caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > No Día das Letras
> No Día das Letras <

Imaxino que hai xente que pensa que eu son un idiota e quen cre que Cesare escribe moi mal (o primeiro é discutíbel; o segundo, un disparate). Haberá leitores que detesten a ascárida, a paleón, á señora dot, a EMF, a Uxío ou a opaco. A moitos as tendencias marcadas pola nosa creadora de ídems non lles resultarán en absoluto interesantes e as palabras do monstro do canon pareceranlles perfeitamente prescindíbeis. E eu alégrome, oian. Porque hai dous anos, hai só dous anos, ninguén repararía en se as bitácoras en galego eran boas, malas ou regulares, pois daquela o único que nos preocupaba era fundamentalmente que eran poucas, moi poucas. Agora hai tantas que até podemos escoller.

Hoxe é o Día das Letras Galegas, que independentemente da figura honrada segue cheirando tanto a solemnidade e a tristeza que mais ben parecera o Día dos Fieis Defuntos. Temos moi arraigada a crenza de que só adquiren a condición de valor cultural aquelas persoas ou cousas que están mortas dabondo como para non resultaren problemáticas, e iso non vai ser algo que cambie deste mes para o seguinte. Ben está que se recoñeza o labor de todos os que dun xeito ou doutro fixeron posíbel que eu poida estar aquí falándolles nesta lingua; pero como xa hai quen se encarga diso eu hoxe prefiro mirar para a parte de adiante e botar ao vento un aturuxo moi sentido e endogámico de agradecemento a todos vós, compañeiros e nalgúns casos amigos que facedes bitácoras en galego, sexa cal for a norma empregada, por estardes contribuíndo a que un anaquiño da rede fale coa voz que nos é propria. Porque en dous anos multiplicamos case por dez o número total de blogs no noso idioma até ultrapasar a cifra de dous centos. Porque neles nace cada día un cento longo de textos, o que supón que ao acabar o 2005 haberá en total perto de cincuenta mil posts novos. Porque non sei cal será o número de visitas acumuladas polo conxunto do blogomillo ao longo do ano, pero si teño xa a certeza de que para escribilo serán necesarios sete díxitos.

Por iso quero darvos as grazas a todos. Porque nun país obsesionado de mais co seu pasado é bon saber que hai xente cimentando os alicerces do que está por vir.

2005-05-17, 03:57 | 16 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/29792

Comentarios

1
De: María Fecha: 2005-05-17 11:30

Bravo. E grazas a vostede, Pawley.

Que teña un bo Día. :)



2
De: peke Fecha: 2005-05-17 12:44

Iso, iso. Que teña un bo día, meu. :)



3
De: Anónimo Fecha: 2005-05-17 16:11

Sr. Pawley:

Aproveito a sua entrada non só para sumarme ós votos dun bo día que sexa o primeiro de dez mil mais, senon tamén, e con licenza, para mandarlle a Peke o bico prometido cando nos coñecimos na Cama, entendéndose esta no máis ruin dos seus sentidos, que nin fumar deixan ;-)

A seguir, Mr. Pawley, a seguir. E, xa de paso e como quen non quer a cousa, a botalos, digo eu.



4
De: Martin Pawley Fecha: 2005-05-17 17:45

Un día estupendo para durmir, durmir e durmir, María. Peke, páseo ben mañá en Auria.

Anónimo, iso, iso, a botalos. Vai estar a cousa moi axustada, así que anden á espreita non vaia ser que se perda algún votiño.



5
De: Vendell Fecha: 2005-05-17 17:56

Non hai mellor espacio pra celebrar as letras galegas en concreto, e as letras en xeral. Noraboa a todas.



6
De: Martin Pawley Fecha: 2005-05-17 19:09

Lean, se aínda non o fixeron, a entrevista a Suso de Toro que aparece en Vieiros.

Por favor, que alguén lle diga a Suso que abra un blog.



7
De: ictioscopio Fecha: 2005-05-17 22:22

Suso de Toro tivo o primeiro "blog" que conhecín, chamáva-se "botelha ao mar" e posteava uma vez ao mês. uma aperta a todos ;)

(antes estaba em www.susodetoro.com, mas seica já não mais existe)



8
De: Dhaunae Fecha: 2005-05-18 01:07

Eu tamén quero agradecer a labor da xente que se decata de que o galego é unha lingua na que se poden expresar tan ben as ideas coma en calquera outra (complexos fóra, que xa houbo dabondo).

Falar e escribir en galego, estar satisfeito co fermosa que é ista lingua (tanto sintáctica como léxicamente) e amosalo ó mundo contribúe a espalla-la nosa cultura.

Só me aflixe unha dúbida: ¿que foi o que pasou no tempo que estiven fóra de Galicia (once anos) que por pouco no se recoñece? Nas bitácoras vexo formas gramaticais, antes consideradas lusismos, tan a miúdo que teño que pensar que agora danse por correctas. ¿E iso? E xórdenme ducias de dúbidas relacionadas máis.

Semella que hai unha envexa (e un complexo de inferioridade respecto) do castelán e que tiramos cara o portugués, á que si se considera irmá, cando o son as dúas. Isa necesidade de autoafirmación dalle, na miña opinión, mala imaxe a unha lingua que naceu aínda antes que a de Castela.

¿Quen son os que conducen a lingua por estes roteiros? No meu pobo non se falaba así. Unha cousa é que non dominaran o galego normativo e, outra moi distinta, que non souperan portugués. ¡Ai, non sei se me chegarían a entender se dou por acoller tanto cambio!



9
De: opaco Fecha: 2005-05-18 01:27

Agradecidos nós, por contárnolo tan ben :-)



10
De: Martin Pawley Fecha: 2005-05-18 01:31

O galego é irmá do español no mesmo senso que o é do catalán ou do romeno: porque todas elas son fillas da mesma nai, que é o latín. É obvio que hai unha proximidade lingüística moi superior co portugués, fundamentalmente porque até hai cinco séculos as dúas linguas eran a mesma. O galego, en esencia, non mudou demasiado nestes dez anos, así que o que daquela era considerado "lusismo", se así o quere chamar, hoxe ségueo sendo. Non se dan por correctas, pero teño entendido que nalgúns blogs, como o que fai un tal Pawley, a corrección non é a virtude que mais se valora. Hai xente que considera que a norma oficial do galego é demasiado estreita, que se afasta sen necesidade do tronco amplo e xeneroso da lusofonía, que ten unha vontade isolacionista un tanto suicida. Hai xente que cre que a adopción dunha normativa "lusista" ou "internacionalista" é unha ousadía cuxa necesidade ninguén xustificou apropriadamente. Persoalmente, a min tales cousas parécenme debates técnicos que deben ocupar o tempo dos lingüistas e filólogos, pero que a realidade vai por outra liña, ou linha, mais interesante: na práctica calquera leitor con boa vontade pode entender e seguir sen problemas un texto escrito en norma oficial, de mínimos, de máximos, en portugués de Lisboa, de Rio ou de Maputo. As diferencias son gráficas, non de contido, e eu fico moi feliz de poder compartir/partilhar contidos con dous centos millóns de seres humanos.

Polo demais, eu carezo de criterio estético para saber se un idioma é fermoso ou non. Fago uso do galego porque é o meu, pero con certeza non ha de ter nin mais nin menos beleza que o inglés, o euskera ou a lingua xhosa.



11
De: Dhaunae Fecha: 2005-05-18 01:50

Deixáchesme moi tranquila con semellante resposta tan boa, Pawley. :)

Será iso polo que sigo a túa bitácora con atención dende hai tempo.


PS: É moi fermosa. ;)



12
De: 12 Fecha: 2005-05-18 20:01

futuro. fermosa idea. obrigado



13
De: Cândido Castro Fecha: 2005-05-18 22:02

Após 16 anos reflectindo sobre esas cuestións lingüísticas e despois da túa última intervención, Martiño Paulo, teño que afirmar que fico sen palabras. Adiro, asino e pratico, afinal, algún tipo de pragmatismo. Estou farto do espiritualismo lingüístico.



14
De: Martin Pawley Fecha: 2005-05-19 03:43

Alén do pragmatismo penso que até o de agora ninguén xustificou con claridade cales son as vantaxes e os inconvenientes de botarse a prol dunha norma ou doutra. Por que e para que, en suma. Mentres tanto, uns e outros fican moi entretidos léndose entre eles (e o "eles" parece ser distinto en cada caso), case sempre ignorando o que se coce por aí fora. Predicando, iso si, un internacionalismo que non practican, coma os políticos cando falan de alternancia.



15
De: dorfun Fecha: 2005-05-23 16:53

...debería crearse, tal vez entón, o día das letras futuras?...



16
De: acedre Fecha: 2005-05-25 06:10

Entre todos facemos que o galego estea vivo: sexa cal sexa a normativa, non?.
Esa e a idea fundamental e basica; o resto son problemas secundarios que quedan para futuras xeracions.
Saudos a todos.



os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley