caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Indielisboa 2008. Capítulo 3: Nada máis que pó
> Indielisboa 2008. Capítulo 3: Nada máis que pó <

Nas case dúas horas que temos libres trala proxección de Profit motive... Daniel e máis eu subimos ao mirador de São Pedro de Alcántara, no Bairro Alto. Ao saír de Killer of sheep apañamos un dos buses que durante o festival fan de balde o traxecto entre o Cinema São Jorge e o Fórum Lisboa; el queda mercando unhas entradas para o domingo e eu marcho coa intención de deixar na pensão a mochila antes de ir ao pase de Mister Lonely. A miña disposición a favor de Harmony Korine é tan pequena que camiño do metro de Areeiro vou remoendo outras alternativas, e niso é que aparece o Daniel coas compras feitas e convidándome a cear na súa casa. Adeus, Harmony Korine: abándonoo por un prato de arroz con verduras salteadas e carne, un jantar caseiro que sabe a gloria. De palique até a medianoite, o plan logo é pasar polo Cabaret Maxime, centro de convivio festivaleiro. O Maxime era un cabaret de luxo polo que pasaban as maiores fortunas portuguesas, mais cando os seus tempos de esplendor remataron o lugar acabou caendo no submundo da prostitución. Manuel João Vieira, vocalista das bandas portuguesas Ena Pá 2000 e Irmãos Catita (e case candidato á presidencia da república), puxo empeño alá polo ano 2000 na recuperación do local, para o que procurou unha estética que evoca a Fellini e David Lynch con resultados magníficos. Alí tocou o sábado Abztract Sir Q; despois do seu sorprendente e ruidoso concerto intentamos ir para o São Jorge (mais está pechado) e logo para o Hot Clube (mais tamén está pechado), así que a mellor opción é voltar ao Maxime. Na porta atopamos a Catarina Simao e a Eloy Enciso, cuxo filme Picnic participa no Indielisboa dentro da sección Laboratorio. Ficamos alí dentro até a hora do peche e acabo chegando ao quarto ben pasadas as catro. Co cansazo acumulado despois de varios días durmindo menos do aconsellábel, fago votos por erguerme relativamente cedo o domingo, mais o corpo aconsella estirar a sesión de almofada cara ao mediodía.



A tarde pásoa no Cinema Sao Jorge. A primeira hora, Staub de Hartmut Bitomsky, un documental (científico) sobre o pó que para min, Gianvito á parte, é o mellor visto no Indie este ano. O pó é o obxecto máis pequeno que pode rexistrar un filme e ocupa os recunchos máis inaccesíbeis das nosas vidas. Pelexamos contra el inutilmente nas casas, sabedores de que por moito que nos esforcemos o pó seguirá presente: podemos minimizar a súa presenza, mais sempre ficará o seu rastro. Existir é sementar pó a cada paso. Métese nos laboratorios e pégase ás obras de arte nos museos; prodúcese nas fábricas, e tamén nas guerras. Provoca enfermidades, ás veces severas, mais tamén fai posíbel a condensación das gotas de auga nas nubes, e da súa agregación fórmanse os planetas e as estrelas. Tan desapaixonada como apaixonante, a película de Bitomsky é intensamente impersoal, rigorosa e densa, mais tamén suxestiva e profunda, metafórica e elocuente.

Wonderful town do tailandés Aditya Assarat foi unha das sensacións o ano pasado no Festival de Pusan, e iso abriulle as portas primeiro do de Rotterdam e Las Palmas, nos que foi premiado, e logo as do BAFICI e Lisboa. Ambientado nunha vila estragada polo colosal tsunami de decembro de 2004, Wonderful town conta a historia de amor entre un arquitecto que participa na reconstrución dun resort de vacacións e a moza da pensión na que se hospeda. Esteticista e repousado, o filme non pasa de ser un decepcionante e indixesto pasteliño con final infeliz cuxo éxito internacional só se xustifica por ese apego polo exotismo que aínda domina as programacións das mostras de cinema en Occidente.

Bastante peor é Happy-go-lucky, espantosa comedia de Mike Leigh cunha insoportábel mestra de infantil empeñada en facerlle a vida máis feliz a todo o mundo. Sally Hawkins foi premiada en Berlín por encarnar a esa muller cargante que nunca perde o sorriso e confunde o optimismo coa inconsciencia. O filme provocou moitas gargalladas; eu o máis que sentín foi vergoña allea, nomeadamente nas ridículas escenas das aulas de flamenco.

2008-05-02, 01:31 | 0 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/57137

Comentarios

os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley