Algo avanzamos: as actividades diarias do
Feirón xa non están anunciadas nun cartaz escrito a man de maneira desleixada. A informática básica chegou á Feira, e parece que desta volta é para ficar. Supoño que algún ano destes a organización descubrirá Internet e quizá até se decida a colgar os anuncios
na rede, ou mesmo a crear un blog para a ocasión. Felicitémonos, en calquera caso, da chegada das impresoras e os procesadores de texto. O resto, porén, está
coma sempre. A carpa segue sendo deficiente e inestábel -hai un par de veráns dei en denominala
carposa-, e o equipo de son que hai nela serve para que escoiten os que están sentados nas tres ou catro primeiras filas como moito, no que constitúe un bo exemplo de
sistema de mega-afonía. Seguimos achando de menos a presenza dunha persoa que se encargue de coordinar a feira "in situ", que reciba e atenda aos escritores e editores que veñen presentar ou asinar libros, ou que comprobe se hai cadeiras abondo para todos. Non son caprichos, non: son cousas elementais que hai que coidar e vixiar, como fan a inmensa maioría de asociacións, agrupacións e entidades deste ou de calquera país nos actos que organizan. Estamos falando dunha feira cunha cifra moi grande de asistentes e un importante volume de negocio, así que esas doses de perralleirismo están totalmente fóra de lugar. A ocasión paga a pena, así que é tempo de que demostren que poden e saben facelo moito mellor.
A outra grande decepción xa a apuntou Bragado
no seu post: a presenza da edición en galego na maior parte das casetas é case anecdótica, e isto non é algo que poida ser xustificado polas "leis do mercado". Primeiro, porque as feiras contan cunha valiosa aportación económica da Consellería de Cultura, así que os libreiros non farían nada de máis en ser un chisquiño xenerosos coa literatura de noso. E segundo, porque a ausencia de libros en galego é contraproducente para os seus intereses comerciais. Onte sábado pola tarde asinaba exemplares das súas obras
Yolanda Castaño, e a lamentábel realidade é que apenas había libros seus disponíbeis na feira. Esa historia verémola repetida nos vindeiros días con outros autores e outros títulos, xa verán.
A post-data: mentres
José Ángel Mañas predicaba na carpa (na
carposa) para un reducido número de asistentes, Manuel Rivas atendía a xa tradicional cola de seguidores.
¶