Con apenas dous anos de retraso chega a España -
codificada, iso si- a magnífica adaptación da
obra de Tony Kushner.
Angels in America conta cun reparto dos que fan época, empezando polos máis célebres Al Pacino, Meryl Streep (sublime en todos os seus papeis, pero especialmente no de Ethel Rosenberg) e Emma Thompson, e acabando polos verdadeiros protagonistas aínda que menos coñecidos
Justin Kirk,
Ben Shenkman (a quen lembramos en
Pi e
Requiem for a dream) e
Patrick Wilson, presente na horrenda
The Phantom of the Opera e na última gañadora do Festival de Sitges,
Hard Candy. Engadan á lista outros dous nomes que fan que nos esquezamos de todos os demais cada vez que aparecen na pantalla: a impagábel
Mary Louise Parker e o xenial
Jeffrey Wright, movéndose con sorprendente naturalidade entre a contención e un certo histrionismo. Feita para a televisión por cabo americana,
Angels in America loce un esplendoroso aspecto cinematográfico grazas a un equipo de auténtico luxo no que sobresaen o director de fotografía
Stephen Goldblatt, a
oscarizada deseñadora de vestuario
Ann Roth, o editor e tamén
gañador dun premio da academia de cine americana
John Bloom, o deseñador de produción
Stuart Wurtzel, colaborador de Woody Allen na extraordinaria
A rosa púrpura do Cairo, ou o músico
Thomas Newman, autor de melodías tan inesquecíbeis como as de
American Beauty ou
Six feet under.
Rodada con extrema pulcritude por un inspirado
Mike Nichols, capaz de saír triunfante mesmo deses alucinantes desvaríos oníricos da trama que nos levan polo camiño da fantasía máis bizarra,
Angels in America é un oasis que nos reconcilia coas enormes posibilidades da televisión, ese medio magnífico que de cando en cando nos proporciona
froitos excelsos fabricados case sempre
no mesmo lugar.
¶