Dispensando algúns posíbeis cambios nacidos do meu precoz Alzheimer, esta anécdota sucedeu alá pola metade do pasado século, cando o exame da censura era un paso obrigado antes da rodaxe de calquera filme. Estaban os membros do comité correspondente revisando de maneira exhaustiva un guión de Luis García Berlanga e chegaron a un ponto no que aparecía un inofensivo plano xeral da Gran Vía de Madrid. Todo normal, aparentemente, polo cal ían dar xa paso a outros asuntos, cando alguén interrompeu de súpeto dicindo:
-
¡Un momento! Xa sabedes como é Berlanga. El é capaz de meternos no plano a un cura saíndo dun portal desa rúa no que hai unha casa de putas.
A escena foi eliminada, por suposto. E é que a censura tiña unha prodixiosa imaxinación para intuír o pecado onde ninguén sería capaz de velo. Ás veces, con extraordinaria fortuna; así foi que lle impediron a Buñuel rodar o seu final previsto para
Viridiana, cunha Silvia Pinal entregándose definitivamente a Paco Rabal, e lle suxeriron unha escena alternativa, con eses dous personaxes e máis unha criada entregados a unha partida de cartas. Buñuel aceptou encantado, lamentándose de non ter sido a el a quen se lle ocorrera ese sublime
menage a trois.
Para ser xustos, a censura non sempre estivo así de hábil. Só así se explica que non tocasen nin unha coma dese insólito delirio gay que Alfredo Alaria perpetrou en
Diferente. O que quería resaltar hoxe en todo caso é a existencia de xente ruín que gosta de ser máis papista có proprio Papa e que se deixa levar polos excesos da súa mente miserábel. Unha das máis explícitas incorporacións á lista dos grandes manipuladores de todos os tempos é, sen dúbida,
A ele efe erre e de o U erre de a ce i, o director de informativos (máis ben director de propaganda) da televisión pública. Xa saben a historia: TVE foi obrigada a ler un comunicado nos noticieiros explicando que un xuíz aceptara a trámite a demanda presentada polo sindicato Comisións Obreiras contra o ente público por vulneración dos dereitos fundamentais de folga e liberdade sindical como consecuencia do tratamento informativo oferecido durante a folga xeral do 20 de xuño de 2002. Se naquela data os informativos de TVE fixeron un penoso exercicio de ocultación da verdade, a leitura do documento feita o xoves por
U erre de a ce i carece de nome. Aparecendo co telediario xa concluído e cun fondo negro distinto do do resto do espacio o moi imbécil intentou quizá desviar a atención sobre o feito, pero dun xeito tan absurdo que conseguiu o efecto contrario: que se fale do seu lamentábel comportamento nos poucos medios de comunicación asisados e libres que nos van quedando. Saíulle o tiro pola culata, pero aí segue, e seguirá.
A ele efe erre a de o U erre de o ce i ele.
¶