caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Elfos e ananos
> Elfos e ananos <

Eles son a elite, os elfos. Nós, o povo, un povo de ananos facilmente manipuláveis. Non os entendemos, non.

Máis unha vez o BNG sofreu un retroceso eleitoral. Forte, moi forte: cen mil votos menos respeito dos comicios do 2000, o que significa que dos votantes que naquela data lhe outorgaron a súa confianza un de cada tres preferiu non facelo agora. Como vén sendo habitual non houbo lugar para a autocrítica entre as cabezas visíveis da formación. A culpa tívoa a polarización bipartidista, cousa que en parte é certo, pero que non é unha explicación suficiente. Porque esa mesma polarización non evitou que unha forza como EU-IU, sen opcións no reparto de escanos na Galiza, melhorase en nove mil votos os seus resultados de hai catro anos, por non falar xa do colosal éxito de ERC e o ascenso do nacionalismo vasco, agora tamén coa representación de Nafarroa-Bai, ou da Chunta Aragonesista de Labordeta. Quintana saeu encantado, dicindo que o bon é que ao non haber maioría absoluta a influencia dos dous parlamentarios do Bloque vai ser moito maior nesta lexislatura que a que tinhan antes con tres. E tamén ten algo de razón, pero tampouco é suficiente.

Non sei cal debera ser o caminho a seguir polo Bloque; non podo sacar da faltriqueira unha solución máxica que os conduza ao éxito definitivo. Pero si vexo con claridade que tal e como se moven non van a ningures, que grande parte da sociedade galega segue sen velos como unha alternativa real de governo, e que algo de responsabilidade terán eles niso, digo eu. E tamén sei que optar pola adesión incondicional e renunciar á crítica constructiva o máximo que servirá será para ir adiando a paulatina pero inexorável desaparición da vida política dun ideario nacionalista do que eles se adxudican a propriedade. E eu, como nacionalista que os vota por eliminación máis que por convencimento, tenho dereito a amosar algunhas queixas.

Podo queixarme de que o BNG é unha organización plural só en teoría, pois na práctica os únicos que mandan seguen sendo os da UPG. Podo queixarme de que a inmensa maioría dos seus candidatos transmiten unha paralisante sensación de tristura, cun perfil clásico de profesor de secundaria que dificilmente pode arrastrar votos entre os televidentes que ven Luar e adoran aos Tonechos. Podo queixarme de que crean que co paso do tempo irán melhorando os resultados, que conten como seguro un anaco do voto xove e que case dean por perdido o apoio das xeracións de máis idade. Porque un non pode limitarse a practicar unha politica que só parece convencer aos convencidos e a algúns galeguistas de instituto, os que se desviven por ler o último livro de Miguel Anxo Murado, un suponher, e procuran non afastarse nunca dun espazo cultural tanto máis pobre canto máis limitado.

Os que aspiramos e cremos xusto o reconhecemento explícito da nosa identidade como nación; os que cremos posível e desexável un maior nível de autogoverno aínda que só sexa para que a próxima vez que se nos afunda un petroleiro nas costas a crise sexa xestionada por alguén que non pense que o mar é tan só iso que está despois da area; os que non achamos insolidario o desexo de que se asuman as diferencias, senón todo o contrario; os que manifestamos nas urnas e nas rúas a nosa oposición á visión cativa que do Estado tiveron os homes pequenos que a historia viu e padeceu; todos nós, nacionalistas galegos, non podemos ficar á marxe, calados. É labor noso facer a análise da cal eles non parecen dispostos a ocuparse.

hoxe hai un ano: o que non se mova non sae na foto

2004-03-16, 01:00 | 17 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/16791

Comentarios

1
De: Anónimo Fecha: 2004-03-17 02:31

ti mesmo pareces moi bo candidato

a min convenciches eu trocaría meu voto -MP-



2
De: jorge Fecha: 2004-03-17 07:51

Ai, a clase política galega... agora e sempre, en fin.



3
De: Moebius Fecha: 2004-03-17 12:05

Lo mejor es que el del zapato y su muñeco de ventrílocuo se reúnan con ETA para pactar una tregua para Galicia. Pero en fin, sólo ganarían votos “prestados”, como los de Esquerra, que ya subió (con Colom y compañía) y bajó, ahora ha vuelto a subir, pero bajará. Respecto al PNV, que me decía en otro comentario, me lo imaginaba y no crea que tengo miedo o algo parecido, lo esperaba, conozco mi tierra y le aseguro que lo que la gente decida en paz, no me asusta. Por cierto, que también ha sido muy importante la recuperación del voto del PSOE en el País Vasco y la subida de EB-IU, una pena que le haya perjudicado lo “mal distribuidos” que tiene los votos.



4
De: ascárida Fecha: 2004-03-17 12:38

"por eliminación máis que por convencimento", coido que esa é a sensación da maioría

Porque claro, quen lles vai votar con convencimento se non teñen os pés na terra?, con todo ese discurso fachendoso e ese nacionalismo lírico que practican os catro de sempre nos bares, con esas publicacións crípticas e imposibles para os non iniciados. Sempre un nacionalismo inaccesible ós pobres mortais, un nacionalismo de ghetto.

No fondo seguen a pensar na Galiza pailana que non lles vota porque gusta de que mexen por ela, eso permítelles esquivar o que ó meu entender é o seu verdadeiro problema: so se representan a si mesmos.



5
De: xastellas Fecha: 2004-03-17 15:19

ok ok ok
Outro voto - o meu- para MP.
Dacordo con ascárida:
Estar lonxe da xente, pensar que o paisano é parvo, cando calcula coidadosamente o seu voto. Ninguén o regala todos o prestan e algúns o alugan.
Por qué carallo non explicaron o affaire Ventura?
Nin os entusiastas quedaron satisfeitos. Só oía entre a xente: eu non lles volvo votar. Dacordo que co PSOE é moi difícil pactar, que ten tendencia a fagocitar todo o que toca, que xoga a opción b do sistema.
Dacordo que Faro votaba Príncipe e La Voz por Ventura. Pero NON HOUBO explicación comprensible aos paisanos (todos nós). Se non queres outro Paco Vazquez en Vigo hai que explicalo alto e claro.

E gañar apoios, eso -e non outra cousa- é a política. Que a xente apoie as medidas que tomas, porque as entende, as acepta, e se sinte identificada con elas.

Desde logo parece que fan política para os claustros dos institutos.



6
De: Martin Pawley Fecha: 2004-03-18 02:25

Poderíamos presentarnos ás autonómicas do 2005 como BNdeGa: Blogs Nacionalistas de Galiza ;-)



7
De: Anónimo Fecha: 2004-03-19 01:58

Mejor no, que estamos hartos de nacionalismos estupidos que buscan dividir a la gente. Ahora lo que hay por hacer, es entendernos mejor. La diferencia entre los nacionalismos islámicos y el del bloque es cuantitativa, no cualitativa.



8
De: Martin Pawley Fecha: 2004-03-19 18:10

Canta razón ten certo amigo noso cando di que non se manda suficientemente a algunha xente a tomar polo cu.



9
De: Akin Fecha: 2004-03-19 18:25

Señor anónimo, a verdade e que é vostede un completo e absoluto imbécil. A próxima vez que me queira chamar asasino deixe o nome anda, ou cando menos a dirección de correo.



10
De: Mc Fecha: 2004-03-19 20:52

pois estou dacordo con vostede Pawley e dende xa apuntome ao partido ese dos blogs :))

Saudos.



11
De: Vendell Fecha: 2004-03-19 22:47

Nese partido Akin pode xogar de defensa central ;-)



12
De: Indi Fecha: 2004-03-20 16:50

Tarde mais quero dar a conhecer un escrito que se publica en www.indiredo.com no apartado de Redondela's News-pensamento.

E camiñamos serenamente cara a derrota final.

Se comigo sumo dous amigos que confian en min e un me abandona somos dous tercios logo o equivocado é o que me abandonou para loitar nas cruzadas do bipartidismo harmónico. Aínda somos maioría dous tercios sobre o tercio que trabucou a papeleta. Nesta vez trabucaron de papeleta máis de cen mil e so recoñezo un novo votante rencoroso que non o pensaba facer: min mesmo. Gañastes un voto e perdesdes moitos máis.
Ancorados nuns usos antidemocráticos de funcionamento orgánico, calcan, nos lugares onde acolleron ou se acolleron ás migallas do cativo poder local, costumes e ritos dos partidos aos que pretenden suplantar. Tentan vender-se coma un deterxente máis nunha tenda de todo vale, deixando apodrecer os valores que, aínda que lentos de asumir por mor da tráxica historia de Galiza, deberian marcar as diferencias entre unha organización nacionalista e o resto.

O noso País non ten conciencia de seu, non temos medios de comunicación propios, foi a bipolarización causada polo atentado de Madrid, como non hai maiorías dous deputados poden facer máis que tres...... calquera escusa vale menos asumir que a hora que marca o reloxio do BNG funciona coas agullas do tristemente famoso da Porta do Sol da capital das Hespañas.

O concepto de Galiza-nación non está nada interiorizado en Galicia, tentaron no século pasado poñelo andar e argallaron un Partido Galeguista que deixou unha historia inesquecible de traballo, feitos e comportamentos éticos que puxo andar o País. Eses sofriron os catro xinetes de apocalipse sumado ao quinto da desmemoria e da ignominia. Non é o caso do que acontece hoxe co Bloque Nacionalista Galego. Quixeron soltar lastre e botaron abaixo ideoloxía; pretenderon achegar caras novas e recolleron trepas e pirañas que non disimulan o seu pasado anterior e o seu odio paleto polo noso idioma. Manteñen en formol acorazado a indivíduos que non son máis que vixiantes e controladores do cativo gran irmán que os representa.

A pesar deles o Norte segue a estar marcado pola estrela polar. Mágoa de Nación



13
De: Martin Pawley Fecha: 2004-03-20 21:53

Magnífico, Indi.



14
De: Cesare Fecha: 2004-03-20 23:53

Abraiantes os comentarios, e precisos. Só non asino tres: o de murado (que o que lles pasa é que non len murado e si terra&tempo); o do partido que xa poñendo podía chamarse B (blogs) e abondaba; e o de tomar polo cu, por causas obvias. ;) Parabéns, Pawley. E Acárida, abofé, que non lle podo comentar no blo.



15
De: Martin Pawley Fecha: 2004-03-21 00:35

Companheiro Cesare: non lhe negarei que dixen Murado cun chisco de mala uva, debido ao escaso interese que sinto pola súa obra. Conste que a minha primeira opcíón era a de ponher o nome de Xosé Antonio Perozo, pero decateime de que Perozo é un escritor malo de máis como para que resultase verosímil nese contexto.

Chamarlhe "B" a secas ao partido é, certamente, unha boa opción. Deberiamos facer un congreso e designar diversas comisións e subcomisións con tareas ben específicas para decidilo. ;-)

Ten moita razón você na súa última apreciación; deixeime levar polo dito sen reparar moito nel despois de ler un comentario ten noxento como o 7. Intentarei no futuro non recaer en expresións que puideran molestar ou ofender a xente que non merece ser ofendida.



16
De: Galiza Independente e Socialista !! Fecha: 2004-03-27 01:39

Ola! E non lembes que exise outra alternativa nacionalista... a FPG. 1.888 votos (vaia cifra)



17
De: Seixido Fecha: 2004-05-19 15:26

O de Murado non o comparto nin de lonxe, porque é con moita diferencia un dos mellores prosistas da literatura galega de hoxe. O día que poda mercar ao azar un libro galego nas librerías e descobrer nel algo da calidade de "Ruido" ou "Mércores de cinza", botarei foguetes da felicidade.



os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley