Terror e ciencia-ficción
Case desde que naceu o cinema comezou a fabular, e grazas a xente coma
Georges Méliès a pantalla encheuse de maxia en fantasías inocentes que aínda hoxe vemos con agrado. Mais lonxe daquela primitiva inxenuidade, a sala escura revelouse ben axiña coma un espacio perfecto para pasar medo. O inquedante panorama da Alemaña posterior á primeira guerra mundial foi o caldo de cultivo idóneo para que agromasen obras mestras do horror coma
O gabinete do doutor Caligari ou
Nosferatu. Os contrastes e as sombras do expresionismo viaxaron logo a Hollywood da man de grandes autores e técnicos para alimentar as mellores pezas do último cinema silente e tamén os primeiros anos do sonoro: nunha época na que as películas se botaron a falar e a cantar -non sempre para ben- foi o terror un dos ámbitos nos que con máis sentidiño se empregaron os micrófonos.
Resolvendo con intelixencia as limitacións da "serie B", as ficcións fantásticas e de terror fabricadas a partir dos anos trinta contaron sempre co apoio dun público entusiasta e fiel. O prestixio adquirírono co tempo, coa participación de cineastas que agora temos en grande consideración coma James Whale, autor dos dous
"Frankenstein" canónicos, ou o Jack Clayton de
Suspense, coa sublime Deborah Kerr protagonizando unha magnífica adaptación d'
A volta do parafuso de Henry James; e tamén dese mito que é
Roger Corman, autor e produtor de películas baratísimas e deliciosas que non renuncian ao humor, nomeadamente nas súas (máis ben bizarras) versións de Edgar Allan Poe. Polo mesmo vieiro, aínda que con moitísimos máis medios, móvese o Bong Joon-Ho de
The host, que acumula temas e tópicos -no mellor sentido- para construír un filme extraordinariamente divertido e cheo de ritmo. Un thriller de ciencia-ficción, a francesa
Chrysalis, completa o programa dun ciclo que xa é tradicional nos outonos do Fórum Metropolitano.
Sala Fernando Rey. Outubro de 2008
2, 3 e 4:
Bride of frankenstein (A noiva de Frankenstein), de James Whale. Con Boris Karloff, Colin Clive. Estados Unidos, 1935 - 1 h 26 min - V.O.S. en castelán
9, 10 e 11:
Chrysalis, de Julien Leclercq. Con Albert Dupontel, Marie Guillard. Francia, 2007 - 1 h 35 min- V.O.S. en castelán.
16, 17 e 18:
The innocents (Suspense), de Jack Clayton. Con Deborah Kerr. Reino Unido - Estados Unidos, 1961 - 1 h 37 min - V.O.S. en castelán.
23, 24 e 25:
The host, de Bong Joon-Ho. Con Song Kang-Ho. República de Corea, 2006 - 2 h - V.O.S. en castelán.
30, 31 e 1 de novembro:
The man with x-ray eyes (O home con raios X nos ollos), de Roger Corman. Con Ray Milland. Estados Unidos, 1963 - 2 h - V.O.S. en castelán.
¶