um
Número de espectadores dalgúns filmes galegos segundo o Ministerio de Cultura:
Sempre Xonxa (Chano Piñeiro, 1989): 62.203 espectadores
Urxa (Carlos López Piñeiro, Alfredo García Pinal, 1989): 18.899 espectadores
Días de voda (Juan Pinzás, 2002): 38.579 espectadores
Pradolongo (Ignacio Villar, 2007): 17.007 espectadores
dois
Nos últimos meses falouse moito en Galiza do filme
Pradolongo, da súa estratexia promocional “porta a porta” e o que podía significar na recuperación e na conquista de espectadores galegos que non acoden habitualmente ás salas de cinema. Non vou entrar agora a xulgar os méritos do filme (na miña opinión, inexistentes), pois do que quero falar é de se é ou non posíbel un audiovisual de noso comercialmente viábel. Hai público abondo no país para alimentar un cinema propio?
A ver, fagamos números. Supoñamos que un filme de moito éxito leva en Galiza ás salas de cinema a uns cen mil espectadores. Iso equivale a uns 600 mil euros de recadación, que descontado o IVE se reparten
grosso modo a metade para o exhibidor e a metade para a produtora/distribuidora. Desa caixa total aos produtores pódenlles quedar máis ou menos uns 150 mil euros. Con cifras nesa orde de magnitude un hipotético cinema comercial galego podería soñar con autofinanciarse sen saír do Bierzo de apostar por producións (moi) baratas, que hoxe en día son factíbeis, mais non con orzamentos que ocupan sete díxitos. E se ben é certo que hai subvencións directas outorgadas por institucións como a Consellería de Cultura ou o ICAA grazas ás cales son posíbeis proxectos que doutra maneira non existirían, non debemos esquecer que esas políticas de apoio están para estimular unha actividade, non para mantela a toda costa. É dicir, como resultado dun sistema de axudas ao cabo dun tempo prudente debe agromar unha industria sólida e autónoma, deben adquirir oficio e experiencia os profesionais de talento, que os hai, e deben aparecer froitos de calidade. As axudas á creación de produtos culturais non se convocan para pagar oficinas nin para soster artificialmente estruturas e modelos inservíbeis: as axudas están para xerar obras que respondan a criterios culturais, e non a valores e intereses financeiros. Non o digo eu, dío a Comisión Europea.
A mellor saída para o cinema galego é facer produtos que poidan venderse fóra. E fóra non significa unicamente Madrid, senón tamén o estranxeiro. Un exemplo actual interesante é o de Rumanía, cinematografía emerxente que nos últimos anos sorprendeu con obras tan valiosas como
A morte do señor Lazarescu, recén editada en DVD en España, ou a (amarga) comedia
12:08 ao leste de Bucarest. En maio de 2007 o filme
4 meses, 3 semanas e 2 días (que a min non me entusiasma) proxectouse con gran éxito de crítica no Festival de Cannes, tanto que na véspera de levar a Palma de Ouro xa estaba vendida a unha morea de países (o premio serviu, con certeza, para que as contas fosen aínda mellores). O filme de Cristian Mungiu custou arredor de 600 mil euros (a metade que
Pradolongo, para facérmonos unha idea). O prezo de compra polas distribuidoras dunha produción deste tipo, a concurso en Cannes, andará entre os 75 e os 150 mil euros: unhas cantas ventas internacionais deixan a película pagada.
Hai moito que matizar, non o nego, e é evidente que o número de filmes que pasan polos festivais máis importantes (os grandes escaparates do cinema mundial) é limitado, así que "non todos van chegar aí". Asumindo eses feitos, a pregunta segue sendo a mesma: que é máis rendíbel cultural e economicamente falando, apostar pola calidade e intentar crear produtos competitivos nos mercados internacionais (e xa que non podemos facer
The dark knight, fagamos
Kiarostami), ou optar por un cinema popular inzado de referencias locais e dificilmente exportábel? En Rumanía parecen telo claro.
¶