caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Bowling for Columbine
> Bowling for Columbine <



Corran, non perdan tempo. É unha recomendación miña. E de Vendell, tamén. Vaian ver en canto poidan Bowling for Columbine, o excepcional e necesario traballo de Michael Moore galardoado con multitude de premios, incluido o recente Oscar ao mellor documental de longametraxe. Con aplastante lucidez e incansábel persistencia, este tipo xenial ao que convén seguirlle a pista vai desmontando un por un todos os mitos asociados á violencia nos Estados Unidos. ¿Por que alí se mata a xente a tiro limpo nunha proporción escandalosa, até sobrepasar os once mil mortos por ano? Hai quen podería dicir que a violencia é consustancial á historia dos Iunaited Esteits, onde a liberdade é unha estatua, pero non é certo, ou non máis do que vai asociada á historia doutros países, coma Alemaña, por exemplo. A abundancia de armas e a facilidade coa que se conseguen -¡mesmo nun hipermercado!- non axuda moito, pero na veciña Canadá hai espalladas sete millóns de armas de fogo sobre un total duns dez millóns de fogares e alí os asasinatos escasean. ¿Cal é, pois, o factor diferencial? Para Michael Moore, o elemento distintivo é o medo. Os americanos viven baixo o temor de ameazas latentes e moi perigosas, sexa o efecto 2000, unhas abellas asasinas ou a "imparable" violencia nas rúas. Non é relevante que a delincuencia diminúa ano tras ano para que eles se sintan ameazados: a televisión amosa sen cesar imaxes de detencións policiais a delincuentes e criminais, case sempre de pel escura. Para superar ese medo atroz ármanse ata as cellas amparados na segunda enmenda que lles recoñece o dereito a facelo para protexerse. Os perigos reais poden ser outros: a pobreza, o traballo precario, o desamparo da administración. Tanto ten. Basta construír un inimigo, do que un se poida desfacer a balazos, e xa está todo resolto: xa fabricamos unha irreal seguridade que lle proporciona moita pasta a algunha xente, por suposto. Iso vale tamén para os USA coma nación, como é ben coñecido. O inimigo existe sempre, son fanáticos, individuos malvados que non comparten os seus valores. Saddam, Bin Laden, quen sexa. Mouros, negros, estranxeiros. Mellor aínda se non conseguen vencelos totalmente: así o inimigo segue existindo, e xustificará que se tomen novas accións. Máis ou menos coma cos malos da serie televisiva Batman, que sempre se salvaban dado que se non hai malo non hai serie...

Michael Moore está cheo de retranca. Ten un aspecto bonachón, fai as preguntas precisas e consegue respostas sensacionais. Actúa desde unha aparente inocencia típica de alguén que anda sen mala intención á búsqueda de explicacións razoábeis, e limítase a formular unha e outra vez as cuestións oportunas, deixando que sexa o entrevistado quen saque a relucir as súas propias incoherencias. Así sucede na memorábel entrevista a ese repugnante fascista que é Charlton Heston, que acaba literalmente fuxindo da mesma incapaz de saír ben parado da súa charla co director. Pero ademais Michael Moore demostra ser un excepcional director. Manexa o tempo ao seu gosto, permítese exercicios de montaxe ousados e audaces para recrear a traxedia do Instituto Columbine ou para contarnos de xeito breve os distintos momentos en que o goberno USA financiou e apoiou a dictadores e terroristas co What a wonderful world de Louis Armstrong de fondo. Impagábel o episodio de animación que recrea/despedaza a historia americana con sarcasmo demoledor. Demencial que as palabras máis sensatas e asisadas escoitadas na cinta saian da boca de Marilyn Manson e de Matt Stone, un dos creadores de South Park. Perfecta a selección de imaxes. E sempre moita ironía e moito humor, que non só non rebaixan senón que acentúan a forza deste manifesto visual, poderoso e lúcido, de visión obrigada. O dito, vaian correndo, antes de que a quiten.

2003-04-07, 10:18 | 4 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/6927

Comentarios

1
De: eva-lamaga Fecha: 2003-04-07 17:33

Sí, Martin Pawley, yo también salí tocada por ese magnífico documental que no utiliza ese recurso fácil de "rascarte las entrañas", en el que caerían la mayoría de los que intentasen abordar un tema como ése. Pero que sin embargo te hace salir de la sala siendo una persona ligeramente distinta (al menos durante un tiempo, lástima de mala memoria)de aquella que entró en la sala.
Absolutamente de acuerdo con lo que dices.



2
De: Martin Pawley Fecha: 2003-04-07 22:41

Si, pero estou seguro que tamén riches moito ante o absurdo de moitas das situacións plantexadas, como a escea na que Michael Moore lle pregunta a un policía se non podería deter a alguén responsable da contaminación en Los Angeles, ou cando comproba en persoa que en Canadá a xente deixa as portas abertas... Gore Vidal "designou" hai unhas semanas nunha entrevista ao colosal señor Moore coma o seu sucesor no papel de Pepito Grillo da sociedade americana. Eu creo que o director vai máis alá: fronte ao exquisito e culto Gore Vidal, Michale Moore é un tipo cercano e simpático, cunha capacidade para conectar co público infinitamente superior. Un libro seu leva meses na lista dos máis vendidos en EE.UU., por exemplo, e "Bowling for Columbine" leva recadado moitos dólares nas taquillas yanquis (moitos para ser un documental, vaia). O dito, hai que seguirlle a pista.



3
De: Vendell Fecha: 2003-04-07 22:51

E curioso. Ainda que os argumentos de Moore leídos nun libro nos parezan intelixentes e atinados, a súa conversión en imaxes non deixa de sorprendernos: parece algo novo, inédito... coma si a racionalidade e o espíritu crítico fosen totalmente alleos ao discurso cinematográfico.



4
De: ivan Fecha: 2003-04-08 07:23

estimado martin, espero ver pronto o citado documental que seguro que non ten perda.Eu do unico que podo falar e do que saiu onte pola noite en localia sobre as mentiras da guerra, a verdade deixoume frio, ver como con total impunidade se di que "la vida de 1000 soldados iraquis no vale tanto como la de un americano", dise tamen que os iraquis enterrabanos vivos para evitar confrontacion, e o responsable de seguridade nacional americano di que da igual morrer dun tiro ou enterrado e dille logo a periodista "total la diferencia que existe seria de unos diez minutos mas", e o peor e que ainda contan mais cousas!!!!...pero deixamolo para outro dia.



os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley