A miña intención de erguerme cedo choca contra o sono acumulado, así que decido ficar na cama un par de horas máis. Para almorzar, zume de laranxa natural, café con leite e un dos deliciosos croissants da pastelería Argitan, na esquina do Paseo de Salamanca coa rúa Raíña Rexente, a carón da ponte da Zurriola. No Kursaal atópome con Inma Merino, unha das primeiras persoas que coñecín no Festival, hai xa catro anos. Vén de ver
Encarnación, e
non amosa moito entusiasmo. Xusto despois Jaime Pena cóntame que ese filme é o mellor que leva visto na Sección Oficial. Co ánimo lixeiramente dividido entro no K1, e aos cinco minutos de empezar a proxección sei con certeza que eu estou con Jaime. A de Anahí Berneri é, sen dúbida, a película do festival. Erni Levier (Silvia Pérez) é unha
starlette cuxa época de esplendor xa pasou hai anos, e que agora está tan lonxe do éxito coma do fracaso. Segue sendo fermosa, pero xa non ten a louzanía doutrora, a que lle permitía ocupar portadas de revistas lucindo corpo. Mantén unha relación cun home maduro, e quere seguir en activo, para o cal se promociona cunha web na que omite a súa idade por coquetería; á espera de que lle chegue algún papel, saca cartos facendo un cotroso anuncio publicitario. Un bo día recibe o convite para asistir á festa de aniversario da súa sobriña, Ana (Martina Juncadella), que lle obriga a afastarse de Bos Aires e volver á súa vila natal. Aos seus quince anos, Ana está máis fascinada polo
glamour da súa tía que pola aborrecida normalidade que representa a súa nai, pero a súa familia non opina o mesmo: para eles Ernie é unha muller botada a perder, un
pendón que acadou algo de sona facendo quen sabe qué cousas. Ernie é consciente diso e de que a ignoran olimpicamente, até o punto de lle ocuparen unha leira para plantar soia -a leira na que quizá pensaba retirarse nun futuro para montar un viveiro. Pero non lle dá demasiada importancia, e se ten que chorar, chora cando ninguén mira, como se fai en todas as familias. Porque
Encarnación é un filme serio e sosegado, que non precisa catarses histéricas para atrapar o espectador. O que nos deslumbra nesta alfaia sutil é a sensibilidade que demostrou Anahí Berneri ao construír un personaxe feminino inesquecíbel por verdadeiro. Ernie non é un pelexo desnortado, nin unha idiota desesperada. Non é a protagonista dunha traxedia, nin dunha comedia, senón de algo moi semellante á vida que ten intres felices e outros que non o son tanto. Unha muller coas ideas claras, que sabe o que quere e que sabe quen é. A marabilla que é
Encarnación non todos souberon recoñecela; de feito, fomos os menos
os que a admiramos. No
Diario Vasco mesmo se queixaron de que "su protagonista no parece evolucionar un milímetro a lo largo una obra que, no obstante, le mantiene prácticamente todo el tiempo en pantalla". O raro sería que evolucionase moito, tendo en conta que ao longo da metraxe non transcorren máis alá duns poucos días.
Co bo sabor de boca que me deixou a película, reúnome con Marta Gómez e os seus colaboradores para
Planeta Cine durante o festival, Miguel Ángel e ¿Jesús?, e pasamos polo acto no que se anuncia o próximo
Festival de Cine de Las Palmas. Máis unha vez, chego tarde á presentación pero a tempo para os pintxos, que desta volta teñen o selo de Martín Berasategi, cociñeiro que ten ao seu cargo o restaurante do Kursaal. Sopa de tomate cunha nube de queixo por riba, anacos de peixe indefiníbel e outras
delicatessen que poñen a andar os enzimas gástricos, sen deixalos en ningún caso extenuados.
Ás catro da tarde poñen
Lady Chatterley no Principal, unha película de Pascale Ferran que na altura do mes de febreiro encabezaba a listaxe de favoritas do cadro crítico do
Cahiers du Cinema francés (por riba de
Juventude em marcha, que esaxerados!). A de Ferran é unha boa lección de como levar á pantalla un clásico da literatura sen que o resultado sexa rancio e acartonado. Un chisco desmedida na súa duración, a
Lady Chatterley de Pascale Ferran é demasiado
século XXI na súa visión dunha relación adúltera na que non hai nin unha pinga de sentimento de culpa; e tamén debo dicir que ver os amantes espidos correndo inxenuamente baixo a chuvia parece máis propio dunha versión ultra-hippie de
Hair que dunha adaptación de D. H. Lawrence, pero en conxunto a película resulta moi estimábel, aínda que o meu aprezo por ela estea moi lonxe
da entrega incondicional que lle gardan noutras latitudes. Por certo, que beleza Marina Hands!
Saio da película e achégome de novo ao Kursaal para escoitar uns minutos a presentación da
edición española de Cahiers, a cargo de Carlos F. Heredero, Manuel Pérez Estremera, Charlotte Garson e Manuel Gutiérrez Aragón (sen comentarios). Ardo en desexos de ver
Todos estamos invitados, a súa película "de tema vasco" que polo que me contan
debe ser inenarrábel.
A de Gracia Querejeta con Maribel Verdú,
Siete mesas de billar francés, é outro
episodio piloto metido dentro da Sección Oficial.
Siete mesas, ou
Siete vidas, que vendo a Blanca Portillo e a Amparo Baró xa me confundo. Creo que é unha comedia, pero non estou moi seguro. Para compensar, pola noite vexo
10+4, o fillo que lle naceu ao filme de Abbas Kiarostami
Ten no cal Mania Akbari reflicte a súa loita contra o cancro de maneira tan austera como escalofriante. Está proxectado en vídeo, pero a diferenza da de Querejeta non parece televisión. Chego ao hostal pouco despois da medianoite. É bastante antes das tres cando pillo a cama, pero unha vez máis a última cousa que lembro ter feito antes de durmir é programar o despertador para as oito.
¶