O meu artigo sobre blogs e webs cinéfilas no número 5 da Revista do Audiovisual Galego:
Na outra beira das augas grandes (e II)
Proseguimos o repaso das webs cinéfilas ao outro lado do Atlántico revisando páxinas en español. A viaxe debe comezar na Arxentina, o país onde se edita “El amante”, revista cuxa
edición dixital non é precisamente un prodixio de navegación e deseño, mais ofrece artigos interesantes e as críticas dos filmes que se estrean alá. Un dos fundadores da revista foi Eduardo Antín, Quintín, que foi o programador que converteu o BAFICI no que hoxe é, un certame de cinema cunha axenda de filmes abraiante por cantidade e calidade. Quintín, un dos nomes de referencia da crítica mundial -non se perdan
o seu artigo en Cinema-Scope sobre
Tropa de elite, o reaccionario filme de José Padilha que gañou o Oso de Ouro no Festival de Berlín- mantén xunto a Flavia de la Fuente un blog imprescindíbel,
La lectora provisoria, especialmente divertido cando nel se fai crónica -cinematográfica e extracinematográfica- de festivais coma os de Bos Aires ou Cannes. Igualmente apreciábel é o seu diario de lecturas, con textos cheos de mordacidade coma os que lle dedicou recentemente á escritora española
Belén Gopegui.
En Chile a revista
Mabuse repasa a actualidade do cinema dedicando especial interese aos autores máis singulares e creativos do noso tempo. A web, moi completa, recolle artigos, entrevistas (Jia Zhang-ke e Carlos Reygadas, entre outros), reseñas de festivais e dossieres temáticos, e por suposto presta unha especial atención á produción chilena. Do equipo de redactores da revista forma parte Pamela Biénzobas, unha das vicepresidentas da FIPRESCI.
Utilísimo é o portal
LatAmCinema, que se ocupa de maneira integral do cinema feito na América Latina. Ademais das máis comúns seccións dedicadas a falar de estreas e rodaxes, a web contén seccións específicas sobre os filmes documentais e de animación, e deixa tamén un espazo para dar parte de actividades e cursos de formación para profesionais. Apuntamentos de carácter institucional e lexislativo e as convocatorias de axudas son outros contidos dunha páxina na que se pode visualizar a información país por país, e que tamén ofrece a posibilidade de subscribirse ao seu completo boletín semanal de novas.
¶