Os que poidan ir mañá a Pontevedra, que vaian e nolo conten logo, fagan o favor:
O martes 23 de maio ás 16.15h terá lugar a IV Edición da Resaca das Letras [RdL06], unha xornada de reivindicación da Internet en galego na que terá lugar unha mesa redonda onde intervirán persoeiros do mundo da web e da comunicación de Galicia. A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra acollerá este acto na aula 7, e terá como convidados a
Luis Álvarez Pousa (director de
Tempos Novos e profesor de xornalismo especializado na Universidade de Santiago),
Marcus Fernández (xestor web do diario tecnolóxico
Codigocero.com),
Carlos Santiago (escritor e membro de
Arredemo e
Burla Negra),
Berto Yañez (fundador das plataformas de interacción social en Internet
Aduaneiros sem fronteiras e
Chuza.org),
María Yáñez (directora de
Vieiros) e
Amador Loureiro (
a dorfunteca).
A
Resaca das Letras nace en 2002 no abeiro da
Facultade de CCSS e da Comunicación. No ano 2004 outorgáronse premios ós millores sites en galego e resultaron gañadoras as páxinas de Vieiros.com e Reizentolo.com entre outras. Este ano, o acto centrarase na mesa redonda coa aportación dos convidados que abordarán diversas liñas temáticas no mapa web galego actual, desde o contexto comunicacional da rede até o boom dos blogs, pasando pola crecente importancia da interacción social na Internet. Asemade, avaliaráse o estado actual da rede galega e as perspectivas de futuro, así como a importancia de que a nosa cultura e língua conformen un espazo propio neste ámbito.
Pero aínda hai máis. Na propia facultade de CCSS e da Comunicación terá lugar un maratón de lectura de grandes obras en galego en formato de mini-libros. Esta iniciativa promovida polo docente Benigno Fernández Salgado, pretende, ó igual que a Resaca das Letras, a difusión e promoción do idioma galego. A maratón comezará as nove da mañá no salón de graos e durará aproximadamente entre oito e nove horas nas que os estudantes lerán para deleitar e potenciar o galego.
¶