Rebuscando polas beiras e recunchos dos libros de texto, neses
temas transversais polos cales a Xunta sinte tanto aprecio, sempre poden atoparse cousas interesantes. Ousaría dicir, de feito, que aí se atopan as
máis interesantes. Hoxe dei cunha serie de datos que nos permiten calcular de xeito aproximado a nosa cuota individual de emisións anuais de dióxido de carbono, o gas que se produce nas combustións e un dos causantes do efecto invernadoiro. Trátase simplemente de facer unha estimación a ollo de cantos litros de gasolina se consumen nun ano, e cantos kilos de lixo producimos nese mesmo periodo, e tamén o número de bombonas, e os kilómetros percorridos en autobús, tren ou avión... e logo multiplicar tales cantidades polos valores que se sinalan. Así, por exemplo, se se fai uso de 2400 kWh de enerxía eléctrica por ano, ao multiplicar por 0,56 obteriamos que ese consumo orixina a emisión de 1344 kg de dióxido de carbono á atmosfera. Póñolles de seguido todos os datos, e perdoénme que represente o dióxido de carbono por un tosco "CO2", pero é que non sei como poñer subíndices:
Enerxía eléctrica: 0,56 kg CO2/kWh
Fuel/Gasóleo: 2,6 kg CO2/l
Gas natural: 1,7 kg CO2/metro cúbico
Butano: 35 kg CO2/bombona
Coche de gasolina: 2,6 kg CO2/l
Coche diesel: 2,1 kg CO2/l
Autobús: 0,055 kg CO2/km
Tren: 0,03 kg CO2/km
Avión: 0,25 kg CO2/km
Producción de lixo: 3 kg CO2/kg lixo xenerado
Colaborar no reciclado de vidro: -0,14 kg CO2/casco
Colaborar no reciclado de latas: -0,20 kg CO2/lata
Colaborar no reciclado de papel: -1,4 kg CO2/kg papel
As prácticas de reciclaxe recollidas ao final da lista contribúen a diminuír o valor total das emisións, e por eso lles outorgan un valor negativo. Se teñen o bo costume de separar ben o lixo nas súas casas e logo depositalo nos contedores axeitados, conseguirán unha leve pero sempre valiosa reducción na súa cifra de emisións, pero non se preocupen, non chegarán a compensar os valores acadados polo uso de automóviles ou pola nosa case ilimitada capacidade para xerar merda (sexan xenerosos neste último aspecto: asígnense un bo kilo de lixo por persoa e día).
Hala, fagan contas, e díganme se queren que valor lles saeu. Excluíndo viaxes en avión e tren, polo seu carácter esporádico, eu debo andar preto das dúas toneladas.
¶