
Hoxe é o
Día das Letras Galegas, a referencia máis importante do ano para a cultura galega; e é festivo, ou feriado, como prefiran. As librarías non abren e os colexios tampouco, e iso é algo que lles amola moito a
Jaureguizar, a Caneiro e aos da
Voz de Galicia, xornal que desde hoxe incorpora á súa web (e non vai sen tempo) unha
tradución automática á nosa lingua. Houbo un tempo en que a min tamén me parecía un erro que o 17 de maio aparecera nos calendarios en caracteres vermellos, pero acabei superando aquela confusión innecesaria. Facer non laborábel esta data outórgalle á celebración unha presenza que en ningún caso acadaría de ser tan só unha colección de actos fúnebres e honras florais a cargo de institucións fosilizadas. O Día das Letras debe ser unha festa, a nosa festa, e debe selo a todos os efectos.
Vaites! É o Día das Letras e resulta que non podo ir mercar un libriño en lingua autóctona! Ese argumento tan paifoco escóitase con moita frecuencia; digo eu que tamén é casualidade que sexa xusto hoxe o día no que algúns queren comprar os libros, podendo facelo onte, antonte ou mañá, ou en calquera outro momento do ano. Nos colexios tampouco se van organizar hoxe actos para lembrar a figura egrexia do
pai de Urbano, pero teñan por seguro que os que quixeron facelos xa os fixeron ao longo desta semana. Se loce o Sol
a xente vai á praia, dise ás veces case coma un reproche; e eu pregúntome que ten de malo ir á praia, como se a defensa da lingua e da cultura propia só puidera nacer de
accións intelectuais e non da normalidade cotiá. O país estará definitivamente normalizado o día que o 17 de maio estean todos os que o desexen bañándose no mar, e non
manifeirando polas rúas de Compostela para defender reivindicacións que nesta altura debían ser elementais.
E os autores elixidos, terían que ser vivos ou mortos? Pois o lóxico é que sexan ilustres defuntos, e por varias razóns:
unha, porque o paso do tempo é un crítico mordaz que sitúa a uns e outros no lugar que lles corresponde, e a súa obra (boa ou mala) pode ser analizada sen a influencia de factores externos.
Dúas, porque así se fixo sempre e non vexo razón sólida algunha para mudar a tendencia, que mesmo podería provocar implicitamente a sensación de que "xa non quedan" posíbeis homenaxeados.
Tres, porque como moi ben explica
Cesare recorrer a autores vivos non leva a un maior achegamento á sociedade (Euloxio Ruibal vs Vidal Bolaño) e tampouco supón unha mellora na calidade dos autores elixidos (Luz Pozo vs Xosé María Díaz Castro).
Catro, optar por autores vivos nun país coma este levaría aparellada de maneira inevitábel presións directas ou indirectas duns e doutros para seren elixidos e dificultaría a independencia da elección respecto do governo que mande en cada momento, do mesmo xeito que non é casual que durante o aznarismo foran premiados co
Cervantes o "favorito" José Jiménez Lozano, o furibundo anticastrista Cabrera Infante e o escritor estrela de
El Mundo Francisco Umbral, ou que o primeiro galardonado da era post-PP fose o moi crítico co poder Sánchez Ferlosio.
O que molesta, parece, é a visibilidade; de acordo con esa lóxica as cousas hai que facelas, si, pero a pequena escala e con ánimo fervorosamente militante: a cultura como unha leira privada allea aos cidadáns. Trátase, acaso, de facer unha festa que non o pareza, unha festa na que ninguén é convidado? Unha festa para iniciados, para directores de suplementos de cultura, para habituais das mesas redondas? Ou é unha festa de todos e para todos, que toma como escusa un nome pero que por riba de todo debe ser unha celebración exultante, optimista, sen bágoas, sen lamentos, sen derrotismos? E é que de bágoas e derrotas xa estamos cheos; e se alguén cre de verdade que para o galego non hai futuro, que se pase o castelán e se deixe de lerias e de ambigüidades. Non precisamos
amigos coma eses; eu prefiro, con moito, aos inimigos, que son infinitamente máis estimulantes.
dos arquivos estranhos: No Día das Letras (2005)
¶