caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > EVCP waves
> EVCP waves <

Recoñezo que a primeira vez que a vin non fiquei especialmente impresionado. Ademais, a presentación que desta ilusión fixo o seu autor, Akiyoshi Kitaoka, durante o concurso que se celebrou no congreso europeo de percepción visual non foi precisamente moi boa. A realidade é que Kitaoka non se desenvolve con comodidade falando en lingua inglesa, pero como tivemos logo a ocasión e o pracer de comprobar é quen de vencer todas as dificultades grazas a unha desarmante amabilidade.

Xusto dous días despois do concurso, o xoves, fun de festa-jolgorrio cun variado grupo de asistentes ao congreso, do sector mais novo, por suposto, para os que exercín de guía improvisado. Despois de cear chipiróns, pementos, mexillóns e outros produtos típicos do país nun bar da rúa da jota fastidiosa, leveinos ao Filloa, lugar onde por certo se nos uniría o grupo do unsinkable Joni Karanka. Esparexidos por varias mesas puxémonos de palique en tertulias diferentes que ao longo da noite e a forza de desercións acabaron por reagruparse. A iso das catro da mañá dei en sentarme a carón de Eike, un alemán encantador e hedonista, e ben axiña botámonos a falar sobre o citado concurso de ilusións visuais. Eike fixo unha análise moi divertida e rigorosa, pero o que mais me sorprendeu foi o seu inmenso entusiasmo polas EVCP waves de Kitaoka, que a el lle parecían aínda mais fascinantes que as famosas serpes pois a sensación de movemento é nelas igual de potente e, porén, a súa apariencia é infinitamente mais sinxela. A nosa conversa acabou derivando cara outros temas, en particular uns moi sentidos eloxios ao viño, os cogumelos e o polbo á feira, que cando está ben feito é o mellor que un pode comer neste mundo; pero para daquela xa non estabamos no Filloa senón no Toll, ese refuxio de noctámbulos dispersos sempre aberto para unha última copa. A iso das sete da mañá e superado xa o amencer a media ducia que ficabamos en pé emprendeu a retirada, ben dispostos todos para un sono reparador e infelizmente breve.

O sábado seguinte pasei pola exposición de ilusións visuais da Casa das Ciencias. Admirei de novo unhas imaxes que xa me resultaban coñecidas e que agora contemplaba con outros ollos, pero o mais espectacular foi o meu redescubrimento das ondas de Kitaoka: nun formato mais amplo que aquel A4 do que eu dispuña e cunha axeitada iluminación o efecto revélase verdadeiramente deslumbrante. A sorpresa é colosal, pero non tan grande como a que un experimenta ao contemplar esa mesma imaxe na pantalla dun ordenador. Aquí, por exemplo.

2005-09-08, 02:27 | 0 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/32828

Comentarios

Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 107.22.46.150 (aeafe2fbf3)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley