O sol asoma / pola fiestra alumeando / rostros durmidos. Xurxo González pecha con ritmo de
haiku a
entrevista que lle fixo a
Oliver Laxe para a web da Axencia Audiovisual Galega. Na conversa, matutina e resacosa, o cineasta debulla o seu proceso creativo e insinúa proxectos de futuro, e deixa para o final unha frase inspiradora que vale case como autopoética:
"Quen sinta a necesidade de facer filmes pode facelos. Fará todos os sacrificios que precise para iso, para que esa necesidade non se volva na súa contra. Se non os fai é porque quizá non precisa facelos, que non lle dea máis voltas. Que se acepte. Non hai escusas para non facer filmes, de ningún tipo".
En Tánxer, Oliver desenvolve un
proxecto de creación cinematográfica con cativos e adolescentes,
Dao Byed, "Luz branca", o nome que decidiron poñerlle os nenos
ao proxector. Empezou a contar a experiencia hai pouco nun
blog: as
dificultades do proceso de revelado, o cinema
sen cámara, as primeiras filmacións, que seguen
as pegadas de Matisse... Na granxa pedagóxica, no extrarradio da cidade, hai
unha burra que ten aos nenos fascinados. Están ilusionados coa idea de filmala, e así o fan: tres deles, Mohamed, Bilal e Said, soben á burra todos cheos mentres un cuarto, Tarek, manexa a cámara. De súpeto, Said ten unha idea xenial: dille a Tarek que finxa ser un ladrón. Said sería o dono da burra e, ao lonxe, rifaría con el por querer montar no animal. O xogo lévaos dos
Lumière a
Méliès: da anécdota documental nace a ficción, o esqueleto dun relato, pura simplicidade. Gianni Rodari estaría
contentísimo.
dos arquivos estranhos: Viva Oliver Laxe! /
Luz e zapatos
¶