Onte tocaba
O leo i arremecághona na Coruña, e nun escenario ben inesperado, o Jazz Vides. Escatolóxico, teatreiro e provocador,
Leo de Matamá proba no show a
indiscutíbel galeguidade de
The Clash e funde nunha mesma canción
a música de Te recuerdo Amanda e o
ánimo retranqueiro de Las casitas del barrio alto, sempre cun aire
cañeiro e punk, pero por riba de todo con humor, con moito humor, e quen non ande sobrado disto mellor que non se moleste en
ir velo. Ao rematar o concerto imos tomarlle algo á
Terraza, atendendo á proposta de
Viascón que nos avisa que esa noite hai alá
jam session rockeira.
Na conversa co Leo acaba aparecendo o nome do defunto
Frank Zappa, autor de creatividade inesgotábel e entusiasta defensor da
liberdade de expresión, cuxa vida e obra estivo marcada por un permanente espírito lúdico.
Eu non perdín a ocasión de recomendarlle as músicas dese curmán brasileiro de Frank Zappa, o xenial Tom Zé, un home que tampouco está moi preocupado que digamos polas formalidades e convencións.
para saber máis: o disco d'O leo i arremecaghona
de balde n'A Regueifa; a páxina oficial de
Tom Zé e a de
Frank Zappa; un
blog en español sobre os filmes de Frank Zappa e a web de
Esperando o pagode, con abundantes petiscos desa opereta-alfaia creada polo Tom Zé.
¶