2046 ten un único defecto: é inhumanamente boa. Gostaríame poder odiala e desfacerme dela para evitar a necesidade de seguir atado para sempre á sua beleza, como facía Patricia Neal con aquela estatua nunha memorábel escena de The fountainhead, mais sei que non vai ser posíbel. Wong Kar-wai déixanos sumidos nun profundo estado de conmoción, abrumados pola inesgotábel colección de ideas e de emocións que se acumulan nesta nova obra mestra.
"Para min 2046 é un estado mental ao que acudimos cando queremos recuperar o que perdemos, cando tratamos de conservar non só a persoa ou o tempo deixados atrás, senón tamén o momento e a atmosfera. Sería polo tanto unha especie de utopía, algo que non existe. Case un paraíso perdido. 2046 non alude a unha data ou a un lugar do futuro, senón que trata do agora, de por qué experimentamos mais intensamente o que tivemos no pasado que o que nos rodea no presente". É o propio Wong Kar-wai quen nunha entrevista concedida ao crítico Carlos F. Heredero define mellor que ninguén a extraordinaria experiencia que supón o seu filme. Cho Mo Wan, o escritor que encarna o formidábel Tony Leung e ao que xa viramos en In the mood for love, segue aferrado ao recordo de Su Li Zhen, aínda que o agacha baixo unha máscara de cinismo e despreocupación. Insiste en se mostrar invulnerábel ante todas as mulleres que se cruzan na súa vida, refuxiándose nun ideal imposíbel que o enche por completo e que o incapacita para amar de verdade. En case todos os personaxes de 2046 se rastrexa ese elemento rosaliano da saudade pola dor e un certo acomodamento na nostalxia e na tristura, como se soubesen que non poden nin merecen atinxir a felicidade. Gardan para si o segredo da súa amargura, que se pega como unha luva á súa pel condenándoos á soidade que anuncian uns naipes en Singapur. Wong Kar-wai cria imaxes de hipnótica fermosura que nos descobren o romanticismo sacrificado e poético de Faye Wong, repasando incansabelmente as palabras e frases en xaponés que a unen ao home que ama; a paixón de Zhang Ziyi, entregada ao xogo auto-destrutivo de aparentar que ao igual que o escritor ela tampouco está dominada pola tiranía dos sentimentos, e con ese apontamento schnitzleriano de recompensar con cartos os seus encontros sexuais; e, por último, o muro de misterio e austeridade de Gong Li, a araña negra na que Cho Mo Wan reflicte a súa incapacidade para superar o pasado. E, ao fondo, a fascinante Maggie Cheung, a dama que con mais elegancia camiñou nunca por un ecrã.
2046 é hiperbólica e arrebatadora, un fenomenal derroche de enerxía criativa por parte dun xenio fora de escala. Gañará cos anos, a medida que o cine e nós mesmos nos volvamos mais sabios.
¶
Num semanário tablóide português pseudo-intelectual de direita, o crítico de serviço chamava ao artigo sobre 2046 "Disponível para Dormir" e começava-o deste forma singela "Este filme é uma merda".
Depois da irritação inicial [deitei, de imediato, o suplemento em causa para o lixo], pensei que é bom poder ter filmes assim bonitos, que causam inveja e que nem todos compreendem. De Wong Kar-Wai ninguém fará um fenómeno popular mainstream, roubado pela Hollywood das sequelas, dos efeitos-especiais e dos lugares-comuns.
Debo ser eu a única persoa que coñezo que non lle parece para tanto 2046?
Argumentos non teño moitos. Visualmente si, moi bonita e moi moderna. Acústicamente vale, a banda sonora xa é un clásico. Pero a inclusión de boleros é un efecto cool-retro que a min particularmente rállame e que xa utilizou Almodóvar (non é a única similitude que lle atopo).
Do resto basicamente é que non entendín moito. Unhas chinesas moi guapas e completamente sumisas a ese varon-dandy xa clásico e que a moitos lles gustaría chegar a ser, unha visión idealizada e tópica sobre o amor e o sufrimento que non aporta nada novo... mais iso é o de menos, o malo é que saín do cine igual de fría que entrei ou máis.
Iso si, cando saia o DVD capturarei uns fondos de escritorio moi fermosos.
Esquecín dicir que 2046 foi o meu primeiro Won-Kar-Wai chispas (quitado medio happy together que quedou en medio por culpa dun DivX en mal estado), polo cal non estou inmersa no mundo do autor como están vostedes, e comprendo que haberá moitas claves ocultas para alguén virxe coma min no seu cine.
Como espectadora virxe, pois, foi unha película que non me tocou onde me tiña que tocar. Tamén é certo que ultimamente a glándula da sensibilidade non me traballa moi alá. Ou que simplemente non tiña o día. Pillarei (levo anos intentándoo) In the mood for love, dáme que me vai gustar algo máis.
Das de WKW, eu non gostei nada de Ashes of time. Eu empecei polo final: a primeira que vin foi In the mood for love, e logo dei con Happy together e Chunking Express, tres obras excelsas.
Unha tabarrada, Happy together? Você delira, Cesare! Terá febre?
Vin 2046 o fin de semana pasado en Pontevedra abrumado polas marabillosas críticas e sinto dicir que me aburriu moitísimo. Coido que o 2046 fai referencia ás veces que bostecei. Definitivamente non son cinéfilo.
É certo, AdamastoR, que hoxe por hoxe non parece probábel ver a Wong Kar-wai dirixindo unha comedia romántica de Julia Roberts. Con todo, o director de 2046 non é desde logo un cineasta difícil, cheo de chaves ocultas, así que quizá xa vaia sendo hora de que saia do limbo dos autores de culto e chegue a un público máis xeral.
María, Wong Kar-wai naceu en Shangai en 1958, e con cinco anos de idade marchou coa familia a Hong-Kong. As músicas de Nat King Cole ou de Xavier Cugat (en 2046 o Siboney) que el pon nos seus filmes eran as que estaban de moda na súa infancia, introducidas na cidade por orquestras filipinas. O Hong Kong dos anos sesenta, ao que volve unha e outra vez, vén ser o seu paraíso perdido, e ambiéntao musicalmente do xeito mais lóxico e lexítimo: coas cancións da súa vida, as que enchen os seus recordos. Non é, pois, un efecto cool-retro, e se así fora, tampouco ten nada de malo, fágao el, Almodóvar ou Quentin Tarantino (ou como calificaría vostede ese Bang-Bang que soa no comenzo de Kill Bill vol.1, por exemplo?). Polo demais, eu non vin moita sumisión (haina no personaxe de Maggie Cheung, xa visto en In the mood for love? Haina no de Gong Li?), e tampouco vexo que teña nada de ideal o personaxe de Tony Leung, un home na procura dunha muller que se lle escapou tempo atrás. A visión sobre o amor non é diferente da xa vista en obras anteriores de Wong Kar-wai, mas xustamente o grandioso de 2046 é o de ser un compendio de temas e estéticas xa tratadas na súa filmografía, aquí elevadas á enésima potencia (os planos curtos, fugaces e ralentizados; as parellas nos taxis; a relevancia do vestiario...)
Eu saín do cine moito mellor do que entrei, co desexo de falar sobre o filme con alguén.
O sistema de comentarios está á disposición dos leitores de "días estranhos" exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.
(texto copiado hai anos do Carta aberta, que á súa vez llo agradecía ao Inagaki)