Publicouse esta semana a programación do
IndieLisboa, tan completa como adoita ser habitual. Alén das retrospectivas de Johnie To, José Luís Guerín e o novo cinema romeno, agochadas nas diferentes seccións hai unha morea de cousas interesantes; farei en breve unha primeira escolma, para ir peneirando os filmes a non perder durante os catro ou cinco días que bote alá (a videoteca do Fórum é unha axuda utilísima para ir enchendo ocos na axenda). A noticia a destacar hoxe é a presenza galega no festival máis importante do país veciño, que acolle na
competición internacional de curtametraxes
1977, a peza de animación de
Peque Varela que xa participou no Festival de Sundance. Na sección Laboratório, que explora
"os novos territórios do cinema", hai sitio para
Picnic, do director nacido en Meira
Eloy Enciso. A arriscada proposta de
Picnic, sobre o papel tan suxestiva, alenta unha alta expectativa que o brillante comezo do filme parece confirmar. Infelizmente, non son necesarios moitos máis minutos para decatármonos de que a película non vai dar chegado a ningures. O resultado final paréceme fallido, mais evidencia tamén a condición de Eloy Enciso como cineasta a seguir nos próximos anos. O seu traballo é, sen ir máis lonxe, bastante máis honesto e menos irritante que a
tontísima trapallada de Pere Vilà i Barceló que vai a concurso, e que por certo gústalle bastante a
Jaime Pena. O lote galego complétase con
A flor máis grande do mundo, de Juan Pablo Etcheverry, que forma parte do apartado IndieJunior de cinema para nenos na categoría
para maiores de seis anos.
¶