
Contemplen esta foto. Aí aparecen algúns dos gañadores do Premio Nobel en 1962. De esquerda a dereita, Maurice Wilkins, John Steinbeck, John Kendrew, Max Perutz, Francis Crick e James Watson. Non foi un ano malo, desde logo.
A culpa tena
Akin. Hoxe voulles recomendar unha obra de Max Perutz,
Los científicos, la ciencia y la humanidad, editado por
Granica. É un excelente libro que recolle diversos artigos e textos que repasan o traballo de varios grandes científicos, incluído el mesmo. Hai na súa propia vida historias tan fascinantes coma a fuxida do nazismo e a súa reclusión na Gran Bretaña pola súa condición de estranxeiro, ou a súa participación nun insólito proxecto que contemplaba empregar grandes placas de xeo como plataformas de apoio nun ataque á Alemaña nazi no Atlántico Norte.
O libro remata cun apartado que recolle citas das que o autor gosta en especial. Vou poñer aquí tres delas, levado polo meu rencor habitual. E compren o libro, que é dos que pagan a pena:
"A historia de revolución industrial non apoia a idea de que un presente sombrío sexa un prólogo necesario, nin sequera plausíbel, para un futuro glorioso".
Nathan Rosenberg, How the west grew rich
"Aqueles que máis piden a economía pública son aqueles polos que os servizos públicos menos fan. É evidente que a reducción de impostos que afecta aos servizos públicos ten o dobre efecto de reconfortar aos que están cómodos e amolar aos pobres. A filosofía dos conservadores modernos non axudará a rematar coa pobreza. O conservador moderno, de feito, non é especialmente moderno. Polo contrario, está embarcado nunha das empresas humanas máis vellas, mellor financiadas e máis aplaudidas, nun dos exercizos máis fútiles da filosofía moral. Esta é a búsqueda dunha xustificación moral realmente superior para o egoísmo".
Kenneth Galbraith
"Daquela quedou claro, e creo que o segue sendo hoxe en día, que a forza militar, especialmente cando se exerce por unha potencia externa, non pode levar a orde a un país incapaz de se governar a si mesmo."
Robert McNamara, sobre a guerra do Vietnam (1995)
¶