caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Todos somos rencorosos
> Todos somos rencorosos <

Ai, que non podo coa risa. Lean esto e logo díganme se non lles parece gracioso a vostedes tamén. É que non temos perdón, home. Somos todos uns rencorosos. Xa o era Rosalía. Unha perigosa radical. E Castelao, tamén, que escribía Galiza, en vez de Galicia. ¡Nin escribir "buen gallego", sabía, o pobre! E Manuel Antonio, un provocador. ¿A quen senón se lle podía ocurrir facer tanto versiño con referencias ao mar? ¿Non sabía el que falar do mar podía chegar a ser políticamente incorrecto? Pois mal feito, faltoulle previsión. Preventivamente, tiña que ter atacado outros temas. Odas a Manoil, por exemplo, que daquela era cativo pero seguro que xa apuntaba maneiras. De Blanco Amor, mellor xa non falo. Que podiamos agardar dun vulgar maricón.

Pois si, señor: eu son un rencoroso. Que digo rencoroso, son moitísimo peor. Eu son un axitador do resentimento, que ladra o seu rencor polas esquinas deste gueto cultural onde hai mil anos non había baños e que está gobernado por un presidente que de cando en cando sofre lipotimias, pero que realmente está forte coma un buxo; eu son un deses que anda batanusi... batusani... banutasi..., ¡bah, eu ben sei o que me digo!, a sociedade, que anda enchendo o país de merda con tanta bandeira e tanto berro de Non á Guerra, e ao que se lle acabou o chollo pacifista, como diría o (h)académico vello verde. Eu son un deses, e síntome honrado de pertencer á longa tradición de rencorosos que o tipo ese cita no seu delirante artigo. Todos eles foron grandes creadores que dispuxeron dun extraordinario talento, algo do que o autor do artigo carece. Dito con palabras do moçambicano Mia Couto, foron donos dunha poderosa arma de construção massiva: a capacidade de pensar.

Outro gran rencoroso: Michael Moore

O xenial creador da imprescindible "Bowling for Columbine" publica artigos francamente interesantes no seu sitio web. Irei poñendo algúns por aquí. Este é o último dos que apareceron. A traducción é miña, así que, perdoen as molestias...

O que eu saquei dos Oscars: "Stupid White Men" volve ao número 1, "Bowling" racha novos records
Michael Moore, 7 de abril

Queridos amigos,

Parece que a administración Bush terá acadado o éxito na colonización de Iraq ben axiña en poucos días. Esto foi un disparate de gran magnitude -e pagaremos por el nos vindeiros anos. Non merecía a vida dun só xove americano de uniforme, sen contar aos milleiros de iraquíes que morreron, e as miñas condolencias e oracións van por todos eles.

Así que, Onde están todas esas armas de destrucción masivas que foron o pretexto desta guerra? Vaia! Hai tanto que dicir de todo esto, pero deixareino para máis adiante.

O que me preocupa por riba de todo agora mesmo é que todos vós, a maioría dos americanos que non apoiastes esta guerra ao principio, non caledes ou fiquedes intimidados polo que poida ser pregoado coma unha gran victoria militar. Agora, máis ca nunca, as voces de paz e verdade deben ser escoitadas. Recibín un feixe de correo de xente que sinte unha profunda desesperación e cree que as súas voces foron afogadas polos tambores e as bombas de falso patriotismo. Algúns temen represalias no traballo ou na escola ou entre os seus veciños por terse pronunciado a prol da paz. Se lles dixo unha e outra vez que non era "axeitado" protestar unha vez que o país estaba en guerra, e que o seu único deber agora era "apoiar ás tropas".

Podo compartir convosco como me foi desde que usei o meu tempo no escenario dos Oscars hai dúas semanas para falar contra Bush e a súa guerra? Agardo que ao ler o que vos vou dicir vos sintades un pouco máis animados para facer que as vosas voces sexan oídas en calquera xeito ou en calquera foro que se vos abra.

Cando "Bowling for Columbine" foi anunciada como gañadora do Premio da Academia ao Mellor Documental, a audiencia púxose en pé. Foi un gran momento, un que eu sempre apreciarei. Ficaron en pé e aplaudindo un filme que di que nós os americanos somos un povo especialmente violento, que usamos as nosas reservas de armas para matarnos os uns aos outros e usalas contra moitas nacións en todo o mundo. Aplaudiron un filme que amosa a George W. Bush empregando medos ficticios para asustar ao pobo e que lle dea todo o que el quere. E honraron un filme que establece o seguinte: que a primeira Guerra do Golfo foi un intento de reinstalar ao dictador de Kuwait; que Saddam Hussein foi equipado con armas dos Estados Unidos; e que o goberno americano é responsable das mortes de medio millón de nenos en Iraq ao longo da pasada década por medio das sancións e os bombardeos. Esa era a clase de película que estaban aplaudindo, esa era a película que votaron, e así decidín que eso era o que eu debía agradecer no meu discurso.

E, así, dixen o seguinte desde o escenario dos Oscars:

"En nome dos nosos productores Kathleen Glynn e Michael Donovan (de Canadá), quero darlle as gracias á Academia por este premio. Convidei aos outros documentalistas nominados ao escenario comigo. Eles están aquí en solidariedade porque nos gusta a non-ficción. Gústanos a non-ficción porque vivimos en tempos ficticios. Vivimos en tempos onde resultados electorais ficticios dannos presidentes ficticios. Agora estamos loitando nunha guerra por razóns ficticias. Tanto se é a ficción sobre a fita aillante ou as ficticias "Alertas laranxas", estamos contra esta guerra, Señor Bush. Dáme vergonza, señor Bush, dáme vergonza. E tendo en contra ao mesmo tempo ao Papa e ás Dixie Chicks, o seu tempo acabouse."

Á metade das miñas palabras, algúns no patio de butacas empezaron a aplaudir. Eso foi inmediatamente acalado por un grupo de persoas na galería que empezaron a abuchear. Logo os que apoiaban as miñas palabras empezaron a berrarlles aos abucheadores. O "L. A. Times" publicou que o director do espectáculo empezou a berrarlle á orquestra "Música! Música!" para cortarme, así que a banda debidamente empezou a tocar e o meu tempo acabouse. (...)

Ao día seguinte -e nas dúas semanas seguintes- as palabras dos eruditos da dereita e dos locutores de radio estivéronme rondando pola testa. Así que, fíxome dano todo este rebumbio? Tiveran éxito en me silenciar?

Ben, botemos un ollo ao que eu saquei dos Oscars:

-O día seguinte despois de eu criticar a Bush e á guerra nos Premios da Academia, a audiencia de "Bowling for Columbine" nos cines de todo o país medrou un 110% (Fonte: Daily Variety/BoxOfficeMojo.com). A seguinte fin de semana, os ingresos de taquilla subían un enorme 73% (Variety). É agora a estrea comercial que leva máis tempo en exhibición, 26 semanas e o que lle queda. O número de salas que programan o filme medrou desde os Oscars, e mellorou o record anterior de taquilla para un documental en case un 300%.

-Onte (6 de Abril). "Stupid White Men" volveu ao Número 1 da lista dos máis vendidos do New York Times. Esta é a semana 50 do meu libro nesa lista, oito delas no número un, e esto supón a súa cuarta volta á primeira posición, algo que prácticamente xamáis sucede.

-Na semana posterior aos Oscars, o meu sitio web acadaba de dez a vinte millóns de accesos ao día (un día mesmo conseguimos máis accesos que a Casa Branca!). As mensaxes de correo recibidas foron principalmente positivas e de apoio (e as que me odiaban eran hilarantes!).

-Nos dous días seguintes aos Oscars, houbo máis xente que pre-reservou o vídeo de "Bowling for Columbine" en Amazon.com có da gañadora do Oscar á mellor película, "Chicago".

-A pasada semana, obtiven financiación para o meu próximo documental, e ofrecéronme un espacio en televisión para facer unha versión actualizada de "TV Nation / The Awful Truth".

Digo todo esto porque quero neutralizar unha mensaxe que se nos di todo o tempo -que, se tomas a opción de pronunciarte políticamente, vivirás para arrepentirte. Farate dano dalgún xeito, en xeral económicamente. Poderías perder o teu traballo. Outros poderían non contratarte. Perderás amigos. E segue e segue.

Colle os Dixie Chicks. Estou seguro de que todos oístes que, debido a que a súa cantante e líder mencionou como estaba avergonzada de que Bush fose do seu estado natal de Texas, as súas ventas de discos caían en picado e que as estacións de radio de todo o país estaban boicoteando a súa música. A verdade é que as súas ventas NON están baixando. Esta semana, despois dos ataques, o seu album segue no Número 1 na lista de country do Billboard, e, de acordo ao Entertainment Weekly nas listas de pop durante todo o rebumbio eles SUBIRON do sexto ao cuarto posto. No New York Times, Frank Rich publicou que intentara atopar unha entrada para CALQUERA dos próximos concertos das Dixie Chicks pero que non puidera porque estaban todos vendidos (...) A súa canción, "Travelin' Soldier" (unha fermosa balada anti-bélica) foi a canción máis buscada en Internet a pasada semana. Elas non foron afectadas en absoluto -pero eso non é o que os medios farían crer. Por que é eso? Porque non hai nada máis importante agora que manter as voces dos que disinten -e os que ousarían facer preguntas- CALADOS. E que mellor xeito que intentar botar abaixo a uns cantos ben coñecidos nomes do espectáculo cun feixe de mentiras para que o cidadán medio, Joe ou Jane, capte a mensaxe alta e clara. "Uou, se eles lles fan eso ás Dixie Chicks e a Michael Moore, que menos me farían a min?" Noutras palabras, pechar a p... boca.

E eso, amigos meus, é o punto central desta película pola que eu gañei un Oscar -como os que están no poder empregan o MEDO para manipular ao pobo e que faga o que lles din.

Ben, as boas noticias -se pode haber boas noticias esta semana- son que non só nin eu nin os outros fomos silenciados, senón que se nos uniron millóns de americanos que pensan do mesmo xeito ca nós. Non deixedes que o falso patriotismo vos intimide fixando as vosas axendas e os temas de debate. Non vos deixedes vencer polas enquisas que din que o 70% da poboación está a favor da guerra. Lembrade que estes americanos que son entrevistados son os mesmos americanos con fillos (ou fillos dos seus veciños) que foron enviados a Iraq. Eles teñen medo polas tropas e están sendo intimidados para apoiar unha guerra que non querían -e o que eles queren menos é ver que os seus amigos, familias, e veciños volvan a casa mortos. Todos apoian que as tropas volvan a casa vivas e todos nós precisamos que o consigan e que deixen que as familias o saiban.

Desafortunadamente, Bush e Co. non están polo labor. Esta invasión e conquista darálles o valor para facelo de novo en calquera outro lugar. O propósito real desta guerra foi dicirlle ao resto do mundo, "Non perdas o tempo con Texas - Se ti tes o que nos queremos, iremos a por ti!." Este non é o momento para que esa maioría que cremos nunha América pacífica fiquemos calados. Fagamos que as nosas voces sexan oídas. Malia o que xa conseguiron, este aínda é o noso país.

Saúdos,

Michael Moore

2003-04-14, 06:16 | 6 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/7144

Comentarios

1
De: ock Fecha: 2003-04-15 00:49

eu tamén debo ser un rencoroso ou axitador do resentimento. gracias pola traducción do artigo de Moore, así aforro moitísimo esforzo (case inutil)
http://www.arrakis.es/~jlrp



2
De: eva-lamaga Fecha: 2003-04-15 04:30

gracias polas palabras de Moore, martin pawley.´
Hoxe foy un doble pracer o meu paso por aquí.



3
De: Martin Pawley Fecha: 2003-04-15 05:48

A este home hai que seguirlle estreitamente a pista. Michael Moore for president!!!



4
De: Vendell Fecha: 2003-04-16 01:18

Tipos coma Moore son imprescindibles nestes tempos axitados. Parte da súa grandeza reside na súa independencia partidaria, xa que son nestas trifulquiñas parlamentarias onde os nosos medios conseguen esgotar os folgos da disidencia. Só un becerro pode considerar que a crítica leva a crispación.



5
De: EMF Fecha: 2003-04-16 20:34

Graciñas pola traduçao X)



6
De: Martin Pawley Fecha: 2003-04-17 01:15

De nada, EMF. E permaneza atento a este blog. Moi pronto "estrearemos" un capítulo extra do "Stupid White Men" michaelmooriano que está triunfando nas librerías ianquis...



os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley