Ademais de unha ferramenta utilísima para coñecer xente interesante, o blog é tamén unha
memoria á vista de todos que nos permite localizar feitos no tempo. Podo precisar, por exemplo, que foi o venres 1 de agosto do 2003 cando coñecín á
queridísima Jaio, nunha
quedada no Playa Club ás catro da tarde dun día soleadísimo. Cheguei con retraso (iso en min non é noticia) e a primeira sorpresa foi reparar en que na mesa a carón daquela onde agardaba a espía estaban sentados Xabier Docampo e a súa dona María Jesús, en animada tertulia cunha amiga (e disto que digo hai até probas fotográficas). A segunda foi ver noutra mesa a pouca distancia a David Martínez, un home que me presentaran xusto a noite anterior nun bar memorábel da Coruña, o
Montecarlo, hoxe pechado. Naquel intre non podía nin imaxinar que tres anos despois eu tería o pracer e o privilexio de compartir con el unha
ilusionante ficha técnica.
Onte fixéronse públicos
os nomeamentos de once novos directivos nas direccións de programación e contidos de RTVE. David Martínez é un deles: foi designado "director de ficción". A súa misión será a de conseguir que as series e películas para televisión que se produzan acaden o nivel de calidade e tamén de audacia que é esixíbel nunha cadea pública. O labor doado non é, abofé que non, pero eu ver véxoo capaz.
¶