antón losada?

bicos, anda. mira que me dá a risa...



6
De: david johanssen featuring françoise hardy & lola gaos Fecha: 2006-06-12 13:13

sei que non te porás tontiño, pola conta que che trae.

no que a min respecta, non penso darye vidiya ao teu baldosín (aínda me debes pasta e dilatas menos que eva braun). Esencialmente non sabes discutir.

PD: Desde logo, berto é un santiño (cercado ás veces polo posibilirmo).



7
De: Martin Pawley Fecha: 2006-06-12 13:31

Home, irreal, xa me tardaba velo por aquí. Déalle os meus máis sinceros parabéns ao seu premiado amigo, faga o favor.



8
De: Martín Pescador Fecha: 2006-06-12 13:48

coño, martín, ondelavai que llos din.

isso si, non digas que os teus parabéns son "sinceros", cando en directo parecían os dun pardal da admón pública.

e tan curtiños cando che dá por escribir...

agora esprémete un pouco, que teño moito curro. ata que escribas algo bonito non penso volver por eiquí. algo serio tamén me vale, pa que vejas...



9
De: Martin Pawley Fecha: 2006-06-12 14:38

Irreal, pode estar seguro de que os meus parabéns para Diego son, hoxe e antonte, moi sinceros. O que non lle vou é a dar apertas agarimosas como se fosemos amigos de toda a vida. Ademais, eu é que lle son moi tímido ao vivo, e pouco dado aos excesos afectuosos. Mire se o son, que nin sequera me atrevín a presentarme ante vostede.



10
De: bambino Fecha: 2006-06-12 15:05

non, martín, os teus parabéns non son sinceros; dedúcese dos argumentos que empregas para valorar a obra do autor.

dándote importancia todo o tempo, coma sempre. por certo que entre a novela de teresa moure e os mellores retallos da obra de álvarez rabo (ou roberta gregory) hai una distancia efectiva. Rabo e a lesbiana son máis modernos, paréceme (no caso de rabo, cando fai socioloxía). Cres que moure filtrou a katie roiphe e andrea dworkin ou pensas que un dos problemas teóricos do posfeminismo é a reducción de boa parte da teoría ao tolo ámbito norteamericano?

xa que luego, os teus parabéns serían sinceros se foses o diplomático conselleiro del ramo.

eu, sinceramente, non me presentei porque non fixeches nel por conseguirme DIE DRITTE GENERATION, malia pedirche información con toda la educación del mundo... ti non te presentaches porque non querías falar de bela tarr comigo, covardón.

quita o garabullo do cú, martín. e afina ou passo de ti ata que vexa ñapa polo medio.





11
De: camarón da limia Fecha: 2006-06-12 15:15

desculpas, que yo las pido. non se debe falar de literatura nin de cine nin de exercicios de kegel coa suficiencia que utilizas ti.

porque logo vénseche as coseduras e quedas aínda máis tolili do que en puridade che corresponde.

está ben que nao teñas medo ao ridículo, pero controla, tío, que nao todos lambemos o moco.

e agora escórnate se queres, siempre de usted, porque o que é responder...



12
De: Cesare Fecha: 2006-06-12 16:46

Vaia, parece que cos anos nos facemos máis faltóns e perdemos elegancia.

Que fodida é a envexa (ou eu tamén quero trolear un pouco).



13
De: alfama Fecha: 2006-06-12 17:32

Si, Cesare, non sei se serán os anos ou a táctica para "fomentar", debate, respostas... Máis tá claro que tirán a dar. Debe ser fodido estar tan contra o mundo. Co enriquecedora que debe ser a dialéctica intelixente...



14
De: sapoconcho Fecha: 2006-06-12 17:35

Ola, son eu outra vez. Asomo a cabeciña entre as disputas persoais para volver co tema en cuestión, se tal.
Dende logo que non fai falta ser un xenio para escribir novelas, a los hechos me repito. Agora que o de Jaure é moito de máis, e logo vai un e le os seus libros agardando estar perante o grande renovador, o grande narrador do momento, e oes, levas un pao de moito demo. E logo entre os presentados non habería novelas de descoñecidos ben candidatas? Porque como lector un busca novos autores. O Ameixeiras non vale que xa tiña patrocinio; o de Agra si que vale e moito me alegra saber de novos nomes.
Eu só agardo que os premios Xerais non se convirtan no Planeta, no que non se fai máis que dubidar e dubidar -e criticar e criticar.
Outra cousiña: por que se presenta Jaure a tantos premios? Ten dificultades para publicar? Ten falta de cartos? Quere salvar o panorama literario galego el só? Ai, canta envexa!



15
De: Pasaba por aqui Fecha: 2006-06-12 17:48

O de presentarse a moitos premios é un mal síntoma, ou, dándolle a volta, un síntoma craro da escasa confianza que, como escritor, ten nas súas posibilidades. Ó Rivas chegoulle con un, e publica e vende sen premios. Cun Xerais detrás, tiña que abondar. Non creo que teña problemas para publicar. ¿Ou si? ¿É tan malo que só publica se gaña un premio?
Ó final todo vai ser cuestión de cartos...



16
De: mirá que Le Punk Fecha: 2006-06-12 18:14

envexa? xusto. aí falaches, rei.

se foses menos servil e máis poroso...

é mellor que nao contestes, burriño, que eu teño curro e ti aínda debes escribir o Gerais Post en Tus Balitas. E mira que logo pasa o que pasa...

É dicir, nada.



17
De: the last time Fecha: 2006-06-12 18:18

infórmate, alfama, antes de falar "contra o mundo". Bueno, igual a túa medida do humano es la hostia... ahí me callo.



18
De: Cesare Fecha: 2006-06-12 18:29

Débolle cuartos?



19
De: peke Fecha: 2006-06-12 19:18

Pero por que se levantou tal poeirada por aquí?
Saúdos, Pawley.



20
De: Vendell Fecha: 2006-06-12 19:59

A pureza. ¡Como fede!



21
De: Alfredo Ferreiro Fecha: 2006-06-12 22:45

Sobre premios e papagaios

Desde logo, estar ao tanto do que ocorre nestas sete parroquias canto aos premios literarios é una cousa ben divertida, case veciñal. É como se agora que vén o verán primeiro vas á verbena de alí e despois á de aló, todos os anos as mesmas e agardadas todas. Ora ben, canta xente tola anda a falar do tema, cantos virus protoliterarios nos rodean. Por favor: os autores apreséntanse ao que queren, os xuris premian o que queren e os editores publican o que queren. E, infelizmente, algúns falan máis do que deben porque queren.
Mais eses papagaios que só saben protestar, que pretenden? Dirixir eles a política cultural?



22
De: Martin Pawley Fecha: 2006-06-12 23:18

Sapoconcho e pasaba por aquí, eu non vexo nada de malo en que alguén se presente a moitos premios, sexa polos cartos ou polo prestixio. Gañar o da Fundación Caixa Galicia repórtalle ao amigo Jaure sete mil euros dunha tacada, unha cifra que en ningún caso acadaría coas ventas dos libros (nin el, nin case ninguén aquí). Se Jaure quixera publicar mañá mesmo unha novela como a da Cova, sóbralle onde facelo; que hai de malo en que queira facelo sete mil euros máis feliz?

O caso de Rivas é diferente, non tanto polo que venda en galego e aquí (que ás veces é moitísimo, e moitas outras veces é bastante menos), como polo feito de que está editado tamén fora, e nunha casa grande e ben promocionada como Alfaguara; e algo semellante pasa con Suso de Toro, aínda que nunha orde de magnitude inferior. Si sería bastante innecesario que a estas alturas calquera deles se presentase a un premio literario, pero todos os demais, ¿por que non?



