"Hai mulheres e mulheres, e ademais está Kate. Hai actrices e actrices, e ademais está Kate"
Frank Capra
Posivelmente, a única ocasión en toda a súa filmografía na que John Ford se permitiu darlhe un xenuíno tratamento de estrela a un dos seus intérpretes foi en
Mary of Scotland a respeito de Katharine Hepburn. O grande mestre foi logo xeneroso cun case desconhecido John Wayne, a quen lhe regalou en
The Stagecoach unha das melhores presentacións dun personaxe de toda a historia do cine; e foino de novo con Woody Strode, ao convertilo en
Sergeant Rutledge nun heroe de dimensións case olímpicas. Pero só con Katharine se recreou en primeiros planos tan ao estilo do Hollywood dourado, nun exercicio de fascinación e de amor que, ao parecer, ultrapasou ás pantalhas para se converter nun idilio real.
Mary of Scotland non soe ter moi boa prensa entre moitos críticos e estudiosos da obra de Ford, por razóns que non acabo de entender. Un dos seus biógrafos, Scott Eynmann, despáchase a gosto dicindo que "está moi ben fotografada por Joe August, pero iso é todo", nun dos diversos momentos de absoluto despiste mental que revela ao longo do seu extenso "Print the legend", editado en España por T&B Editores. En realidade,
Mary of Scotland é un estupendo drama histórico, que podería ter sido melhor se a Waner Bros. lhe tivese prestado á RKO a Bette Davis para encarnar á raínha Elizabeth, como nun principio se pensou. Ao final fíxose con este papel Florence Eldridge, esposa de Fredric March, e a verdade é que estivo ben, pero sempre nos quedará a dúvida de que clase de chispas terían estoupado ao ver na mesma escena ás dúas máis grandes actrices de todos os tempos.
Onte morreu Katharine Hepburn, quizá a derradeira lenda do Hollywood clásico. A de
Morning glory e a de
Little Women, a de
Sylvia Scarlett e a de
Bringing Up Baby, a de
The Philadelphia Story e a de
Adam's rib. A de tantas e tantas películas que hoxe parécennos irrepetíveis, feitas nun tempo no que aos guionistas dabáselhes máis importancia que aos do departamento de efectos especiais. Iso que perdemos.
¶