caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Feira do Libro 2008 (II)
> Feira do Libro 2008 (II) <


O sábado actuou o dueto O'Rivas & Viascón; posúo probas videográficas, que colgarei na rede en canto teña tempo de quitarlles peso abondo. Mentres O'Rivas asina libros e máis libros Bragado preséntame a Xosé Fernández Ferreiro, un home con pasado cinéfilo, e despois saúdo a Yolanda Castaño, que me conta o seu inminente plan vacacional e fai que a miña cabeciña empece a soñar coa eclipse de Sol do 2009. Con O'Rivas e a familia Bragado imos logo tomar unha cervexa a un bar, co programa dos Tonechos como fondo. Falamos deles, do Gato Fedorento e d'A romería da morte, o filme de Alberto Estévez Piña reestreado no Filminho ao cal lle outorgara un premio en 1976 un xurado composto, atención, por Pere Portabella, Basilio Martín Patino, Román Gubern e Julio Pérez Perucha. Niso é que poñen anuncios na tele e no avance dunha desas reposicións veraniegas aparece nun plano un tal Martiño. As time goes by, que diría Dooley Wilson.

O luns é o día da presentación de Festina lente: teñen unha magnífica crónica dos feitos no blog de Rubén Ruibal. Marcos S. Calveiro vén desde Vigo con Agustín Fernández Paz e Manuel Bragado. Reúnome con eles na FNAC; o editor de Xerais revisa a colocación dos seus libros e o autor de Cartas de inverno anda na procura da primeira tempada d'Os Soprano. Eu series non vexo, así que lle recomendo o pack Albert Lamorisse, que aproveito para mercar eu tamén. Camiñamos cara a feira e atopamos a Chelo Suárez, con quen manteño unha agradábel conversa coa alegría de saber que non me garda rancor. A presentación do libro de Marcos, ben, grazas, mais para iso, insisto, vaian onde Rubén, que andaba por alí coa muller e os fillos, dos que non sabería dicir cal dos dous se parece máis ao outro. O meu arqueólogo de cabeceira, Xosé María Bello, fai acto de presenza, igual que os pelachos e M7 & M71. Pereiro vai e vén, ao ritmo que lle marca Antón Lamazares; mourullo chega á carposa mais ao pouco mimetízase coa columna para acabar desaparecendo, de xeito case tan veloz coma o da filla de Manuel Ferrol.

O diálogo con Marcos acaba contra as nove; para daquela Agustín está xa na caseta de secretaría, atendendo os seus moitos seguidores. Media hora despois voltan con Bragado para Vigo; os que quedamos -pelachos, pereiros, páteres e un servidor- achegámonos a O Secreto para celebrar que é luns sen tempo de ver a Luis González Tosar recitando na compaña dun violín. Josito explícanos a importancia da verosimilitude, antes que da verdade: o seu humor e agudeza son certamente insuperábeis. Por alí pasa tamén Andrés Barreiro, que me pregunta por Jairo. Ceamos pouco e saímos cedo; todos se retiran, e o páter e máis eu imos tomar algunha outra cousiña sólida que complete a frugalidade do jantar. Paramos no Manhattan, nunha exhibición de verdadeiro coruñesismo. Cando chego a casa, o reloxio xa deixara atrás as dúas.

a post-data: con tanta presentación e tanto escritor asinando a súa obra, no Feirón hai sempre moito ambiente, mais a prensa seica non traballa polas tardes (a non ser que veñan escritores de Madrid).

dos arquivos estranhos: Feira do Libro 2008 (I)

2008-08-05, 20:29 | 0 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/58832

Comentarios

os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley