Na Sección Oficial do próximo
Festival de Berlín concursa o filme brasileiro que máis deu que falar en 2007:
Tropa de elite, de José Padilha, un director que sorprendeu hai anos cun interesante documentario,
Ônibus 174, e que agora dilapida todo o seu crédito cun título cuarteleiro e reaccionario.
Tropa de elite foi masivamente distribuída varios meses antes da súa estrea, tanto a través das descargas gratuítas por Internet como en venta pirata polos
camelós de toda a nación; mais a publicidade do caso e a difusión do produto non só non restaron espectadores á película, senón que axudaron a convertela nun grande
suceso. No equipo artístico, dous candidatos ao Oscar por
Cidade de Deus: o
roteirista Bráulio Mantovani e o montador
Daniel Rezende. O verdadeiro problema é que mentres o vistoso aínda que
moi discutíbel filme de Fernando Meirelles ollaba de esguello a Scorsese,
Tropa de elite parece mirar máis ben cara a Chuck Norris para amosar un discurso inconsistente por ridículo e ademais profundamente obsceno. Concordo co que dixo en
Libro de notas o meu amigo Xoán Lagares: lean
o seu artigo, e tamén o de
Arnaldo Bloch n'
O Globo. Mesmo a
resposta do actor protagonista, Wagner Moura, un dos de máis sona naquel país, ao que recordamos en
Abril despedaçado,
Carandiru e
Cidade baixa. Prefiro lembralo coma o nugallán simpático de
Deus é brasileiro que por este papel de
Dirty Harry carioca.
¶