caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > The Passion of the Christ
> The Passion of the Christ <

Para empezar, The Passion non é cine: é un aparatoso exercicio final de catequese, rodado con talento escaso e que en condicións normais non pasaría de ser un deses telefilmes bíblicos que programan as televisións os días de Xoves Santo. O único mérito do seu artífice, Mel Gibson, foi o de xerar ao seu redor a dose de polémica apropiada para convertila nun colosal éxito. Mellor para el e para o seu peto; para o cine, que é o que nos importa, este traballo seu non aporta nada, absolutamente nada, nin sequera nos aspectos técnicos. Non sorprenden en absoluto nin o vestiario nin a ambientación, e moito menos a fotografía (por favor, que alguén me explique onde anda Caravaggio por aquí).

Chama a atención a idea de que se decidise a rodala en arameo e latín. As linguas son, principalmente, un vehículo de comunicación, pero tamén de identidade. Non se entende ben a razón de usar linguas que son alleas á práctica totalidade dos creadores e destinatarios do filme; é un reto curioso que non é nin bo nin malo, senón tan só estraño, pois supón crear unha barreira artificial e innecesaria para entender a mensaxe. A non ser, claro, que non haxa mensaxe. Se a intención era a de facer unha demostración de verismo, a realidade é que ao final fica sepultada pola extenuante serie de tópicos que enchen a película desde o comezo até o final. A propia elección do reparto faría as delicias de calquera experto en multiculturalismo: Xesús é anglosaxón e guapo, a súa nai María é centroeuropea, asexuada e de idade indefiníbel, e finalmente María Magdalena recae na pel dunha voluptuosa e carnal italiana, Monica Bellucci, poñendo permanentemente cara de monxa como se por facelo deixase de ter tetas. Das patéticas aparicións dun demo encarnado por Rosalinda Celentano, mellor non falo: teño visto montaxes escolares que resultan menos bochornosas.

The Passion ocúpase case unicamente das últimas horas da vida de Xesús, con esporádicos flashbacks que rememoran pasaxes da súa vida anterior. Nin uns nin outros teñen a máis mínima forza emocional. O calvario preséntase de xeito efectista e violento, dando espazo só ao sufrimento físico e á tortura. O espírito sadomaso que todo integrista paranoico leva dentro sae a relucir nesas escenas: Mel Gibson disfruta cos lategazos e cos cravos e recréase no corpo ensanguentado e desfeito de Jim Caviezel, convertido nunha pizza humana, sen comprender que na práctica tal acumulación de barbaridades acaba por ser autoparódica. Como contraste as escenas que amosan momentos da súa vida están filmadas con simplona espiritualidade e falsísima transcendencia, e polo tanto resultan igualmente ridículas.

Non deixa de ser curioso que a mellor leitura cinematográfica da vida de Xesús saíse das mans de Pier Paolo Pasolini, comunista, homosexual e ateo. A conmovedora pureza do seu Il Vangelo secondo Matteo respira verdade en todos os seus planos, cousa que non existe nesta Paixón descafeinada e histérica que se afasta das evanxeos na mesma medida en que se entrega ás visións fanáticas dunha monxa alemá.

2007-04-08, 18:14 | 0 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/48520

Comentarios

os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley