caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Brokeback Mountain
> Brokeback Mountain <



Brokeback Mountain será sen dúbida a grande triunfadora dos próximos Oscars, culminando unha exitosa traxectoria que arrancou co León de Ouro no último Festival de Venecia e proseguiu ao ser considerada a mellor película do ano polas sociedades de críticos de Boston, Dallas, Nova York ou San Francisco e recibir catro dos Golden Globes que outorgan os correspondentes estranxeiros en Los Angeles. A lista seguirá medrando nas próximas semanas, a medida que se vaian repartindo os galardóns das asociacións de actores, editores, guionistas e directores, os BAFTA británicos e os Independent Spirit Awards. E por esta vez, e sen que sirva de precedente, todos eses premios estarán ben dados.

Filme de fermosa feitura, tecido polo alento da saudade, Brokeback Mountain é unha historia de amor entre dous homes que ocultarán os seus verdadeiros sentimentos baixo o disfraz duns matrimonios convencionais. Ennis del Mar (Heath Ledger) e Jack Twist (Jake Gyllenhaal) coñécense e conviven na montaña Brokeback durante un verán que pasan coidando ovellas, afastados da xente. Son dous homes sós, sen un pasado nin un futuro ao que agarrarse; ao final do verán emprenderán por separado os seus camiños, casarán e formarán cadansúa familia, pero iso non impedirá que fagan por reencontrarse ao cabo duns anos. Ao longo de dúas décadas Ennis e Jack buscarán datas no calendario para compartir uns días xuntos, intentando recuperar a felicidade daquel verán, convertido en espazo mítico ao que volver unha e outra vez. Brokeback Mountain é o relato dun amor imposíbel e apaixonado no marco dun xénero, o western, que acaba por ser o vehículo idóneo para a expresión contundente de emocións.

O western é o máis parecido á épica que ten a cultura norteamericana, pero sen acadar nunca un auténtico carácter de epopeia. Lonxe da exultante serie B de indios, pistolas e cabalos, o gran western está percorrido por correntes subterráneas de nostalxia: é sempre a crónica dunha forma de vida que se acaba, e os seus protagonistas personaxes condenados a convertirse en anacronismos. Ao se transformaren en urbes as terras antes tidas por salvaxes, os cowboys van dando paso aos banqueiros e os que pelexaron na guerra do Norte contra o Sur descobren que nos novos tempos non hai oco para eles. O Dempsey Rae de Man Without a Star loitará de maneira quixotesca contra os valados que cercan os pastos, símbolo dun período diferente que xa nunca será o seu, do mesmo xeito que o Ethan Edwards de The Searchers xamais poderá pertencer a nada que se pareza a un fogar. Eles, os fillos do Oeste clásico, libre e violento, son criaturas en extinción na era da locomotora de vapor. O western é de seu un xénero crepuscular, inzado de figuras á búsqueda desesperada do seu lugar no mundo, afogadas pola inmensidade poética dos espazos abertos.

Larry MacMurtry, guionista xunto a Diana Ossana deste Brokeback Mountain, coñece os resortes do xénero como a palma da súa man. Na perfección do seu traballo reside a grandeza dun filme sutil e valente, que debuxa con inusual mestría o paso do tempo. Recoñecemos o talento de quen escribiu The last picture show para Bogdanovich no retrato preciso desa América profunda fascinante e decrépita, a das mulleres que tinguen o pelo de loiro mantendo á vista unhas cellas cor negro chapapote, a dos salóns das casas con televisións inmensas para ver o partido de fútbol, a dos comerciantes que exhiben a súa prosperidade en forma de abrelatas eléctrico. Ang Lee demostra unha vez máis a súa coñecida eficacia e habilidade para fuxir dos tópicos e tira o inevitábel proveito lírico da paisaxe, das árbores e das nubes. Permítome destacar dous momentos especialmente brillantes. Para empezar, unha escena que amosa a Jake Gyllenhaal en primeiro plano e, ao fondo, a Heath Ledger lavándose espido: o personaxe encarnado por Jake posibelmente desexe mirar, pero non o fai, e en consecuencia Heath fica toda a escena desenfocado. A outra escena é un plano fixo sobre Michelle Williams agardando a volta do marido da súa noite de festa con Jack Twist, chorosa e sen saber como actuar, pois vén de descubrir a relación homosexual do seu home: oímos o coche que se detén, a porta que se abre e o marido que entra, pero a cámara non chega a apartarse dela en ningún momento.

Case todas as críticas falan maravillas da gran interpretación de Heath Ledger, un prodixio de contención; pero eu quixera destacar tamén a enorme actuación de Jake Gyllenhaal, que saca un enorme partido do seu ollar e do seu sombreiro. Neles dous recae o peso todo dun filme de calidade incuestionábel, cuxa profundidade e beleza non merecen ser reducidas a unha innecesaria etiqueta.

2006-01-24, 03:04 | 22 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/36817

Comentarios

1
De: Anónimo Fecha: 2006-01-24 12:29

pra outra vez di que vas por un spoiler, que senón rachas a historia.



2
De: Martin Pawley Fecha: 2006-01-24 12:48

Pois quen non queira que lle rachan as historias, que non lea sobre os filmes antes de velos, ho. Que manía é esa de poñer "spoiler"? Acaso hai xeito de falar dun filme ou dun libro sen dar máis información da que sería conveniente para chegar "virxe" ao seu descubrimento?



3
De: Melanina Fecha: 2006-01-24 13:54

Pois si.



4
De: aultre narai Fecha: 2006-01-24 14:17

unha das mellores películas que vin e unha das historias de amor máis preciosas



5
De: folerpa Fecha: 2006-01-24 17:29

O do xenio de Macmurtry non é estraño nun tipo que escribiu o máis fermoso e desmitificador western da literatura americana:Querido Billy. Un dos meus desexos cando remata cada ano é que alguén (Clint por exemplo) faga o filme que tal obra mestra necesita.



6
De: Anónimo Fecha: 2006-01-24 17:50

¿Es algún juego de palabras el nombre de la montaña? Me explico: brokeback podría leerse como trasero-roto... ¿va de coña?



7
De: Hai Cada Fecha: 2006-01-24 20:11

Queremos tanto a Ang Lee...
Haberá que ir mirala.



8
De: Matías Bruñulf Fecha: 2006-01-24 21:37

Existirán arquivos do programa para poder escoitalo trala emisión?

Obrigado e parabéns.



9
De: Matías Bruñulf Fecha: 2006-01-24 21:37

Existirán arquivos do programa para poder escoitalo trala emisión?

Obrigado e parabéns.



10
De: ex-avid1 ;) Fecha: 2006-01-25 11:30

no tenía pensado pagar 6 euros por verla, pero en fin... match point tb me parecia una KK :) y al final hasta me gustó y todo...
debería de darte comisión esta gente del cine :P



11
De: Martin Pawley Fecha: 2006-01-25 14:52

Conformábame con aforrar eses seis euros ;-)

E que conste que agora nos cines Filmax as sesións antes das 17:00 custan 4,80 €...



12
De: ElPez Fecha: 2006-01-26 00:51

Deliciosa, ciertamente, Pawley, esta película. Y mire que después de 'La masa' me había prometido no caer en una película de Ang Lee... pero mereció la pena. Recomiendo verla en una pantalla lo más enorme posible, por cierto. Como siempre, el cine gana cuando lo ves en 'enorme'.

Hay unos EEUU con colores fríos, desasosiego, pobreza y una cierta decrepitud que, afortunadamente, algunos realizadores están consiguiendo en destapar, a pesar del resto de superproducciones. Esta película lo consigue, y -dejando la ideología aparte- las últimas películas de Eastwood también.



13
De: Kamikaze Fecha: 2006-01-26 16:40

Aclare iso de "dejando la ideología aparte" referido ás pelis de Eastwood, El Pez, que me están entrando unhas ganas de discutir tremendas.
:-)



14
De: Martin Pawley Fecha: 2006-01-27 01:26

Si, aínda que Eastwood non acostuma a ser un xenio da sutileza: pense, por exemplo, no retrato da familia da protagonista de Million Dollar Baby, ou o da "boxeadora mala"... E que Eastwood non é o máis progresista dos americanos, tampouco ten moita discusión: non esconde a súa militancia republicana, precisamente, o cal non impide que sexa autor de algunhas películas filmes valiosos, aínda que en xeral non forme parte da miña persoal lista de preferencias cinéfilas.



15
De: jorge Fecha: 2006-01-27 19:30

Sintoo Pwaley pero estou dacordo con quen fixo o comentario 1. Non se "debe" destripar as películas á xente porque moitos leemos sobre elas antes de velas porque nos vemos obrigados a elixir moito cal imos ver por mor das poucas oportunidades que temos de ir ó cine, xa sexa pola economía ou polo tempo. Unha vez vistas non son máis ca un tema de conversa, si a min me gusta ou me disgusta algo non necesito regodearme nas opinións dos demáis para autoconvencerme, simplemente converso sobre elas con xenta da que respeto a súa opinión (coma no seu caso) porque sempre somos capaces de descobrir matices uns ós outros.
Veña o, busque a maneira de falar ben ou mal (que no seu caso soe ser moi ben ou moi mal) das películas sen falar do argumento, que ahí é onde está a boa crítica, ou polo menos a crítica que a maioría da xente busca, creo eu.



16
De: jorge Fecha: 2006-01-27 19:33

Por certo, se kamikaze (anda que vaia pseudónimo)quere discutir sobre a ideoloxía de Eastwood, que vote antes un ollo ás imáxes daquel concerto medio secreto que se fixo ós poucos días da atrocidade das torres xemelas e que fique no que dixo o bo de Clint "arengando" ó persoal e sobre todo que fique nun sospeitoso bulto que levaba debaixo da chaqueta (si, esa chaqueta típica dos membros da asociación nacional do rifle).
Saúdos e Paz



17
De: Martin Pawley Fecha: 2006-01-28 01:32

Jorge, é imposíbel, imposíbel, falar dunha película ou dun libro sen desvelar información decisiva: xa sexa contar parte do argumento, xa sexa describir algún plano, algunha escena, etc. Información toda esa que, dito sexa ao paso, soe estar a disposición de todos nos tráilers, reportaxes, etc, que se fan sobre os filmes. A outra opción é limitarse a calificar as pelis con estreliñas (unha, tres, cinco), pero calquera outra cousa que se diga "destripa" un filme máis do que é preciso para chegar a el sen ideas preconcibidas. Para chegar "virxe" ao cinema, o mellor é non ler nada.

E que conste que eu, nesta crítica, non revelei nada da trama que non fora sobradamente coñecida. Ou acaso você non sabía que "Brokeback Mountain" trataba de dous vaqueiros namorados?



18
De: Boss Fecha: 2006-01-29 03:41

Sobre o seu último parágrafo, um amigo meu chamou-me a atenção para uma previsão feita por um crítico americano para os oscars, no início de 2005 e antes de ver os filmes. Encontra-se aqui e refere-se às hipóteses de Jake ou Heath serem nomeados: http://thefilmexperience.net/Awards/2005/actor_apr.html

Oscar no longer regards two men co-starring as two leads (see Training Day and Collateral for evidence) which may cause trouble for this. Expect whomever is the "bottom" in this relationship to go supporting. I'm not kidding.

Pois, a ver pelos Golden Globes e críticas, acertou em cheio!



19
De: Kamikaze Fecha: 2006-02-01 13:56

Jorge: Se non che mola o meu "pseudónimo", moito me temo que non tes moito que facer, porque a min si. Porén, a min "Jorge" gústame moitísimo. En canto ao que dis de Eastwood, non é que queira discutir, pero é que dame igual o que poida pensar na súa casa o tipo que fixo O aventureiro da medianoite ou Sen perdón. Se a ti non che dá igual, o mellor é que non lle vexas as pelis, como seguro que fas. En todo caso, haiche un mundo moi bonito entre Ricardo Mella e Jiménez Losantos, home.
:-)



20
De: jorge Fecha: 2006-02-02 11:06

Kamikaze: Eu entendín que íamos falar da ideoloxía de Clint e non do seu cine. Por suposto que me da igual a ideoloxía da xente, que a mín o que me importa e o seu arte, senón non levaría case 30 anos escoitando a Sinatra (e que conste que Sinatra foi dos que axudou ós perseguidos dutante a "caza de brujas"); agora, cando a xente untiliza a proxección pública que ten gracias ó seu talento para tentar de "crear" opinión ou cando menos de "influir" na do resto das persoas temos moito dereito a opinar, ademaís no caso de Clint iso atópase tamén nas súas películas (que por certo, vin case todas e fixo moitas boas pero tamén moito bodrio) senón fíxese un pouco en películas coma "million dollar baby" ou "mystic river".
Ese mundo moi bonito ó que vostede fai referecia é seguramente o que eu habito e tento de coñecelo o mellor que podo, de todos modos tampouco pretendía facer nada co seu "pseudónimo", simplemente chámame á atención, con respecto a "jorge", non é un "pseudónimo", e ten moita sorte porque a mín (que obviamento non ó elixín) non me gusta tanto, ten só dúas sílabas e as dúas teñen o mesmo son, en fin.
PD: Unindo a Clint e a Sinatra: ¿sabía vostede que o bo de Frank rexeitou o papel protagonista de "harry o sucio"?



21
De: monfortense in madrid Fecha: 2006-02-06 00:18

ola blogueiros!

amin a película pareceume moi moi moi boa, a historia ben contada , ben tratada, ben estruturada, os actores sen verbas :) eu son dos que acredito q ue heath ledger está no papel de ennis como para facerlle un molde sen desmerezo de jake gillenhal. esa contencion esas mudanzas ata na xestualidade, da opacidade gris da sua ollada aos ollos tenros abrollando sorrisos e luz vale un imperio, e todo cunha serenidade maxestosa, paisaxes incomparables q alentaban ese cariz case poético-épico da situación.
como gai que son , susceptible do trato destas realidades e conceptos , con alto risco de maniqueismo e topicazos taberneiros , afirmo a boca chea q nesta pelicula so podo dicir q sen mácula tanto para actores comoa para a historia e o direitor, q xa lle gustaria a moitos ter a sua capacidade , e q para min con este filem cubriuse de gloria .



22
De: Martin Pawley Fecha: 2006-02-08 12:11

Vaia, monfortense in madrid, grazas polo comentario e polo seu entusiasmo.



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.204.234.61 (9da79ec702)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley