
A morte do director de
Shaft, Gordon Parks, a quen xa lle dedicamos un post hai uns días, serviunos hoxe de escusa no
Extrarradio para achegármonos ao curioso mundo da
blaxploitation, o nome co que foron designados os filmes producidos a principios dos anos 70 nos Estados Unidos e dirixidos maioritariamente a unha audiencia negra. Cine feito con máis vocación comercial que artística, a
blaxploitation non deixa para a historia ningunha obra especialmente valiosa, e hoxe o seu interese é sobre todo sociolóxico. Na maior parte dos casos tratouse de películas inzadas de estereotipos e xeneralizacións perversas, cheas de brancos racistas e corruptos e con actores afroamericanos como protagonistas de relatos nos que o mundo das drogas e a prostitución acostumaban a estar moi presentes. Tamén abundaron as versións de títulos moi coñecidos do cinema adaptados ao particular estilo do xénero; xurdiu así un
Blacula, un
Blackenstein e mesmo houbo unha
muller posuída polo demo e finalmente exorcizada no chan dunha discoteca, facendo compaña ás intrépidas
Cleopatra Jones e
Foxy Brown e a toda unha serie inacábabel de chulazos de pel escura. A
blaxploitation foi útil por darlles máis tempo en pantalla aos personaxes de homes e mulleres negros, pero na práctica seguía reproducindo uns roles agresivos e hipersexualizados non moi afastados da máis noxenta mitoloxía racista ianqui.
O título fundacional da
blaxploitation é
Sweet Sweetback's Baad Asssss Song, filme á cuxa produción se entregou de xeito obsesivo o seu director, guionista e montador Melvin Van Peebles. Feita case sen cartos e grazas ao apoio financeiro de Bill Cosby,
Sweet Sweetback's Baad Asssss é un exemplo de como rodar unha película sen medios, recorrendo a solucións bizarras como a contratación de profesionais non sindicados para aforrar soldos ou a participación de xente da propia familia, incluído o seu fillo Mario na tremenda escena inicial na que o protagonista perde a virxinidade sendo aínda un cativo. O filme foi un éxito colosal, tan grande que hai quen asegura que o detective de
Shaft mudou de branco a negro durante a escritura do guión para sumarse ao carro do éxito. Hoxe é difícil aturala enteira, pero non lle podemos negar a
Melvin Van Peebles unha certa audacia visual adquirida nos seus anos de aprendizaxe europea, e mesmo cabe recoñecer algúns sinais godardianos no seu gusto pola montaxe abrupta.
O fillo de Melvin, Mario Van Peebles, dirixiu trinta e tres anos despois unha espléndida película que reconstrúe aquela difícil rodaxe,
Baasasssss! How to Get the Man's Foot Outta Your Ass. Filme moi recomendábel polo que conta e por como o conta,
Baadasssss! ten ademais un fascinante aquel freudiano nesa idea de ver a un fillo revisando a personalidade do seu pai, retratado coma un home arrogante e despreocupado polos demais, capaz de calquera cousa con tal de levar adiante os seus propósitos, pero que no fondo é un sentimental que quere incondicionalmente ao seu fillo aínda que non o demostre demasiado. É especialmente interesante o tratamento que Mario Van Peebles dá desa escena inicial antes citada e da que el mesmo foi protagonista (ou vítima) de neno.
Baadasssss! acaba sendo, pois, un exercizo catártico de cinema dentro do cinema, un axuste de contas co pasado feito con agarimo e xenerosidade.
¶