Todo empezou onte, xa o saben. Hai só uns días que arrancou o outono, pero eu xa vou farto das conciencias de folla caduca. Pasamos con notábel facilidade do entusiasmo lírico do "non á guerra" ao verán pachorrón de praia e verbena. As eleicións de maio volveron a algúns máis desganados, quizá porque no fondo xa o estaban. Será que non entendemos, que non sabemos mirar ben ao noso redor. Deixando a un lado certos arrebatos pseudoprogresistas por parte de xente moi ben asentada na sociedade a realidade é que hai unha maioría de persoas aparentemente satisfeitas co que teñen. Outra cousa diferente sería tratar de entender as razóns que nos levaron a todos a este estado de conformismo, pero é obvio que existe. Eu non coñezo a moitos cidadáns preocupados polo peche de periódicos ou pola manipulación do poder xudicial e dos medios de comunicación; non coñezo a moita xente que se sinta verdadeiramente anoxada polo telediario de Alfredo Urdaci ou polas portadas de "La Voz de Galicia", sen ir máis lonxe. Non coñezo a moita xente disposta a empregar uns minutos do seu tempo en pensar se existen modelos de sociedade alternativos. Entendo ben en que país vivimos e sei que hoxe por hoxe os ventos sopran en direccións diferentes. Ás veces deixámonos levar pola ilusión das manifestacións multitudinarias e pola riada humana dos que berraban
Nunca máis, e acabamos por crer que todo iso responde a unha cidadanía viva e en marcha; pero logo aparece sempre a terca realidade amosando o seu verdadeiro rostro. Haberá quen caia desilusionado. Peor para eles, que se deixan aplastar pola mentira dos grandes números e non saben ler entre liñas. A mensaxe subliminal é evidente: nada segue igual, todo permanece. Ao mellor acabamos vendo ao sumiso Mariano falando euskera na intimidade. Mesmo é posíbel que se decida a ler o famoso Plan e descubra que non é malo de todo.
Predomina o pensamento rosa-chicle, blandempalagoso e soez. Estoume volvendo espantosamente intolerante ante esa odiosa incapacidade para distinguir o transcendente do conxuntural.
No me interesa la tradición débil, roubando palabras a un poeta imprescindíbel, Juan Antonio González Iglesias; non me interesan as mamonadas dos que se senten ofendidos pola mínima, quizá porque eu non me ofendo case nunca (nin sequera cando escoito ou leo estupideces que ofenden a miña intelixencia). Non me interesa a inmadurez nin o aplauso fácil. Non quero a comodidade.
Non vou cambiar o mundo desde o blog. De feito, ninguén vai cambiar o mundo desde un blog, porque contra o que poida parecer vendo certas actitudes un blog ten unha repercusión ben limitada. Témome que ninguén vai saír de aquí rico e famoso. Que na tribo haxa individuos máis ou menos
ombliguistas,
endogámicos ou abertamente
gilipollas é algo que só interesa ao minúsculo grupo de ociosos que nocturneamos polo IRC e teorizamos sobre o mundo virtual ocupando un tempo que deberiamos dedicar a actividades máis gozosas, como o cine de John Ford, o licor café, ou o sexo, ou a
ámbalas tres cousas, que diría algún insensato normativista galaico. A Terra segue trasladándose arredor do Sol, ignorando as parvadas da blogocousa.
Para rematar: o peor de todo é que cando o conxunto da sociedade se escora cara o conformismo e o pensamento único, cada un de nós, aínda que sexa de xeito inconsciente, escórase tamén un pouquiño. Iso é o que en verdade me preocupa, e contra iso quero rebelarme. Reconforta atoparse aquí e alá con persoas ben distintas unidas polo sentimento de que non debemos tragar con rodas de muíño, construíndo entre todos unha rede universal de ombros nos cales ir chorando. Aínda que aparentemente non sirva de moito, e recalco o de "aparentemente". Porque eu son optimista e sigo crendo que o primeiro paso (pequeno pero necesario) para que as cousas cambien é entender que teñen que cambiar. E niso andamos.
¶