caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > A voz do tempo
> A voz do tempo <

um

George Bush asegurou que a execución de Sadam Husein foi o resultado dun xuízo xusto, demostrando que o que máis une aos fanáticos relixiosos é o seu gusto polos aforcamentos nocturnos. Ver "xustiza" e "pena de morte" nunha mesma frase provócame arrepíos; igual me pasa coas palabras "paz" e "bomba".

dois

O presidente Zapatero dixo o que tiña que dicir, nin máis nin menos: a negociación con ETA viña apoiada por unha resolución do parlamento que esixía a ausencia de violencia, situación que a banda armada rachou de feito co atentado na T4 de Barajas. Creo que é un erro; a paz é un obxectivo fundamental e o diálogo é conveniente e necesario sexan cales sexan as circunstancias, con vítimas ou sen elas. Agacharse no rancor é unha opción lexítima para o individuo, pero inútil para un estado: aparentar firmeza de institutriz decimonónica pode darlle tranquilidade aos telediarios, pero non trae o resultado que queremos. Para iso precisamos, como para case todo, ousadía e imaxinación.

três

O sábado 30 de decembro a portada da edición en papel de Gara afirmaba o compromiso "claro e inequívoco" de Batasuna co proceso de paz. Home, inequívoco inequívoco, o que se di inequívoco, non parece. Lewis Carroll disfrutaría moito coa lóxica abertzale: estamos en tregua, ou sexa non poñemos bombas, ou sexa poñemos bombas. Poucas horas despois do atentado, Arnaldo Otegi perdeu outra magnífica ocasión para ficar calado ou falar definitivamente con claridade. A súa (irrelevante) declaración asegura que o proceso non debe darse por roto e fala de bloqueos estruturais e outros eufemismos; o seu discurso móvese coma sempre entre a ambigüidade e o infantilismo, cousa inapropiada nun home xa próximo aos cincuenta, e amosa unha manifesta tendencia a non asumir a súa culpa, a recoñecer a incapacidade del e de Batasuna en xeral para manter un mínimo control da situación. O governo español non moveu peza, é certo, e puido ter dado pasos máis firmes sen limitarse ás palabras de esperanza, pero tamén é innegábel que ETA non fixo os seus deberes. Porque a declaración de alto o fogo non é suficiente se ao mesmo tempo proseguen as extorsións a empresarios, as ameazas e os actos de violencia nas rúas, que recuperaron unha intensidade descoñecida nos últimos anos; non é suficiente se seguen roubando armas e explosivos e manteñen as soflamas belicosas.

quatro

Dous desaparecidos; cando os atopen serán dous mortos. Se alguén queima un caixeiro automático, xa ten que ser grande a fatalidade para que haxa feridos, pero cando coloca centos de kilos de explosivos no aparcadoiro dun aeroporto a posibilidade de vítimas non pode sorprender a ninguén. A intención quizá non fose esa, pero entre os adultos a falta de intención non limita a responsabilidade. Os desaparecidos son dous ecuatorianos que agardaban pola chegada das familias: velaí un exemplo real da globalización do sufrimento.

cinco

A voz do tempo –dixo o fantasma- bérralle ao home para que camiñe cara adiante. O tempo foille dado para avanzar e mellorar, para que aumente o seu valor, aumente a súa felicidade e enriqueza a súa vida; para progresar na procura dunha meta que coñece, que está ao alcance da súa mirada e que se atopa aí desde a época na que naceron tanto o tempo coma el. Desde entón chegaron e se foron moitas eras de escuridade, maldade e violencia, e incontábeis millóns de persoas sufriron, viviron e morreron para sinalar o camiño que se abre diante del. Quen pretenda facelo volverse ou detelo no seu camiño, detén unha poderosa maquinaria que golpeará de morte ao entremetido e que coa súa momentánea detención ha de volverse máis furiosa e salvaxe.

Charles Dickens, As campás (The chimes) (1844)

2007-01-02, 18:28 | 11 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/45913

Comentarios

1
De: Julicheiro Fecha: 2007-01-03 00:55

Agora a pelota está no tellado do movemento abertzale. Por desgraza, moito me temo que os seus representantes non están á altura.



2
De: Vendell Fecha: 2007-01-03 01:09

Suscribo a súa visión ao cento per cento. Gracias polo post.



3
De: colazo Fecha: 2007-01-03 03:03

eu tamén comparto bastante a túa opinión Pawley

vin isto hoxe:
fai 3 semanas http://www.diariovasco.com/prensa/20061211/politica/proceso-descarrilado-unica-responsable_20061211.html

teorías
http://www.escolar.net/MT/archives/2007/01/roto_liquidado.html



4
De: Martin Pawley Fecha: 2007-01-03 23:38

Hoxe Pernando Barrena dixo que non daba por extinguido o "alto o fogo". Non sei se é "alto" ou se é "fogo", pero paréceme que o dirixente batasuno non comprende ben o significado dalgunha desas palabras. Estivo moi hábil Josu Jon Imaz ao dicir que os líderes de Batasuna pasaran catro meses insinuando que o proceso estaba roto ou bloqueado, e xusto agora que hai dous mortos sobre a mesa dedican todos os seus esforzos a facer ver que o proceso está máis vivo que nunca.



5
De: jorge Fecha: 2007-01-04 12:05

A Pernando e os seus compañeiros a violencia non lles parece mal, non hai máis comentario salvo ¿a quén lle importa o que digan ou fagan?



6
De: Samarkanda Fecha: 2007-01-14 16:29

A ver si entiendo el punto "dois"... En el supuesto caso de que una bomba de ETA te matara, por ejemplo, en el videoclub o en el supermercado, a ti no te importaría demasiado y gozarías viendo a tu gobierno hablando con tus asesinos. Claro, es comprensible, pues estarías muerto. Pero, ¿y los tuyos?
Por si no lo sabes, las elecciones están para algo, para que la gente decida, no sólo los políticos... En cualquier caso, te recuerdo que ya los fascistas hablaron con tanta ligereza de la muerte, sobre todo de la de los demás. ¿Eres, acaso, un fascista de cine?



7
De: Martin Pawley Fecha: 2007-01-14 20:13

Samarkanda, se unha bomba me asasinase a min, a miña familia e os meus amigos tería bastante dereito a estar enfadada e sentir odio; pero ao estado no que vivo e ás insitucións que me representas esíxolles serenidade, prudencia e visión de futuro. Non lles podo consentir que actúen con espírito vingativo e tabernario, senón coa intención de procurar un futuro mellor. Aí é onde xorde a necesidade do diálogo, gústelle ou non.

E en efecto, as eleccións están para algo, e unha maioría de cidadáns decidiu con claridade o que quería o 14 de marzo de 2004.



8
De: Samarkanda Fecha: 2007-01-14 20:59

Ya veo, Martin Pawley, que piensas que los demás somos tontos o ignorantes. No he hablado de enfados, ni de odios, tampoco de venganzas de tabernas... Sólo digo que el terrorismo no es otra forma de hacer política. Es una manera de asesinar a sangre fría.
También afirmo que para los terroristas están las leyes, y que en un estado democrático nadie está exento de su cumplimiento.
Dejo para otros el diálogo "político" y tabernario con aquellos que no se presentan a unas elecciones, y que además esconden las pistolas debajo de las mesas. Para pegarme un tiro en la nuca, si no asumo sus órdenes...



9
De: Martin Pawley Fecha: 2007-01-14 21:43

Non, non penso que os demais sexan tontos en xeral, aínda que algúns si mo parezan. Que o terrorismo non é unha maneira de facer política, é evidente; que a forma máis eficaz de combatelo é facer política, tamén.



10
De: Samarkanda Fecha: 2007-01-14 22:31

Está sendo unha conversación interesante. Pero xa que vostede non é tonto, cando remate de facer política cos terroristas agardo que informe con claridade aos demais. Só espero que eles, mentres dialogan, non estean meditando sobre o sangue que haberán de derramar. Porque xa sei que vostede non aceptará ningún acordo a espaldas da cidadanía... Claro que, ao mellor, nese caso os terroristas non queren falar.



11
De: Martin Pawley Fecha: 2007-01-14 23:11

Non, Samarkanda, a min non me corresponde facer política cos terroristas, e confío en que os que o fagan proporcionen aos cidadáns a información suficiente. Repare ben en que dixen "suficiente", pois teño claro que estes asuntos requiren discreción.



os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley