O sábado saímos á rúa moitos miles de cidadáns para dicir, unha vez máis, "Non á Guerra". Tamén unha vez máis, a policía local caeu no ridículo usual á hora de dar o número de asistentes: 15500 desta vez, nese afán incomprensible, patético e clamorosamente analfacientífico por facer que os datos acaben en 500. Tanto me ten, a verdade, aínda que siga sen entender por qué rebaixan as cifras con descaro coma se as protestas fosen contra eles.
Só alguén que non queira ver nin oír pode negar a evidencia: a sociedade está -estamos- en pé. A xente acode en masa as manifestacións, déixase ver sen medo, fala, opina, escoita. Asómome á fiestra e vexo o Parque Europa repleto de tendas de campaña que se contan por ducias, ocupadas por membros dun colectivo chamado
Redes Negras que optaron por esta acampada como xeito de protesta ante a desfeita do
Prestige e a loucura da guerra. Vexo día tras día centos e centos de fiestras que locen orgullosas a bandeira de
Nunca Máis, o símbolo definitivo dun pobo que se ergueu contra o tirano. Os actos reivindicativos se suceden os uns aos outros, organizan as nosas axendas de xeito implacábel, pero non nos queixamos. Asumimos a necesidade de estar aí e de tomar postura, pois hai momentos na vida nos que a peor actitude posíbel é a indiferencia. Atopámonos un día si e outro tamén, cun motivo ou con outro, expresando en paz e en liberdade a nosa indignación e o noso desprezo, e a esixencia de medidas sensatas e coherentes. Estamos en guerra, si, en guerra contra a manipulación, en guerra contra a mentira, en guerra contra os intolerantes, contra os que asasinan, contra os responsables da fame e da miseria. En guerra contra o mal, en calquera das súas formas.
Estamos en pé, e non hai quen nos pare. Por iso, pese a todo, son optimista.
¶