Mellor película, mellor guión orixinal (Paul Haggis e Bobby Moresco) e mellor montaxe (Hughes Winborne):Crash
A gañadora menos gañadora en varias décadas é un filme pretencioso, esteticista, convencido da súa propia importancia. Realmente non a ten, ningunha: Crash xa a fixera moitos anos antes e un millón de veces mellor Lawrence Kasdan, por exemplo. Escapáseme por completo a fascinación case mística que sobre moitos críticos e espectadores xenerou este filme dun Paul Haggis permanentemente obsesionado con dar doctrina e que constrúe o seu retrato de conflictos raciais cunha ollada beatífica e simplona.
Mellor director (Ang Lee), mellor guión adaptado (Larry MacMurtry e Diana Ossana) e mellor banda sonora orixinal (Gustavo Santaolalla):Brokeback Mountain
Faltou o Oscar definitivo, e iso fai que case pareza unha grande derrotada. A derrotada, máis ben, é a Academia que decidiu que Brokeback Mountain non é o filme do ano malia ser o mellor escrito e o mellor dirixido. Agora sairá todo o mundo dicindo que os americanos, tan rancios eles, non se atreveron a premiar un filme que fala de homosexualidade; honestamente, non creo que sexa esa a razón. Certo que haberá moita xente á cal lle espante o tema, pero a eses mesmos tamén lles espantará o da eutanasia e miren o que pasou con Million Dollar Baby (claro que esa estaba dirixida por un americano de toda a vida). Paréceme que o problema de Brokeback foi o de ser unha favorita demasiado clara que levaba meses acumulando premios a feixes, e iso acaba xerando simpatías por outras candidatas.
Teño o convencimento íntimo de que a interpretación de Philip Seymour Hoffman é moi boa, pero eu vin o filme atrozmente dobrado, así que non podo opinar con moita rotundidade. Sigo preferindo a David Strathairn, en calquera caso.
Como agardabamos, gañou como intérprete o premio que non lle podían dar como director e guionista. Realmente, George Clooney é un tipo máis ben limitado, dono duns poucos xestos que repite sempre, pero cae simpático e ten un encanto indiscutíbel, como lles sucedía aos grandes actores do Hollywood clásico; e iso é algo que non ten nada que ver co feito de que, ademais, sexa a clase de home do que ningún outro home ten reparo en recoñecer que é guapo. Syriana é un filme magnífico e valente, e premios coma este servirán para que Clooney gañe os millóns de dólares que poderá empregar en facer un cine moi comprometido sen saír dos límites da gran industria.
O xardineiro fiel é un dos filmes máis fermosos do 2005. É unha historia de amor con mensaxe feita con nervio e garra, que merecía estar entre as grandes triunfadoras desta edición. Munich, Crash e incluso Capote ocupan un lugar que lle pertencía claramente. Xa que se esqueceron do estupendo Ralph Fiennes, ben está que recompensen a Rachel Weisz, aínda que sexa a costa da admirada Catherine Keener, que dispuña en Capote dun papel bastante menos agradecido.
Mellor fotografía (Dion Beebe), mellor dirección artística (John Myhre e Gretchen Rau) e mellor vestuario (Colleen Atwood ):Memoirs of a Geisha
Pasemos a cousas máis importantes, veña.
Mellores efectos visuais (Joe Letteri, Brian Van't Hul, Christian Rivers e Richard Taylor), mellor son (Christopher Boyes, Michael Semanick, Michael Hedges e Hammond Peek) e mellor montaxe de son (Mike Hopkins e Ethan Van der Ryn):King Kong
Van vender moitísimos DVDs, e en todos eles porá en letras gordas "gañadora de tres Oscars da Academia".
Setenta e sete millóns de dólares recadaron nos Estados Unidos estes pingüíns, cinco máis que Brokeback Mountain, vinte máis que Crash, trinta máis que Munich, corenta e moitos máis que Good night and good luck, cincuenta e tantos máis que Capote. Un documental francés sobre pingüíns saca nas billeteiras máis cartos que calquera das cinco finalistas á mellor película. Pois iso.
Era a favorita para moitos medios ianquis. O Oscar axudará a que se estree en España. Pouco sabemos dela, pero un premio para un filme africano é algo suficientemente infrecuente como para que eu sinta unha certa simpatía a priori.
A maior alegría desta edición, sen dúbida, foi o premio honorífico para Altman, un dos grandes. E o ano que vén que llo dean a Robert Mulligan, que xa vai sendo hora tamén.
Sinto disentir con vostede e, ainda respetando as súas reservas a Crash, non me parece en ningún caso unha película beatífica ou simplona. Pola contra, e a única película norteamericana que eu vira que se achega ó asunto do racismo cunha certa distancia e ambigüidade, plantexando a cuestión non como un dó entre malvados intolerantes e víctimas inocentes, senón coma unha roda na que, dependendo do intre, un pode atoparse en calquera dos dous bandos en conflicto.
Agora si, é a única película nominada a best film que vin, polo que non podo entrar a valorar os seus méritos fronte ás demáis.
¿Pasou boa noite e iso ou viu os resultados no telexornal?
Eu flipei cando lle deron o oscar a Crash. Non me gustou nada. En vez de ser Los Angeles semella ser unha aldea de famosos que todos se topan e coinciden dunha forma mui forzada.Saen demasiados famosos con papeis curtos e o guion e unha acumulacion de historias xuntas.O peor para min foi o toquinho americano guai cando o negro libera os esclavos orientais.
Levei unha sorpresa porque a mirei en DVD o venres e logo enteireime que estaba para os oscars e logo que ganhou. Pois si que esta mal o cinema !.
Sobor de Totsi,
Eu vin o trailer o sabado pasado (pouco antes de enfrentarme a Brokeback Mountain, que me pareceu preciosa como filme) e o certo e que ten bastante boa pinta. Nos primeiros segundos considerei que ia ser unha mala copia de Cidade de Deus pero pronto o trailer te achega a unha atmosfera distinta e mais optimista. Obtivo tamen, por si non lle gustan os premios de ouro ianquis (totalmente comprensible pola sua banda) o premio do publico no festival de cine de Edimburgo.
Crash é impactante, pero pouco máis: nada orixinal e, para colmo, un pouco reaccionaria. O que pasa que era demasiado para Hollywood premiar Brokeback despois das campañas dos colectivos cristiáns... Hollywood é Hollywood aínda que, como máquina de soños, nos faga crer ás veces que é algo máis. Bravo por Ang Lee. Tiña que ser chinés: un norteamericano nunca daría feito unha historia así. Gústame que convirta un anuncio de Marlboro e a súa macholada americana nunha película de amor. Só os xeños logran facer iso.
Sr. Pawley: foi escoitar o nome de "Crash" e lembrarme de vostede... Apúntome a petición de Oscar honorífico para Robert Mulligan e que llo dean na cerimonia do ano que ven.
Ang Lee subió a por su primer Oscar y cuando todos los vaqueros se aprestaban a subir a celebrar el merecido triunfo de Brokeback Mountain... pasó lo que pasó. Del corral de las butacas surgió Nicholson, abrió el sobre, esbozó su mejor mueca de jocker de Batman y leyó lo inverosímil: ¡"Crash"!, celebrando con una ausencia de neutralidad propia de seguidor de los Lakers el premio a una película angelina, muy angelina, pero plagiaria, petulante, empeñada en matarnos de intensidad cada diez segundos.
acedre, esa é outra razón para a sorpresa de Crash (que era, si, a segunda favorita, pero a moita distancia: pagaban 25 a 1 nas apostas de Las Vegas, disque): é un filme estreado hai moito tempo, que leva meses editado en DVD nos EEUU. Os Oscars non van supoñer nada na súa carreira comercial e iso é algo que, a priori, puntúa menos. De todos xeitos, a colleita ianqui deste ano é dunha calidade media máis que alta: as cinco finalistas son películas que merece a pena ver, aínda que sexa para disentir, e iso é algo que raras veces acontece. E iso por non falar das que ficaron fora, ou relegadas a poucas candidaturas: Match Point, O xardineiro fiel, Syriana, Unha historia de violencia, Os tres enterros de Melquíades Estrada, Nove vidas...
Nuala, é curioso, pero coas referencias que eu tiña de "Tsotsi" tamén pensei nel nunha especie de "Cidade de Deus" sudafricano. Haberá que velo: ha de estrearse, sen dúbida. Ou iso espero, porque pola gañadora sudafricana do Festival de Berlín do 2005 aínda estamos esperando...
folerpa, Grand Canyon é un dos meus filmes favoritos. Desde un punto de vista máis poético que discursivo, sen coriños de fondo para subraiar o que non necesita subraiado, sen excesos fotográficos nin unha moralina de estampita, Grand Canyon érguese como a mellor reflexión emprendida polo cinema sobre o mundo moderno, un tempo novo necesariamente complexo, convulso e mestizo. Grand Canyon é un filme do que falar durante horas, fermoso até os seus últimos planos, esas imaxes do xenuino Grand Canyon, a natureza máis grandiosa e desarmante para pechar un relato humano e urbano. E que me di vostede dese helicóptero que sobrevoa permanentemente toda a película, mesmo proxectando ás veces a súa luz sobre as personaxes?
antón, bravo por Ang Lee, pero sobre todo bravo por Larry MacMurtry e Diana Ossana: o seu guión é dos máis perfectos xurdidos nese país nos últimos anos.
ex-avid, a min pásame o contrario: case me parece que son o único ao que non lle gustou (nada de nada) :-)
mourullo, é unha obriga moral desa academia. Xa llo deron a Stanley Donen, a Robert Altman, a Blake Edwards e incluso a Sidney Lumet. Falta Robert Mulligan, e falta tamén Arthur Penn. E xa teñen unha idade, os dous, que aconsella non agardar moito...
Gostei moito de Rachel Weisz... creo que todos temos coñecido a xente coma o personaxe que ela fai, embarcados en cruzadas que fan que ás veces os miremos coma se estivesen tolos e con esa intensidade que ás veces fai que os preguiceiros nos sintamos un pouco cansos de tanta actividade con propósito...
Unha aperta.
O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.