Uns amigos van cear a casa duns coñecidos de elevado nivel de vida e costumes máis ben pijos. Os anfitrións relatan as excitantes experiencias dos últimos meses: unha viaxe a Illa Mauricio xunto aos Fitzjames "y otro matrimonio", unha festa na residencia dos Fitzjames á cal acoden acompañados por otro matrimonio, e en xeral unha longa serie de acontecementos nos que sempre parecen estar presentes os Fitzjames, que están avalados por unha suposta fama, e un misterioso otro matrimonio, que vén precedido polo seu inmisericorde anominato.
O sábado pasado en Sada, onde fomos por mor dunha finalmente frustrada observación pública das Perseidas, a miña amiga Bea díxome que un post publicado neste blog deixouna sumida no que poderiamos chamar síndrome do outro matrimonio. Ela estivo felizmente connosco na xuntanza post-Feira que relatabamos hai uns días, esa na que compartimos mesa, orella e cervexas con sihomesi e o Páter, entre outros. Pero Bea non ten nada que se pareza ao que os expertos denominan identidades de dominio público, e por iso non a citei daquela: non tiña ligazón que poñerlle. A noite do sábado, entre nube e nube, reprochoume que a súa inexistencia virtual non merecía a omisión da súa presenza real (e deixaremos para outro momento a cuestión de canto hai de vaidade no desexo de ser citado polos demais); e como penso que ten razón, asumo a miña culpa e pido humildemente desculpas con este post de desagravio. Non só porque llo debo, senón tamén polo respecto que merecen as persoas coma ela que adoitan ler máis novelas que ensaios, a diferenza do que fan outros.
O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.