Presentouse onte en Santiago a revista do Foro Galego do Audiovisual, que a unha criatura da rede coma min provócalle unha certa incomodidade polo que ten de "exceso de papel": algún malvado mesmo podería pensar que temos máis revista que audiovisual. Poden consultar en liña o primeiro número desta publicación, no que aparece un artigo meu sobre blogs de cine. Este:
Todos críticos
“Hoy el cine no sólo pasa por la pantalla grande, salta a Internet y los móviles. Los blogs han logrado que todos sean críticos de cine, pero, claro, no todos pueden ejercer la crítica con la misma pertinencia”. A frase díxoa hai uns días Carlos F. Heredero, director da (novísima) edición española de
Cahiers du Cinema, e reflicte moi ben unha visión de Internet que aínda hoxe é común en certos ámbitos. Dunha banda está o recoñecemento implícito das súas excepcionais posibilidades de difusión: Internet é o espazo idóneo para verter contidos que dificilmente acharían oco nos medios de papel, ou polo menos nos de distribución masiva, sempre menos atentos ás mutacións que experimentan a produción e comercialización da cultura; pero ao mesmo tempo persiste o escepticismo cara os autores de textos que aparecen unicamente na rede, criaturas á marxe dese principio de autoridade que permite dar por boa calquera cousa polo único feito de ter aparecido en calquera dos xornais e revistas “de confianza”. Segundo esa perspectiva lixeiramente paternalista, os blogueiros e administradores de sitios web virían sendo no mellor dos casos individuos con máis opinión que criterio; xente que aporta un sopro de frescura e fai algo de barullo, un ruído de fondo ás veces útil pola súa reivindicación
machacona porfiona de autores pouco ou nada vistos no país.
No ámbito da Internet galega o cinema segue sendo apenas unha nota ao pé. Vivo ou morto, que iso está aínda por definir, o
blogomillo nunca se ocupou demasiado dese tema, e desde logo non tanto como o fixo sobre o mundo da música, dos libros ou dos cómics. O blogomillo non difire nese aspecto da prensa, a radio e a televisión de noso, que tampouco se caracterizan precisamente polo seu tratamento exhaustivo e rigoroso das novidades relativas á sétima arte. Nun exemplo clásico de pescada que morde a cola, a maior parte de
Galiza Galicia permanece totalmente afastada dos circuitos de exhibición do cinema independente e de autor (ou o que quede del), coa única excepción do óasis da Coruña, onde ten a súa sede o
CGAI; se a práctica totalidade dos galegos vive á marxe doutras formas de facer películas que non sexan as da gran industria, dificilmente van poder falar delas e reclamalas para si. E aínda que Internet nos permite coñecer a obra de cineastas que hai uns anos permanecerían só ao alcance dos afeccionados con mellores contactos, creando en nós unha sensación de accesibilidade case ilimitada, é innegábel que resulta ben difícil sentir interese por aquilo do que nin sequera se sabe que existe. Á vista da
aplatanada apática programación cinematográfica da televisión, fonte decisiva de cinefilia para as xeracións que medraron vendo westerns de
John Ford os sábados pola tarde e que logo descubriron grazas a ela a
Kenji Mizoguchi, ao
“Indio” Fernández ou a
Paul Morrisey, a realidade é que para os rapaces de hoxe en día apenas hai máis cine que aquel destinado a rebentar as billeteiras, en moitas ocasións con escasa fortuna. Uns poucos, os máis curiosos, teñen unha morea de filmes ao seu dispor, co risco de que a abundancia de árbores impida ver con claridade o bosque; para o resto un filme en branco e negro é unha reliquia coa cal se debe gardar unha prudente distancia.
Cóntanse cos dedos as páxinas que falan de cine desde
Galiza Galicia, pero algunhas sobresaen pola súa calidade. Un exemplo notabilísimo é
Tren de sombras, que pasa por ser un dos máis valiosos referentes da rede en español. O seu carácter revulsivo revélase especialmente eficaz con artigos como
La catatonia nacional, escrito por José Manuel López, unha crítica das que marcan época do tratamento que os xornais españois fixeron do último Festival de Venecia. O blog de
Ferdinand von Galitzien, tamén en español, sorprende polo seu contido, composto por comentarios de filmes mudos en ocasións extremadamente pouco coñecidos; aproveito para manifestar en público a miña profunda envexa por unha videoteca, a súa, que intúo abraiante en cantidade e calidade. En galego, a máis activa é a bitácora
Cinema Friki, que se ocupa dos filmes de acción, fantástico e de terror, con especial atención ás rarezas do xénero que veñen de Asia e cun especial agarimo pola “serie Z” (minúscula). Ao seu colectivo de autores sumouse hai uns meses Fagot, despois de pechar o seu blog
A peli do día, páxina que durante a súa existencia compilou e comentou toda sorte de noticias e convocatorias vencelladas co audiovisual galego.
¶