Consolidado xa como unha referencia da programación cultural do verán, o ciclo Realidade segue a explorar o cinema actual na procura de propostas diferentes, que non acadan un oco nas salas comerciais galegas. Este ano, e baixo o título Realidades sonoras: Acordos e desacordos, o ciclo explora as relacións entre sons e imaxes a través de cinco filmes que ofrecen, ademais, un panorama alternativo do musical contemporáneo.
O silencio antes de Bach, o regreso ao cinema dun dos autores españois de máis prestixio, Pere Portabella, abre a programación o martes 5 de agosto. No filme, Portabella enfía diversas secuencias para se achegar ao mundo da música e ofrecer un “fresco” atrevido e de incríbel beleza que emprega a Bach como fío condutor e a Historia e a Cultura de Europa como fondo.
Joe Strummer, vida e morte dun cantante é un documental de Julien Temple sobre o mítico líder de The Clash. Unha figura emblemática e de vida apaixonante, recreada mediante imaxes de arquivo e entrevistas a unha morea de persoas que o coñeceron e o trataron.
Da Arxentina chega
La Antena, de Esteban Sapir, un filme en branco e negro que imita a estética e os procedementos do cinema mudo dos anos vinte. Unha fábula sobre os medios, a comunicación, o poder e a liberdade nunha obra orixinalísima e extremadamente divertida, que recolleu aplausos nos Festivais de Rotterdam, Lisboa e Donostia.
Honeydripper retrata o momento no que o blues clásico se transformou para abrirlle paso ás guitarras eléctricas. Na Alabama dos anos cincuenta, o dono dun local de blues decide rachar o mal ritmo do seu negocio traendo a un famoso guitarrista, mais cando este non aparece opta pola solución desesperada de que faga del un mozo descoñecido. Un filme amábel, con elementos de realismo máxico, que revela por igual o oficio e a bondade do seu director, o gran John Sayles.
Para rematar,
Once, unha película de orzamento modestísimo e rodada en pouco máis de dúas semanas que grazas ao “boca a boca” se convertiu nun dos éxitos sorpresa da tempada e acabou por gañar hai uns meses o Oscar á mellor canción. Un home e unha muller, os seus soños e as súas cancións son os elementos cos que John Carney constrúe un filme sinxelo e delicado que atrapa os espectadores coa súa honestidade e exquisita sensibilidade.
dos arquivos estranhos: Realidade'06:
Camiños e fronteiras || Realidade'07:
Lonxe e preto
¶