caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > The wind that shakes the barley
> The wind that shakes the barley <

um

Estréase hoxe The wind that shakes the barley, o filme de Ken Loach que gañou a Palma de Ouro no último Festival de Cannes; unha decisión esa ben inesperada considerando que o xurado estaba presidido por Wong Kar-wai. O británico Ken Loach é o mellor dos malos directores españois; no seu vocabulario non existe o verbo elidir e como director limítase a ilustrar con imaxes uns guións que pecan, en xeral, dun exceso de palabras. Malia iso levo disfrutado moito con varias das súas obras, aquelas nas que retrata as deficiencias da sociedade que ten máis perto con honestidade e frescura e apoiándose nuns personaxes cuxos trazos nos resultan sempre recoñecíbeis, como os de My name is Joe ou Ladybird, ladybird. Infelizmente, a Ken Loach dáselle de cando en cando por ofrecernos as súas particulares e avellentadas leccións de historia, exercizos que Jaime Pena definiu acertadamente como "turismo político" nun artigo para a revista arxentina El Amante. Falo de Tierra y libertad, de A canción de Carla ou deste O vento que move a cebada, a revisión da loita nos anos vinte dos republicanos irlandeses contra a colonización inglesa. Imaxino que as críticas ao filme incidirán sobre todo no seu maniqueísmo, na súa previsibilidade ideolóxica. O verdadeiro problema non é ese, senón outro infinitamente peor: o filme está inzado de tópicos, de recursos dramáticos tan primarios como o de representar a división do bando republicano mediante a figura de dous irmáns, un que aposta polo tratado con Inglaterra e outro partidario de seguir coa loita armada, e cuxo enfrontamento acabará por ter consecuencias tráxicas que non nos collen precisamente por sorpresa. Por máis que penso non se me ocorre unha soa escena na que Ken Loach exhiba algún recurso ou proba do seu hipotético talento cinematográfico; antes polo contrario, amósase como un narrador reiterativo e antiguo que chega ao extremo penoso da escena no despacho do "traidor" ao cal secuestran os republicanos por telos delatado, toda ela unha demostración perfecta da incapacidade do director para omitir información xa sobradamente coñecida polos espectadores.

dois

Hoxe ás 20:30 no CGAI proxección do (estupendo) documental de Marcos Nine Pensando en Soledad, sobre a figura do cineasta afeccionado e pai espiritual de toda unha xeración de pioneiros do audiovisual galego José Ernesto Díaz-Noriega, de quen se pasarán tamén as curtametraxes Las ninfas de la charca, Sever Odnum e a impagábel El cine amateur. Ao remate haberá un coloquio coa presenza do propio Marcos Nine e dos seus produtores, Xosé Zapata e Ignacio Benedetti. Alí nos veremos.

tres

La catatonia nacional, un artigo de José Manuel López Fernández sobre o tratamento que do Festival de Venecia deron os tres principais xornais do estado. O dito: na verza.

2006-09-15, 04:17 | 2 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/42932

Comentarios

1
De: Ian Fecha: 2006-09-16 17:26

Aínda que estou certo de que as súas críticas son atinadas, irei ver a de Loach. Logo xa me maldicirei, porque diantres non lle terei feito caso a Pawley



2
De: Arduina Fecha: 2006-09-25 13:29

Coas ganas que teño de ir vela...
A min seguro que me gusta, son como unha turista eterna co tema de Irlanda.



os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley