O
Extrarradio de mañá trasládase até Vigo, ao
MARCO, e con ese motivo os contidos do programa variarán un pouco, coa participación de algúns dos artistas que forman parte da exposición
Urbanitas e atención especial para o proxecto
Ponte nas Ondas!; así que aos colaboradores do sábado dannos día libre (que un servidor aproveitará para recuperar unha vella tradición matutino-
planetaria). O seguinte sábado estaremos en vésperas do
2 de abril, día grande da literatura infantil e xuvenil, así que farei
a miña prometida lista de filmes que todas as persoas deberan ver antes dos catorce anos. Unha listiña breve e multicultural, xa verán.
Avánzolles tamén que ao longo da vindeira semana falaremos cada día neste blog de algúns dos libros de literatura infantil e xuvenil editados en galego nos últimos tempos por
Edicións Tambre. Por qué esa e non outra(s), preguntarán vostedes. Pois por dúas razóns: primeiro, porque me consta que en
Tambre teñen como mínimo a vontade de apostar por unha literatura para rapaces menos relambida que a habitual; e segundo, porque o seu coordinador editorial é especialmente xeneroso cun servidor e ten o bo costume de mandarme algúns exemplares de cando en cando. Así que xa saben, queridos editores, amigos ou non: se queren que neste blog se fale de algún libro, non teñen máis que facermo chegar e eu fágolles de boa gana un acuse de recibo. Non agarden, iso si, benevolencia.
¶