2005 foi o ano dos dous xantares do
blogmillo, coñecidos no sucesivo como
xantanzas, unha alá por xaneiro e outra en vésperas do Nadal, declarándoo coma quen di oficiosamente inaugurado. Dous encontros cordiais e bonitos, dúas festivas oportunidades para rachar ese anonimato onanista que nos atribuíu un alegre poeta. Pasaron só dous anos desde aquela primeira tarde na Coruña na que o
Dr Zippie fixo reparto das famosas diapositivas de
Mildred e Cecil entre os sete ou oito que estabamos, até os encontros de agora, con ducias de comensais arredor dunha mesma mesa como reflexo fiel dese milleiro de bitácoras que levan aparecido na nosa lingua.
Hai un bo feixe de razóns que explican con indiscutíbel claridade e elocuencia a máis que xustificada atención que vén despertando ultimamente o blogmillo, entre elas a páxina de
Brétemas, o máis blogueiro dos blogueiros ilustres, e a do
monstro do canon, home este dotado da suficiente intelixencia e sentido do humor como para non enfadarse comigo cando dentro duns días faga un post poñendo un pouco podre a súa última e premiada obra. Engadan á lista de citados esa
hábil mestura de cinefilia e frikismo; as
alfaias de Folerpa, que se revelará este 2006 como un excelente novelista, e sobre todo
a Xosé Manuel Pereiro, sen dúbida algunha un dos máis brillantes columnistas que hoxe por hoxe existen na prensa, e non me refiro só á galega.
Ao longo do 2005 vimos medrar a
opedriño e a
xan, e soubemos das ocorrencias dos
pelachos, capaces de propoñer
preguntas desarmantes e de inventar
respostas luminosas. Desde Bilbao,
Oier sorprendeunos de cando en cando con maravillas como
esta, un fermosísimo haiku en prosa de arrebatadora simplicidade, para min un dos mellores textos do ano. Outro tanto cabería dicir
desta peza de Cesare, inesquecíbel por múltiples motivos, o máis literario e emotivo recordo que gardará a rede do longamente agardado cambio de era. O güisque de alegría deu logo até para unha
cadea humana, argallada contra un fondo de pesimismo e frialdade expectante por parte daqueles que non comprenden que os partidos tamén se gañan por un só gol de diferenza.
Exceptuando a imprescindíbel lección diaria de xornalismo honesto que nos regala
Martínez Soler e o agora reaparecido
manantial de sueños de Somnio, practicamente non visito ningún outro blog en español fora dos do meu
barrio blogalita, e o caso é que por esa parte da rede non hai grandes novidades.
Vendell continúa coma sempre, é dicir, insuperábel, e
El Pez segue padecendo o pertinaz acoso de comentaristas descerebrados.
Víctor acabou o ano algo ausente, igual que
Jaio, metida ela como está en tantos labores,
algún deles especialmente gratificante. Ao
Paleofreak non o leo nunca porque os dinosauros interésanme case tanto coma o futebol, pero como é amigo cítoo igual. No 2005 tiven ademais o pracer de falar con
yildelen polo casco vello de Donostia e de
trasnoitar con
Ctugha e un variadísimo grupo de europeos que
congreseaban no meu povo.
César Valente, o mestre de Santa Catarina, deu por pechada a súa
Carta aberta, pero déixanos saborear o seu irónico humanismo nos seus
artigos do
Diarinho. Á espera de que o
Pedro Lemos volva bloguear como el sabe, as bitácoras do Brasil permítennos gozar do incansábel talento do
Inagaki, da fascinante panorámica do mundo da publicidade que elabora
Carlos Merigo ou da sorprendente madurez do xove
Cayo. Máis perto, aquí ao sur do Minho, o
Substrato do Monstro Horrendo Adamastor é lugar de paso diario malia non amosar eu moito aprezo pola banda deseñada, tema alí recorrente. Ao
Nuno Catarino aínda non lle agradecín dabondo a súa
xenerosidade; aproveito para facelo aquí e agora, recomendándolles vivamente a súa páxina, tecida polo amor ao jazz. O
Diario de uns ateus é un recuncho utilísimo, inzado de artigos e ensaios de sólida lucidez, característica esta última que tamén serve para definir a
Miguel Vale de Almeida, que aos habituais destes
días estranhos non lles resultará
descoñecido. O
Renas e veados e o
Blogo Social Portugués funcionan como verdadeiros portais de noticias nos que é imposíbel non atopar algo interesante, igual que na enciclopédica
Memoria Virtual do Leonel Vicente, pai tamén dunha fantástica iniciativa na rede que responde ao nome de
Proximizade. Pedro Magalhães somete as sondaxes a unha análise rigorosa e escéptica en
Margens de erro, un blog que debera ser lectura obrigada para todos os xornalistas, e Carla convídanos a visitar
Elsinore regalándonos as súas fermosísimas fotografías. Deixo para o final a
Rua da Judiaria de Nuno Guerreiro, xudeu lisboeta a punto de trocar Los Angeles por Nova Iorque, que nos ofrece unha perspectiva da súa cultura e do conflito palestino-israelí moi valiosa para eliminar algúns prexuízos.
Internet dá voz ao continente que máis nos doe. Podemos percorrer a África lusófona de blog en blog, do Moçambique do
Ma-Schamba á Angola do
Eugénio Costa Almeida, saltando logo ao Cabo Verde de
Transpórtis virtual di Kauberdi pa Aulil e
Lantuna e rematando na Guiné-Bissau do moi necesario
Africanidades, que se tomou un tempo de descanso deixándonos para o recordo unha extraordinaria colección de imaxes. E se se animan vaian onda
Ndesanjo Macha, aínda que só sexa para comprobar o pouco swahili que sabemos (de
gikuyu tampouco é que andemos moi sobrados). Non entendemos nadiña, pero axudan a desfacer tópicos.
Déixolles, para rematar,
o mellor blog que coñezo, especialmente valioso polos seus atinados artigos sobre cine:
Long pauses, de Darren Hughes, visitante asiduo do
Festival de Toronto onde descobre os filmes de Claire Denis e Tsai Ming Liang varios meses/anos antes ca min. Dito sexa con envexa. E moita.
¶