
“Pietro Puliani é un afamado vidreiro veneciano que posúe grandes coñecementos sobre alquimia e poderes adivinatorios aprendidos en Exipto”. A primeira frase da contracapa coa que a editorial promociona
A venus de cristal parece deixar clara unha saudábel intención de serie B, con ese protagonista enigmático que vive nun maxestoso palacio, oculta o rostro baixo unha máscara carnavalesca e traballa “con métodos que están fóra da comprensión humana”. Ingredientes coma estes debían facer que o prato tivese un agradábel arrecendo a folletín, pero a prosa requintada da autora quere apuntar nunha liña ben diferente: o libro ten unha certa vontade de transcendencia e agacha baixo a súa recargada imaxinería unha reflexión sobre a procura da beleza, co mito da inmortalidade e a perfección da xuventude asomando ao fondo.
Ambientada na Venecia do século XV, descrita de maneira tópica como unha engaiolante cidade de vicio e perdición,
A venus de cristal convírtese nun estraño híbrido a medio camiño entre
O perfume de Patrick Süskind e un serial bizarro ao estilo do Fu-Manchú de Sax Rohmer. Polas súas páxinas desfilan nobres intrigantes, prostitutas desdentadas e lascivas, escravas fermosas que tocan a cítara e no treito final
Giuliano de Médici e
Sandro Botticelli, enfeitizados os dous pola muller “máis bela entre as belas”, Simonetta Cattanei, de “palidez alabastrina” e co “candor reflectido nas súas delicadas formas”. Abenzoada pola brevidade, a noveliña de
Chelo Suárez é un simpático despropósito que dificilmente pode inspirar animadversión e si porén moita tenrura. A obra formou parte da terna de finalistas do Premio Xerais no ano 2006: agora podemos comprender o atinada que foi a decisión dun xurado que escolleu como gañador a Diego Ameixeiras pola moi superior
Tres segundos de memoria.
(Publicado en PROTEXTA, Suplemento de libros da revista TEMPOS NOVOS, nº 6, primavera 2008)
¶