(A Jaítos, que gosta de xogar cos números)
Saeu na prensa hai un par de anos. Pedro Díez Perpiñán, director comercial dunha firma de seguros, analisou a evolución dos prezos ao longo do século XX tomando datos de diferentes fontes documentais, en especial do Instituto Nacional de Estatística. Así puido elaborar unha táboa de equivalencias á que denominou
Índice de Prezos Historiográficos. Según as súas contas, unha peseta do ano 1900 equivalía a 446,452 das do ano 2000. Comparacións semellantes poden facerse para calquera outro ano do pasado século, e a partir diso basta con efectuar sinxelas multiplicacións para deducir canto deberían custar hoxe as cousas se a variación do seu prezo fose homoxénea, sempre a mesma para toda clase de productos, e non obedecese a outras circunstancias adicionais.
Por exemplo, unhas vacacións de quince días en Mallorca, todo incluído, podían disfrutarse por 3950 pesetas en 1963, algo máis de cincocentos euros actuais. Non é unha mala oferta, desde logo. Nos anos sesenta podía irse ao cine por unhas poucas pesetas; incorporen a esa cifra a inflación acumulada nestes corenta anos, e aínda así obterían un prezo catro veces inferior ao que hoxe en día pagamos por unha entrada. Por fortuna, outros productos abaratáronse de xeito considerábel en termos relativos. Os avances na tecnoloxía fan que non teñamos que pensarnos dúas veces a compra dun simple aparato de radio: as 3750 pesetas que se pagaban no ano 1954 por elas significarían máis de 900 euros dos nosos tempos. O mesmo pasa cos televisores: un aparello en branco e preto de 24 pulgadas supuña 20000 pesetas de desembolso a finais dos cincuenta, que serían preto das seiscentas mil na actualidade, cantidade que hoxe case nos fai pensar en pantallas de plasma de grandes dimensións.
Sigamos facendo comparacións, que collo prestadas dun estupendo artigo de Diego Sánchez Couso no exemplar de outono do 2001 de
O anarquista. En 1935 unha barra de pan andaba polos 10 céntimos, que veñen ser pouco máis de corenta pesetas das actuais, cantidade moi inferior á que pagamos realmente por elas. O transporte público tamén se encareceu moito ao longo dos anos. Un billete de tranvía custaba 30 céntimos a primeiros dos sesenta, que equivalen agora a uns cinco céntimos de euro. Multipliquen por doce, ou quince, ou vinte, e obterán o que pagan realmente por viaxar en autobús en calquera cidade de España, e en particular nesta Galiza na que as comunicacións seguen sendo un desastre sen solución (e menos co
medallista campando por Fomento).
E a gasolina? Pois, por raro que lles pareza, a gasolina baixou de prezo. O litro de gasolina súper custaba 10 pesetas en 1968, unhas 160 pesetas no 2001, cando apareceu o artigo antes citado. O seu prezo de mercado era, naquel momento, 145 pesetas, cifra un 9% máis baixa. Polo medio tivemos unha crise do petróleo e as dúas guerras dos dous golfos, e aínda así a gasolina mantívose moi estábel, moito máis que o pan. Non fai falta dicir que a adquisición dun coche, por suposto, tamén se abaratou ao longo destas décadas, até o ponto de que un utilitario pode custar a metade do que lle correspondería se adaptaramos á actualidade o prezo dun Seat 600 de finais dos cincuenta.
Xa sei, xa sei, para todo hai explicación. Pero esquezan a teoría por uns minutos e fiquen tan só co símbolo: sobe o pan, baixa a gasolina. Sobe o cine e baixa a televisión.
Quen decide canto valen as cousas?
¶