caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Cinema no Fórum: Outras realidades
> Cinema no Fórum: Outras realidades <

En 1977 o Festival de Cannes concedía a súa Palma de Ouro ao filme Padre padrone, un canto épico á educación e a superación a través do retrato da infancia e mocidade de Gavino Ledda, que chegaría a ser un destacado lingüista estudoso do italiano e o sardo e autor de manuais deses idiomas. O filme, cun memorábel Omero Antonutti encarnando ao dominante pai, é o título que asentou a fama internacional dos seus autores, os irmáns Vittorio e Paolo Taviani, nacidos na vila italiana de San Miniato, na Toscana, en 1929 e 1931 respectivamente. Os irmáns Taviani levan traballando xuntos no cinema desde o seu debut en 1954 coa curtametraxe San Miniato, luglio '44. A súa carreira, que inclúe algúns proxectos en colaboración con Joris Ivens ou Valeriano Orsini, empeza a despegar nos sesenta con títulos coma Baixo o signo do Escorpión. En 1973 chegaría Allosanfan, unha produción máis ambiciosa con Marcello Mastroianni de protagonista. A súa popularidade mantense nos oitenta con películas como A noite de San Lorenzo, Kaos ou Good morning Babilonia, sobre dous irmáns italianos que emigran a América e acaban participando nos decorados do colosal filme “Intolerancia” da David Wark Griffith. Varias adaptacións literarias a partir de textos de Pirandello, Tolstoi, Dumas ou Goethe (As afinidades electivas) ocuparon os seus últimos anos, até chegar á súa obra máis recente, La masseria delle allodole, coa española Paz Vega no papel principal e cun potente reparto formado entre outros por Ángela Molina, Moritz Bleibtreu, Arsinée Khankian (actriz fetiche de Atom Egoyan), Tcheky Karyo ou André Dussolier.

O destino de Nunik, título co que foi estreada en España, abre un mes de decembro que a Sala Marilyn Monroe dedica a amosar outras realidades. O ciclo continúa con 14 kilómetros de Gerardo Olivares, a primeira película española en obter a Espiga de Ouro no Festival de Cine de Valladolid, a Seminci. Despide a programación deste 2008 Ali Zaoua, príncipe de Casablanca, do director francés de orixe marroquina Nabil Ayouch, un “conto urbano” sobre os nenos da rúa que combina unha acertada representación da realidade coa introdución de escenas fantásticas que reflicten os soños do rapaz Ali Zaoua.

Sala Marilyn Monroe: Decembro de 2008

4, 5 e 6: O destino de Nunik (Paolo e Vittorio Taviani, 2007)
11, 12 e 13: 14 kilómetros (Gerardo Olivares, 2007)
18, 19 e 20: Ali Zaoua, príncipe de Casablanca (Nabil Ayouch, 2000)

2008-12-02, 15:44 | 0 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/60862

Comentarios

os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley