O martes foi o día do cóctel de homenaxe a
Johnnie To a bordo do veleiro Príncipe Perfeito. Unha leve indisposición que aconsellaba un breve descanso impediu a asistencia do director hongkonés; debeu ser o único que faltou, porque alí no barco estaba todo o festival. Un paseo polo Tejo certamente inesquecíbel.
Era perto das nove cando chegamos de volta ao Cinema São Jorge, e eu tiña por diante dúas alternativas á mesma hora: achegarme á proxección de
Sparrow de Johnnie To, ou asistir ao encontro con
José Luis Guerín no Cabaret Maxime. Saco entrada para a primeira e entreteño a espera con Daniel e dúas amigas na pastelaria Bela Ipanema, con bifanas e imperiais de por medio. Eles van ver
Momma's Man de Azazel Jacbos, que comeza antes, e eu subo á sala 1 do São Jorge. Para a miña sorpresa alí está xa, agardando, o director Johnnie To. Achegueime a el con decisión e púxenlle diante o libro e a caneta; aquí fica, para a posteridade, o resultado do noso encontro.
Vexo media hora de
Sparrow, que non está nada mal, e marcho para pasar polo coloquio con Guerín e
Núria Esquerra. Guerín fala moito e ben, coma sempre, e se declara próximo ao cinema de
Pedro Costa. En breve deixarei aquí uns vídeos dese acto.
A noite remata no
Musicbox, nun concerto-tributo a The Clash ao que acode moito persoal do Indielisboa. Marcho a iso das tres, pensando en facer algo de turismo o mércores pola mañá, poucas horas antes de coller o avión de regreso. As miñas ganas de volver á Coruña non chegan ao 1 nunha escala de 0 a 10.
Por certo, o Grande Prémio de Longa-Metragem “Cidade de Lisboa” levouno un filme moi malo,
Wonderful town. Aquí teñen o
palmarés completo.
¶