caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Morrer para contalo
> Morrer para contalo <

Non participo da mitificación heroica dos correspondentes de guerra. Non creo que un periodista se converta automaticamente nun gran escritor polo feito de asinar as súas crónicas desde Kabul ou Bagdad. Nin sequera penso que contemplar ao vivo ese horror volva a ninguén máis tolerante e máis respectuoso coas ideas e costumes alleos. Sei ben que hai moita xente transparente ao coñecemento e á experiencia, que non cambia nin se transforma polas cousas que aprende e que vive, quizá porque nin as aprendeu nin as viviu como debera. Imaxino que entre os periodistas que nos transmiten a diario o espanto desta e doutras guerras a porcentaxe de seres excepcionais e a de auténticos fillos de puta debe ser bastante semellante á de calquera outro colectivo. Dito isto, debo confesar que cada vez que oio a noticia de que cae un dos membros da tribu invádeme unha sensación de certo abatemento.

O nome de Julio A. Parrado resultábame bastante familiar. Lembro ter lido moitas das súas crónicas no xornal El Mundo, as que enviaba desde Nova York, e nos últimos días as que escribía como enviado especial desde a primeira liña, acompañando ao exército americano. Agora tamén me son familiares o seu rostro e a súa xuventude, salvaxemente esnaquizada por un mísil iraquí. Souben de quen era fillo, e oín as palabras do seu pai maldicindo as guerras e aos canallas que as fan. E puiden ler a apaixonada e emotiva carta do seu amigo e compañeiro Carlos Fresneda que nos descubría ao ser humano que se agacha sempre detrás dunha noticia. Podo imaxinarme como era a vida de Julio A. Parrado hai só uns meses, o seu labor diario, os cafés matutinos, as cervexas das noites, e a neve caendo sobre Nova York. Iso, ou calquera outra cousa semellante. A rutina da vida.

Onte chegounos a noticia da morte de José Couso, cámara de Telecinco. Os responsábeis nunca recoñecerán a súa culpa. Unha granada do exército ianqui espetada contra un hotel cheo de periodistas, un erro máis, máis danos colaterais. As nosas autoridades quizá teñan a indecencia de disimular un pouco e pedir explicacións, cando todos sabemos que nada de todo isto a ten. A culpa téñena os mortos, por estar no punto de mira das súas armas. Quen lles mandaba estar alí. Onde tiñan que estar os periodistas era na súa casa, e non alí, molestando, sacando fotos e imaxes e mandando reportaxes. Explicándonos aos cidadáns parte da verdade do que alí se coce, esa verdade que resulta sempre tan molesta para a miserable xente no poder.

Os de Julio e José son rostros nos que podemos vernos todos retratados. Morreron no exercicio do seu traballo, que no seu caso coincidía coa súa vocación. Decidiron libremente estar alí, asumindo os riscos. Foron para contarnos o que pasaba, e fixérono mentres puideron. Non eran heroes, eran só dous seres humanos. Coma eles, centos e centos de persoas morreron desde que empezou a invasión a Irak. Todas elas tiñan tamén rostros e familias e amigos, tiñan vidas normais e tiñan ilusións e vivían, coma calquera de nós, coa única esperanza de ser felices e de facer que o fosen aqueles aos que querían. Seguro que moita xente chorou por eles, coma hai moita xente que chorou por Julio e por José.

Sufrimento, dor, morte. Sobre todo Morte. É a única consecuencia segura dunha guerra. Por iso detestamos a guerra. Por iso sabemos que esta guerra é unha puta merda. Coma sempre. Nunca poderá ser outra cousa.

2003-04-09, 09:08 | 13 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/7006

Comentarios

1
De: Borja Fecha: 2003-04-09 09:26

Eu tampouco creo en martires nin eroes de peliculas

o q si creo e q onte morreron dous periodistas, quizais non sexan un porcentaxe moi grande pero serviu para que nas redaccions do mundo e de telecinco os seus compañeiros se deran conta de que as imaxes qeu chegan desde irak non son de cadaveres

son persoas

persoas q fai nada estaban cheas de vida,

vida segada por unha causa inxusta, unha causa ilegal unha causa perdida....



2
De: eva-lamaga Fecha: 2003-04-09 09:59

Eu non penso que sexa unha causa perdida, al menos para eles, para os miserables que a foron tras ela e que a fixeron posible.

Eles pasarán sobre os corpos das victimas e recolleran os froitos de aquelo que estiveron, dende o principio, a esperar.



3
De: eledhwen Fecha: 2003-04-09 16:43

Froito podre é o que se consegue con sangue, Eva. Mais dese aspecto da cuestión ei falar noutro sitio.
Permítame o Sr. Pawley sumarme á homenaxe a dous xoves compatriotas nosos que non facían mais que o que debían: o seu traballo; o último deles nun sitio supostamente seguro.



4
De: Martin Pawley Fecha: 2003-04-09 20:46

Permitido sempre, eledhwen. Imaxino que as súas mortes lles farán ver a algúns que aínda non se decataran de que isto é unha guerra, unha guerra de verdade, igual de noxenta e despreciable que calquera outra. Mágoa que sexan precisas as mortes para que algunha xente de decate do que é evidente.



5
De: Borja Fecha: 2003-04-10 00:48

Parece que xa acabou... a ver que pasa agora, supoño que os queridisimos en todo o mundo, os "yanquis" agora poderan disfrutar da froita podre que comentabades por ahi eva e eledhwen



6
De: Martin Pawley Fecha: 2003-04-10 09:20

Xa o puxen aquí o día que comenzou esta guerra, pero nunca está de máis repetir este texto minúsuclo, irónico, lúcido, do gran Nicanor Parra:

BIEN
y ahora quién
nos liberará
de nuestros liberadores?



7
De: Akin Fecha: 2003-04-10 15:52

Ale, exercicio de propección futurista a cargo de alguén sen sangue máxica.

EEUU manterá umha dictadura militar durante 6 ou 12 meses, nese tempo liquidaranse a blindaranse todos os contratos posíbeis. Para manter unha cerca paz local pactarán cos pequenos dictadores locais unha certa 'orde', os movementos económicos e feudais non sairán na tv; e ó tempo usarán a ONU para un programa de axudas e alimentos que lave un pouco a dura cara da guerra e que será amosado contínuamente na CNN.

Unha vez os intereses económicos estén asentados e inamovibles darán paso a un goberno iraquiano de xente posta a dedo e que non sexan sospeitosos de revelarse contra o réxime... Dous meses mais terde desaparecerá Irak dos informativos e non saberemos mais dise país. Por certo que non haberá democracia, dirannos que para evitar que os partidos coranistas cheguen ó poder amparados pola ignorancia do pobo. Será unha dictadura 'feble' amparada polo poder militar do imperio.



8
De: Martin Pawley Fecha: 2003-04-10 20:05

E o que é + importante: non darán capturado a Sadam e a toda a súa familia. Diránnos que está refuxiado en Siria, por exemplo, e que mantén unha colosal fortuna en bancos suizos. Con esa pasta, financiarán atentados suicidas en embaixadas de todo o mundo, o cal "forzará" a George Bush Jr a ameazar a Siria cun ultimátum: ou entregan ao tirano iraquí, ou serán bombardeados preventivamente. A ONU oporase, claro, pero, ¿a quen lle importa a ONU? Dentro duns quince meses, máis do mesmo...



9
De: Akin Fecha: 2003-04-10 21:50

Non o creo, Siria non ten petroleo como para meter oustras ducias de billóns noutra guerra. Con Siria, o memso que con Corea, serán moooito mais pacientes.



10
De: Martin Pawley Fecha: 2003-04-11 11:21

Quen di Siria, di Irán. E se non, Venezuela, aínda que aí, por seguir coa tradición latinoamericana, sairálles máis barato impulsar un bo Golpe de Estado.



11
De: Akin Fecha: 2003-04-11 17:03

Neso están Martin Pawley, neso están.



12
De: Borja Fecha: 2003-04-12 04:47

Es una pena q los seres humanos se maten unos a otros por tan poca cosa...

... es una de esas cosas verdaderamente triste, en fin...



13
De: Martin Pawley Fecha: 2003-04-12 10:10

Tristeza, não tem fim.
Felicidade, si.



os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley