caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Carlos Casares
> Carlos Casares <

O mestre enfádase sempre que llo digo e responde que non teño razón, sobre todo cando lle aplico a teoría a el mesmo, pero asegúrolles que cada día estou máis convencido: unha obra correcta pode facela calquera, pero vexo moi difícil facer algo xenial se un non posúe o inspirador alento da bondade. Se non hai comprensión polos actos das persoas, se non hai compaixón nin vontade de tomar como propio o sufrimento dos demais, sen auténtico humanismo, en suma, pode haber pirotecnia e fogos de artificio, pero non gran literatura, esa que nos conduce a entender mellor o mundo. Porque o que fai grande a Charles Dickens non é a súa abraiante habilidade como enguedellante prosista, nin sequera a súa capacidade para crear personaxes verdadeiros, que non reais. A súa xenialidade non reside aí, senón no seu apoio a Mary Furley, ou naquela anécdota, seguramente incerta, que o describe camiñando pola rúa mentres come cereixas, e diante del un obreiro co fillo subido ao ombro. O cativo mira para o escritor con degoiro, e ben axiña este decide meterllas todas na boca, unha tras outra, sen que ninguén máis se decate. Vladimir Nabokov citaba esta historia como unha perfecta metáfora do xeito co que Dickens enfrontaba o mundo. Empezas amando a humanidade e acabas escribindo Oliver Twist.

Tal día coma hoxe de hai cinco anos morría Carlos Casares. Non podo contar nada sobre o autor ourensán que non sexa en condición de lector: non é xa que non chegase a coñecelo, senón que nin sequera estiven nunca perto del, aínda que pola súa presenza habitual e amábel nos medios chegase a parecernos a moitos unha figura case familiar. Si podo dicir que non sei de ninguén que o coñecese e o tratase que non o lembre con agarimo. Alén diso, teño a certeza absoluta de que un home que foi capaz de escribir Ilustrísima e de traducir ao galego O principiño tiña que ser por forza boa xente.

2007-03-09, 03:19 | 7 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/47789

Comentarios

1
De: peke Fecha: 2007-03-09 12:04

Está mal falar dos mortos.



2
De: Alfredo Ferreiro Fecha: 2007-03-09 14:42

Até esta noite esa veciña túa que o coñeceu non vai poder subir un post sobre sobre Casares. Agora xa con teu empurrón non ten máis saída que facelo.



3
De: Cesare Fecha: 2007-03-09 15:12

que fermoso post



4
De: post scriptum Fecha: 2007-03-10 00:53

Uf, a listagem de filhos-de-puta com obras geniais é longa: D.W. Griffith, Louis-Ferdinand Céline, Elia Kazan, Richard Strauss, Ezra Pound, Roberto Rossellini, Gabriele D'Annunzio...

Como di Cesare, o post é bonito, mas falsooooo.



5
De: Martin Pawley Fecha: 2007-03-10 01:57

Rossellini? Griffith?



6
De: hormiga Fecha: 2007-03-10 21:39

Eu tiven ocasión de estar en varias charlas que deu Casares nos meus tempos de instituto. Lembroo explicandonos a unha morea de adolescentes como escribira Xoguetes para un tempo prohibido.
Ademáis dese libro, lin de Casares Ilustrísima, Vento Ferido e Deus sentado nun sillón azul. Pero cando alguén menciona a Casares, automaticamente eu penso en A galiña azul: "Querida Ana, Vai para sete anos que non te vexo " e penso en galiñas azuis, peixes de cores e formigas. E tamén me ven a mente a miña parella, que é sudamericano, lendo a columna en galego de Casares. Era a única cousa que lía en galego, dicia que a ese home sí que o entendía.



7
De: post scriptum Fecha: 2007-03-11 00:36

#5 Os mocinhos d'O nascimento de uma naçom, de Griffith, som membros do Ku Klux Klan. E Rossellini realizou filmes como A nave branca, abertamente propagandistas do fascismo, por mais que se queira ver como um pecado de juventude ou uma cousa conjuntural.

Para além dos nomes (podiam ser outros) o que pretendia fazer ver é que vida e arte pertencem a esferas diferentes, ou que uma obra pode nom ser edificante moralmente, mas estar repleta de valores artisticos.

E nom lhe roubo mais espaço à (merecida) homenagem a Casares.



os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley