
Paso pola oficina de correos para recoller os dous primeiros libros lanzados por
Rinoceronte, o máis estimulante proxecto cultural que apareceu no noso país en moito tempo.
Seda, do italiano
Alessandro Baricco, e
O bosque dos raposos aforcados, do finlandés
Arto Paasilinna, inauguran o
catálogo dunha editorial que nos proporcionará satisfaccións literarias a feixes. A edición é aínda mellor do que agardaba. Os volumes son verdadeiramente fermosos, sen luxos pero coidados até o máis mínimo detalle, con capa branda e flexíbel (¡odio as tapas duras!), un deseño elegantísimo e versátil que seguirá sendo moderno dentro de vinte anos e un formato e unha tipografía que facilita a cómoda lectura. Fáganme caso:
subscríbanse, que paga moito a pena.
Con Moisés Barcia, unha das cabezas visíbeis deste
Rinoceronte, conversaremos este sábado a iso das 12:30 no apartado de cine do
Extrarradio que presentan Belén Regueira e Eduardo Herrero na
Radio Galega. Intentarei que nos explique o seu curioso interese pola cinematografía checa en xeral e pola actriz
Anna Geislerová en particular.
¶