CINCO ANOS BLOGUEANDO! (if you've got a blacklist, I wanna be on it)
Inicio > Historias > Rúa Carbón
> Rúa Carbón <

Collo na biblioteca a última obra de Marilar Aleixandre, Rúa Carbón, da que tan ben falou Brétemas. Recoñezo que é unha novela moi axeitada para adolescentes, pero eu deixei hai moito tempo esa etapa e como adulto o libro non se me sostén nas mans. Paréceme dunha simplicidade atufante xa desde o seu nacemento, pola súa propia estrutura, armada como está en torno a un recurso tan facilón como o paralelismo entre a experiencia da moza protagonista, Paula, e a da súa nai con homes vencellados nun caso á kale borroka e no outro ao terrorismo de ETA. Ningunha queixa sobre o tratamento que dá Marilar ao conflito vasco; non é ese o problema. O problema é, coma sempre, a total ausencia de orixinalidade, a abundancia de tópicos, os diálogos falsísimos, ou a atrocidade toda dun diario, o da nai, absolutamente pavoroso e indefendíbel e que ocupa boa parte do treito final do volume. O conformismo, en suma, cuns modelos narrativos que lle din ao leitor, ou mais ben á leitora, o que este quere oír, sen asumir riscos de ningunha clase. E a literatura, dígoo unha vez mais, debería ser outra cousa.

2005-10-15, 19:37 | 7 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/33826

Comentarios

1
De: Goretti Fiaño Fecha: 2005-10-15 21:04

Vaia, pola biblioteca da miña parroquia tardará uns meses en pasar a novela. Grazas, mercarei outro libro ( de xerais obviamente).



2
De: mourullo Fecha: 2005-10-16 12:52

Perdoe a indiscreción pero, ¿como fai vostede para coller libros na sección infantil-xuvenil da Gonzaléz Garcés? ¿¡¿ Xa podemos os adultos?!? Por outra banda, ¿podería desenvolver un pouquiño máis "a atrocidade toda dun diario, o da nai, absolutamente pavoroso e indefendíbel", que me deixou intrigado?

E, unha cousa máis, ao ver a ligazón que ofrece por medio da páxina do concello, non sei se coñece a seguinte:
http://www.rbgalicia.org/nodais/web/asp/index.asp?idIdioma=1&idBiblioteca=22
onde pode consultar o catálogo e a dispoñibilidade das obras na Biblioteca de Elviña.

Lémbrolle, a devolver antes do 31 de outubro ;-)



3
De: mourullo Fecha: 2005-10-16 12:54

Perdón, perdón perdón... "Prestada ata 31/10/2005", non antes.



4
De: Subcomediante H Fecha: 2005-10-16 14:25

Olá, Peke!

Nom entendo o que dizes ao princípio. Um livro pode ser ajeitado para adolescentes e intolerável para adultos?



5
De: peke Fecha: 2005-10-16 16:32

Non ía comentar nada, Martin, pero correspondo ao saúdo de Subcomediante H.
Dubidaba en facerme co libro, pero non anima moito, non.



6
De: Martin Pawley Fecha: 2005-10-16 16:43

Goretti, grazas pola súa confianza no meu criterio, pero teña tamén en conta que Brétemas está encantado coa novela. O libro de Marilar está feito con habilidade, con destreza dabondo como para lelo con interese. Outra cousa é que literariamente me pareza tremendamente pobre. Como lle acontece a Marsé coa de Mari Pau, salvando as distancias, claro...

mourullo, se lle son sincero non sabía que nalgún momento non se puideran sacar libros infantís desa biblioteca: eu hai uns cantos anos que son usuario dela e sempre os levei prestados sen ningún problema (o único problema é o horario, de feito, limitado ás tardes para a sala de LIX). Aproveito para dicirlle que desde hai cousa dun ano tamén se poden levar prestados para casa CDs e DVDs, e este ano empezaron tamén co empréstimo de VHS, se é que alguén aínda recorda o que era iso...

Subcomediante H, eu non dixen que fora intolerábel para adultos; digo que a min, como adulto, o libro cáeseme das mans, quizá porque o meu nivel de esixencia en canto a contidos é mais alto do que Marilar agarda dos seus leitores. En xeral, hai unha chea de libros deseñados para un público pre-adolescente ou adolescente que a min me repugnan por completo pola súa carga de corrección política, polo seu didactismo ramplón, polo seu manifesto buen talante. Nin sequera nego que esa clase de obras mesmo poidan ser útiles por ofrecerlle aos rapaces uns temas algo afastados do común, mais complexos, mais abertos ao debate, etc... pero logo ves que neles o xeito de tratar a inmigración, a violencia, a guerra ou a liberdade sexual está inzada de tópicos e lugares comúns. E aí se acaba a literatura, xustamente, e empeza outra cousa distinta. Lexítima, por suposto, pero outra cousa.



7
De: Martin Pawley Fecha: 2005-10-16 17:07

Esquecíao! Durante as súas vacacións de verán en Donostia xunto a dúas das súas avoas, Paula, a protagonista, le o diario que súa nai foi escribindo nos anos setenta e primeiros oitenta, grazas ao cal vai descubrindo como foi a relación que ela mantivo co seu pai, Iñaki, un home que empezou na loita antifranquista e acabou mergullado na violencia etarra, até morrer mentres coloca un coche-bomba. O problema dese diario é o de ser falsísimo, absolutamente inverosímil, polo xeito no que están metidos dentro del os diálogos, polo detallado da descricións dos feitos, pola absurda abundancia de referencias innecesarias. Para iso era mellor que Marilar buscase outro recurso para contarnos a historia da nai, o mais simple deles, e desde logo mais honesto, o de ir intercalando as súas respectivas historias como se fosen dúas novelas avanzando en paralelo (e xa veríamos como e de que maneira ambas historias acababan uníndose). O diario arranca coa toma de conciencia da nai na época do xuízo de Burgos, sobre o cal logo a filla se documentará vía Google (e a información que atopa aparece calzada na novela, síntoo, pero é así). Nas seguintes páxinas do diario atopamos referencias ao Concilio Vaticano II, ao golpe de estado de 1973 que derrubou a democracia en Chile, o Proceso 1001, a morte de Carrero Blanco... nun repaso da década dos setenta tan escolar, tan de Cuéntame, que a min, como adulto, resúltame irritante. Pero se até a selección de discos que cita é tópica, meu Deus! Podo comprender que a novela poida chegar a ser útil para un público ao cal eses feitos xa lles quedan moi lonxanos, pero, insisto unha vez mais, "utilidade" non equivale necesariamente a "calidade literaria".



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 38.103.63.61 (075cbc2d8b)
Comentario

tradución automática: es pt






doa os teus órganos!



axenda cultural



están vivos!



os arquivos estranhos

cuestionario Proust


a coruña
Click for La Coruna Airport, Spain Forecast

correo:diasestranhos()gmail.com



chuza!

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

cinco anos do prestige

O sistema de comentarios está á disposición dos leitores de "días estranhos" exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.
(texto copiado hai anos do Carta aberta, que á súa vez llo agradecía ao Inagaki)



Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

© Martin Pawley