23
De: Phil Esterhaus Fecha: 2006-06-13 00:52

Vaia, lendo os posts de resposta, pensei que o señor Pawley acababa de dicir que a terra non era redonda... E falando de obxetos redondos: ¿saben aquelo de que cando alguén está moi a esquerda... moito moito... tanto que cando escribe parece que o fai dende Brasil... e segue indo hacia a esquerda mais e mais... remata dando a volta á pelota e chega á dereita?



24
De: Muito sabedor Fecha: 2006-06-13 01:22

Deijáde-vos de dicer doideces. Ao juri do Xerais filtran-lhe previamente as leituras que devem considerar. Asim que nao é verdade que nom se soubesse qual era o livro do Jaure, pois quem o filtrou sim que o sabia e, seguramente, o editor fez presiom para o premiar. E escrevo asim porque o SEI.



25
De: Martin Pawley Fecha: 2006-06-13 01:42

Muito sabedor, "Seguramente o editor fez presiom", ou "SEI (que o editor fez presiom"? Eu confío nunha certa limpeza dos Xerais, que é tanto como confiar en que os xurados deciden o que queren (e se se deixan influír ou asesorar, alá eles). En calquera caso, pense que por cada escritor coñecido que gaña, ha de haber un escritor coñecido que perde, e mesmo algún que nin sequera pasa o corte (y hasta aquí puedo leer).



26
De: Phil Esterhaus Fecha: 2006-06-13 02:11

Supoño que "mirá que Le Punk" é a mesma persoa que "irreal intauto" por esa curiosa tendencia que ten de chamar á xente "rei"... pero so o supoño porque, educadamente, e, supoño tamén que para que non nos aburramos, cambia de nome para que sexa mais fácil identificar ó interlocutor. (Se me equivoco desculpe).
Teña coidado con eso de "eu teño curro" que non se sabe quen pode estar escoitando e hai xente á que lle gusta levar a contraria... non vaia ser que quede sen el (¿a que sería gracioso que tivera que deixar Vieiros?). En canto a que escriba así porque SABE paréceme moi ben... polo que lle teño lido non parece tan pouco "poroso" como para non entendelo meu comentario. Con respecto ó dos premios tanto Ameixeiras, como Jaureguizar, como Agra, teñen dereito a presentarse, pero sen dúbida Manolo Rivas tamén se lle apetece e as bases o permiten (outra cousa é que non lle interese). ¿Acaso o premio Xerais é un premio para escritores nóveles?.



27
De: Martin Pawley Fecha: 2006-06-13 02:23

Si, evidentemente que ten dereito, Phil; pero non me negará que sería un pouco absurdo que Rivas se presentase, igual que o sería que Javier Marías fixese iso no Nadal, por exemplo, xa que non precisan nin o prestixio nin eses cartos.



28
De: Phil Esterhaus Fecha: 2006-06-13 02:32

A min non mo parece... os premios crecen en prestixio (e non me saquen a colaçon o Planeta) na medida en que crece a calidade dos autores que se presentan a eles... E moitos autores crecerían en calidade se tivesen que presentarse a premios para manter o seu status. Ogallá Cela tivese, nas suas últimas novelas como "Cristus Versus Arizona", que enfrontarse a un xurado de verdade nun certame literario. (Por certo que ainda temos que quedar para falar desa noite de bares. Sintoo pero estiven unha semana fora é foime imposible).



29
De: Martin Pawley Fecha: 2006-06-13 02:37

Certo, certo. Adiántolle que o meu entusiasmo non é tan grande coma o seu, aínda que xa sabe que eu dun tempo a esta parte só me quito o sombreiro de Jia Zhang-Ke para riba. Gústanme moitas cousas, e non me gustan nada algunhas (esa canción italiana do final... arggg!).



30
De: bois Fecha: 2006-06-13 14:25

ui, eiquí tiran con bala, y amás me cacharon...

infórmate mellor, phil... por certo que non sei quen anda por aí dicindo que esquerda esquerda sen explicarse moito, só porque corrixo ao martín pejcador. Yo soy un católico de centro de toda la vida, un tipo versátil. Non tanto coma vós (isso está claro), e moi lonxe dos niveis do ferreiriño ese (ya no se respeta nada, alfredito).

si comparto que a pureza fede, vendell, e nao é que non esteamos afeitos a ela. o royo -penso- é que toleramos moi malas descricións dos mellores conceptos.

mellorando o presente.

me najo, chaveas, que sodes máis institucionais có bloque revisited.



31
De: Conciencia Fecha: 2006-06-14 10:41

¡¡¡Pawley, censor!!!



32
De: Martin Pawley Fecha: 2006-06-14 10:55

Conciencia, lea o que pon aí á dereita:

O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.

Se alguén quere chamarlle parvo a Suso de Toro ("el tonto más grande da nosa terra", dicía o comentario) que lle mande un e-mail, ou que abra un blog. Os que queiran deixar insultos en blogs alleos, que polo menos teñan o valor e a decencia de identificarse.



33
De: Llibertat d'expresió Fecha: 2006-06-14 11:40

Ah, cómo se le ve el plumero, mon cher Pawley!
He leído tantos insultos a "los otros" en estosdías estranhos, incluso comentados con complacencia por el capitán del barco...
(a casa meva es diu "doble raser" (le traduzco:" DOBLE RASERO")



34
De: Martin Pawley Fecha: 2006-06-14 11:49

Quizais é que eses comentaristas estaban entón claramente identificados. Deixaron un e-mail válido, por exemplo. Cren tanto na liberdade de expresión que mesmo están dispostos a que a xente -eu, se quixera- lles responda tamén por correo aos seus comentarios e opinións. Por certo, eran súas, ou de quen eran? Vin ese mesmo texto noutro blog, o de Vendell. Apareceu publicado nalgún medio? Se foi así, non lle parece correcto identificar a súa procedencia?

Se quere publicar ese artigo sobre (ou contra) Suso de Toro neste blog, fágao, pero: a) indique a súa autoría, ou diga onde o colleu: facer pasar por comentarios propios artigos collidos doutros medios está feo, moi moi moi feo. b) deixe un enderezo de e-mail válido. É un detalle útil en xeral, pero obrigado cando un quere chamarlle parvo a alguén que non está presente no debate.



35
De: pepet Fecha: 2006-06-14 12:40

¿Que me podría vosté donar el mail del Suset, para enviarle io mateix el artículo ése de la (gran) Cristina Losada que ustet ha censurado implacablemente, senyor Pawley?



36
De: Martin Pawley Fecha: 2006-06-14 12:51

Ai, búsqueo, pepet, a min que me conta. E non, eu non censurei un artigo de Cristina Losada; aprenda a manexar ben o castelán, ho. Eu borrei no meu blog un comentario anónimo que copiaba un texto de Cristina Losada en "Libertad Digital" sen sequera dicir que era de Cristina Losada. De feito, o comentario estivo case un día enteiro publicado; borreino en canto vin o mesmo comentario no blog de Vendell, e en condicións semellantes. Iso está feo, moi moi moi moi feo, pepet; seguro que incluso vostede é capaz de entender tal cousa. A súa admirada Cristina Losada non se merece que plaxien as súas palabras sen deixar ben clara a súa autoría. Se agora quere colgalo aquí, identificándose, claro, pode. Do contrario, vaia darlle a tabarra a outro.



37
De: shs Fecha: 2006-06-14 16:58

Todo este rebumbio pola presada de dólares que levou Jaure?, ou é que a xente non ten outra maneira de desafogarse?



38
De: saryta Fecha: 2006-06-14 22:43

E lle chamarán cultura @s ghich@s a un garden party a onde se vai a chupar cámara e amañar conferencias, críticas favorables e entrevistas. Ler o libro que gañe é o de menos, xerais está perdendo o norde. e ises mesmos critican o tinglado do planeta?



39
De: Martin Pawley Fecha: 2006-06-17 23:24

Non, chamámoslle cultura á cultura e festas ás festas. Ten algo en contra destas últimas?



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.162.136.26 (0935b18b09)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley