caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Cinema na rede
> Cinema na rede <

Aquí teñen o meu artigo do segundo número da Revista do Audiovisual Galego, que xa está sendo distribuída por aí adiante:

Cinema na rede

Sabémolo ben todos os que nos conectamos a diario: Internet é un depósito de contidos tan abraiante que un acaba por ter a convicción de que se algo non se atopa aí debe ser porque non existe. Por suposto, a frase vale tamén para o cinema, en especial se un entende un pouco de inglés, algo moi útil para tirar proveito dos fabulosos recursos que ofrece a rede.

Raro é o autor ou intérprete que non teña algunha páxina oficial ou oficiosa, ou do que non se fale con suma precisión nalgún blog cinéfilo. De Greta Garbo a Jeffrey Hunter, de Ronald Colman a Mary Pickford, son infinidade os actores e actrices que contan coa homenaxe virtual de devotos admiradores que poñen á disposición dos internautas amplas coleccións de fotografías e documentos en ocasións de difícil acceso. A Wikipedia, enciclopedia colaborativa que posúe versións en moitas linguas e se actualiza con grande velocidade, é unha magnífica porta de entrada para resolver dúbidas urxentes. Os contidos están esplendidamente organizados, de maneira que unha vez que os visitantes lemos o artigo dedicado a Djibril Diop Mambety, un supoñer, podemos logo entreternos consultando a listaxe de directores senegaleses e reparar así no xenial Ousmane Sembene, ou ben mergullar na categoría de “directores ordenados por nacionalidade” para comprobar cantos cineastas indonesios se nos ocorren.

Senses of cinema é unha completísima publicación on-line na que destaca a súa excelente base crítica de directores. Non é exhaustiva -hai sorprendentes ausencias, como a de F. W. Murnau- pero si agradecidamente ecléctica, pois nela encontramos nomes inesperados coma os de Mario Bava ou Sadie Benning, aínda que curiosamente non ao seu pai James, a quen no entanto si lle dedicaron un xeneroso espazo nun antigo número da revista. Quen ande á procura dos máis mínimos detalles de calquera película debe acudir a IMDB, xigantesca base de dados cinematográficos na que mesmo aparecen as fichas de documentais galegos coma Pensando en Soledad de Marcos Nine ou Bs. As. de Alberte Pagán. Non deixa de ser unha anécdota, pois no que atinxe ao cinema de noso IMDB non é unha ferramenta en xeral de moita axuda, pero para iso temos a web da Axencia Audiovisual Galega, hoxe por hoxe a mellor compilación de novas que hai sobre o tema, e que fai ademais un intenso seguimento das rodaxes que acontecen no país. A información sobre filmes e profesionais vencellados ao audiovisual de Galicia nos diferentes ámbitos, incluído a crítica e a prensa, é especialmente valiosa, aínda que non resulte todo o manexábel que sería de desexar.

Partindo da base de actores de IMDB, a Universidade de Virxinia proporciónanos un simpático divertimento cinéfilo: o Oráculo de Kevin Bacon. Mediante diferentes algoritmos de pescuda o programa localiza o camiño máis curto que vencella uns intérpretes con outros, facendo unha demostración práctica da famosa teoría dos seis graos de separación. Seis son xustamente os pasos que nos levan segundo o Oráculo de Minzhi Wei, a nena protagonista do filme Nin un menos de Zhang Yimou, até Ventura, figura central da obra mestra de Pedro Costa Juventude em marcha. Máis sinxelo aínda -só dous graos- é conectar ao mítico Nosferatu, Max Schreck, con Conrad Veidt, o Cesare d'O gabinete do doutor Caligari. Esas pezas emblemáticas do cinema expresionista alemán son dúas das moitas películas que almacena Archive.org, inmenso arquivo na rede que compila toda clase de obras de uso libre polo menos nos Estados Unidos, no caso de certos filmes porque non foron debidamente rexistrados ou renovados os seus dereitos de explotación. Títulos de referencia do cinema mudo como O acoirazado Potemkin, A quimera do ouro, Sherlock Jr, Berlín, sinfonía dunha grande cidade ou O home coa cámara están disponíbeis gratuitamente nesa web, que tamén acolle clásicos da etapa sonora como M o vampiro de Dusseldorf, Lúa nova, Rashomon ou A noite dos mortos vivintes.

dos arquivos estranhos: Todos críticos, artigo no primeiro número da Revista do Audiovisual Galego.

2007-10-18, 12:00 | 0 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/52884

Comentarios

os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley