Inicio > Historias > Camiños e fronteiras (Ciclo de cine Realidade'06)
> Camiños e fronteiras (Ciclo de cine Realidade'06) <
Este ano tiven o privilexio de seleccionar os cinco filmes para o tradicional ciclo de cine ao aire libre que ten lugar todos os veráns en Vigo. Aquí lles deixo o texto introdutorio do folleto que se repartirá durante as proxeccións, que se desenvolverán na Praza da Estrela ao longo desta semana, do luns 24 ao venres 28, e sempre ás 23 horas.
Camiños e fronteiras
Díxoo Godard: o cine é verdade vinte e catro veces por segundo. O cine serve, pois, para explorar a realidade, e a realidade é múltiple, complexa, mesmo ás veces ambigua. O ciclo Realidade'06 móvese desta vez por espazos fronteirizos, por terras de todos e de ninguén, e emprende camiños transformadores que modifican a vida daqueles que os percorren.
A Zona Libre da que nos fala Amos Gitai non é unha creación súa: é un lugar ao leste de Xordania, sen alfándegas nin impostos. Nun dos centros informativos do planeta, fonte permanente de noticias que falan de morte e destrución, existe un territorio de paz e de liberdade no que conviven a diario cidadáns de Palestina e de Israel, de Iraq e de Exipto, que acoden alí para facer compras e negocios. Un asunto de cartos é o que reúne na zona libre a Hanna e a Leila, personaxes moi diferentes que comparten a súa condición de vítimas dunha situación hostil. Ao fondo, a inocencia de Rebecca, intentando comprender un mundo que non lle pertence. Tres mulleres e un coche son os elementos que precisou Amos Gitai para crear unha fascinante metáfora do conflito palestino-israelita, con momentos fermosos e artisticamente tan atrevidos como esa secuencia construída con imaxes superpostas unhas ás outras que nos conta de maneira simultánea a viaxe a Xordania e o encontro/desencontro de Rebecca co seu mozo.
Rodadas en colaboración coa UNICEF, as curtametraxes de No mundo a cada tanto revisan a situación da infancia no mundo desde a ficción e o documental. A loita contra a SIDA (a India) e o paludismo (Guinea Ecuatorial), a vida nun barrio marxinal (Arxentina), o traballo infantil (Perú) e o dereito á educación das nenas (Senegal) son os temas tratados polos cinco cineastas españois conformando unha mensaxe común de solidariedade e de xustiza desde ópticas moi diferentes, mesmo desde o espírito alegre e imaxinativo co que enfoca o seu Javier Fesser.
Cando presentou no Festival de Donostia do ano pasado a súa película A pequena Lola, Bertrand Tavernier explicou que estaba algo canso de que un certo tipo de cine amosase con reiteración parellas rotas e familias desestruturadas, e que lle apetecía falar de xente que se quere e que está disposta a sacrificios como os que traen consigo os procesos de adopción internacional. O resultado do seu esforzo é este Holy Lola, un filme luminoso e épico que fala de amor e de amizade coa voz clara e rotunda dun mestre incontestábel.
O pesadelo de Darwin é, porén, un filme desolador. Desolador e necesario. Hubert Sauper elabora o documental definitivo sobre os efectos máis perversos da globalización nun traballo espectacularmente elocuente e inspirador que non cae nunca nun ton doctrinario ou discursivo. As imaxes de Sauper xúntanse formando un puzzle que fala da fame e a miseria que se estende ao pé dunha grande industria pesqueira, de prostitución e de SIDA, de explotación e de tráfico de armas. Unha obra mestra de visión obrigada, cuxo eco perdura para sempre na memoria.
Os tres enterros de Melquiades Estrada é o inesperado debut na dirección de cine do coñecido actor Tommy Lee Jones, tamén protagonista desta viaxe reveladora por territorio tex-mex para cumprir a derradeira vontade dun amigo, o Melquiades do título. O excelente guión de Guillermo Arriaga serve de punto de partida para este emotivo canto á integridade que moderniza sen traizoala a tradición do western máis clásico.
Luns, 24 de xullo, ás 23 horas, na Praza da Estrela de Vigo
Free Zone, de Amos Gitai, con Natalie Portman, Hana Laszlo, Hiam Abbass, Carmen Maura, Makram Khoury, Aki Avni e Uri Klauzner. Premio á mellor interpretación feminina (Hana Laszlo) no Festival de Cannes 2005. Sinopse: Rebecca, unha moza estadounidense que leva un tempo vivindo en Xerusalén, rompe a relación co seu noivo. Emocionalmente desfeita, sobe ao taxi de Hanna e pídelle que a leve a calquera lugar lonxe de alí. Hanna consinte en que a acompañe até a zona libre de Xordania, onde ten que ir para encontrarse cun socio do seu home ao que chaman “o americano” que lles debe unha importante cantidade de cartos. Ao chegaren á zona libre con quen contactan realmente é con Leila, unha muller palestina que lles explica que os cartos voaron e acepta conducilas até o oasis onde vive “o americano”.
Amos Gitai chegou ao cine por un cúmulo de circunstancias. A guerra do Yom Kippur interrompeu os seus estudos de arquitectura, pois houbo de sumarse a ela como oficial na reserva nunha unidade de helicópteros de rescate. Foi daquela cando empezou a gravar as primeiras imaxes, dándolle uso a unha cámara de 8mm que a súa nai lle regalara. O 11 de outubro de 1973, o día que cumpría 23 anos, un mísil sirio derribaba o seu helicóptero e provocaba a morte dun dos seus compañeiros; a fatídica experiencia fixo que definitivamente abandonase a arquitectura polo cine. Dedicado nun principio ao documental, desde finais dos 90 botouse a rodar ficción e convertiuse nun nome habitual nos festivais de Cannes e Venecia grazas a filmes como Kadosh, Kippur, Kedma, Alila ou Promised Land.
¶
O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.