caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Remuda xeracional
> Remuda xeracional <

Para sorpresa de todos, un poemario de Xavier Seoane foi o vencedor do (semi-novo) Premio Espiral Maior de Poesía, dotado con doce mil euros. Seoane, que xa gañara a primeira edición do Premio Caixanova, escribiu un libro sobre "o amor ameazado pola morte" que resultou o preferido dun xuri multicultural formado por Xosé María Alvárez Cáccamo, Xavier Rodríguez Baixeras, Miguel Anxo Fernán Vello, que será quen edite a obra, e Ramón Pernas, novelista á altura dun Xosé Antonio Perozo, en representación de Ámbito Cultural, que son os que poñen os cartos. Os libros participantes no certame chegaron de Galiza, Portugal, Brasil, Angola e Moçambique, pero para decidir o gañador os organizadores do premio non tiveron que gastar moito en chamadas internacionais: entre Coruña e Vigo todo se resolve. Para que se note ben que o premio está aberto ao mundo lusófono, o finalista foi Libro da estimaçao, de Jorge Reis-Sá (e non George Rei-Sáa, como pon La Voz de Galicia), nacido en 1977 en Vila Nova de Famalição e que ten -as voltas que dá o mundo- un blog. Na súa web mesmo poden ler uns poemas dese libro:

E se eu me sentasse na areia, em contemplação? Como me aconselhou
o médico há pouco mais de dez anos, era eu um corpo juvenil e insensato
vendo a vida do pai apagar-se, dissolver-se nas paredes assépticas de
um hospital. Ele chamou-me ao lado, à minha insistente pergunta o que
podemos nós fazer senhor doutor, o que podemos nós fazer, ele respondeu vá sentar-se junto ao mar, vá ver o sol cair no horizonte
e inspirar o som das ondas em plenos pulmões. (seque aquí).

Apóstolles un café a que o ano próximo o gañador virá de Portugal e o finalista será galego.

Actualización: Ramón Pernas faime notar que el non formou parte do xuri do premio, e que de feito onte e antonte nin sequera estaba en Galiza, así que do premio enterouse pola prensa. Cometín o erro de dar por boa a información que daba La Voz de Galicia, pero niso estaban tan equivocados como co nome do finalista, que disque está de ferias no Algarve.

Martes, 25 de xullo, ás 23 horas, na Praza da Estrela de Vigo:

En el mundo a cada rato (No mundo a cada tanto), de Patricia Ferreira, Pere Joan Ventura, Chus Gutiérrez, Javier Corcuera e Javier Fesser (España, 2004). Sinopse: Cinco curtametraxes que reflicten as prioridades da UNICEF na súa loita polos dereitos dos nenos: a loita contra a SIDA (El secreto mejor guardado), a inmunización contra as enfermidades (La vida efímera), a atención integral na primeira infancia (Las siete alcantarillas), o traballo infantil (Hijas de Belén) e a educación das nenas (Binta y la gran idea)

Patricia Ferreira é a directora de Sei quen es, O alquimista impaciente e Para que non me esquezas. Pere Joan Ventura dirixiu El efecto Iguazú e participou no filme colectivo ¡Hay motivo!, ao igual que Chus Gutiérrez, realizadora tamén de Sublet, Alma gitana ou El Calentito. Javier Corcuera é o autor de La espalda del mundo e La guerrilla de la memoria. Javier Fesser debutou na longametraxe con El milagro de P. Tinto, á cal lle seguiría o éxito de La gran aventura de Mortadelo y Filemón.

2006-07-25, 13:40 | 1 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/41786

Comentarios

1
De: folerpa Fecha: 2006-07-26 12:40

Coma sempre ten vostede razón. Era este dun dos que falara. Que bo adiviño se perdeu pero que gran blogueiro gañamos. Unha aperta



os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley